Archivo por meses: junio 2016

Visita do embaixador de Truquía, Sr. Önhon

Reunión co embaixador de Turquía en España, Ömer Önhon, que acompañado do Primeiro Secretario da Embaixada, Sr. Bilgin e do Cónsul Honorario de Turquía en Galicia, Sr. Peleteiro, se desprazaron á  Cámara galega no marco dunha visita que está a efectuar á Comunidade Autónoma.

Na entrevista, ademais de analizar a situación das relacións entre Galicia e Turquía, Santalices Vieira trasladou a Ömer Önhon a solidariedade da Cámara lexislativa galega polo atentado rexistrado o pasado martes no aeroporto de Istambul, ao tempo que fixo votos por unha pronta recuperación das persoas feridas. O presidente do Parlamento de Galicia amosouse convencido de que “o imperio da lei acabará impoñéndose sobre a barbarie terrorista”.

 

Xeneral Xefe da Garda Civil en Galicia

Esta mañá recibín ao xeneral xefe da zona da Garda Civil de Galicia, Ángel Alonso Miranda, no marco da rolda de visitas protocolarias de presentación que está a afectuar logo de tomar posesión como responsable da Benemérita na Comunidade Autónoma o pasado 22 de xuño.

Omeu desexou de éxito ao xeneral Alonso no desempeño da responsabiildade que lle foi encomendada.

Visita Xeneral Garda Civil 30_06_16_1Visita Xeneral Garda Civil 30_06_16_2

O presidente do Parlamento recibe a unha delegación da Embaixada de Israel en España

Miguel Santalices, recibe a una delegacion IsraeliMiguel Santalices, recibe a una delegacion IsraeliMiguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia, recibiu esta mañá, no seu despacho a da Cámara a unha delegación da Embaixada de Israel en España, integrada polo ministro conselleiro, Yinam Cohen; e pola portavoz, Hamutal Rogel. Tamén participou na entrevista o presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel, Pedro Gómez-Valarés.

A visita enmárcase na rolda de contactos protocolarios que o presidente do Parlamento de Galicia adoita celebrar con representantes do corpo diplomático e das diferentes institucións que visitan a Comunidade Autónoma.

 

 

 

A valedora do Pobo entrega o Informe Ordinario de 2015

A valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, entregou esta mañá ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, o Informe Ordinario desta institución correspondente ao exercicio de 2015.

Comeza, deste xeito, a tramitación parlamentaria do Informe, que previsiblemente será cualificado pola Mesa da Cámara que se reúne esta tarde, e rematará cunha comparacencia da valedora ante o Pleno do Parlamento de Galicia.

• O Parlamento acolleu un pleno infantil organizado coa colaboración de “Aldeas Infantiles” no marco da iniciativa “Deputados por un día”

Alumnado de catro centros escolares galegos -CPI Armando Cotarelo Valledor, de Boimorto (A Coruña), do CEIP Casás, de Lugo, do CEIP Plurilingüe de Seixalbo (Ourense), e do CEIP Cerdeiriñas – Piloño, de Vila de Cruces (Pontevedra)- participou hoxe nun Pleno infantil celebrado no Parlamento de Galicia no marco da iniciativa “Deputados por un día”, organizada pola Cámara galega coa colaboración de “Aldeas Infantiles”.

No acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reiterou que a Cámara que preside “mantén intacta a vocación de representar ao conxunto  das galegas e galegos coa maior fidelidade posible” e felicitouse pola celebración deste Pleno Infantil. “O Parlamento está encantado de tervos entre nós e de escoitar con atención o moito e interesante que nos podedes aportar”.

O alumnado participante nesta edición de “Deputados por un día” centrou os seus traballos na audacia, a prudencia e a toma de decisións, asumindo compromisos relacionados con estas cualidades e procesos.

Santalices Vieira destacou a importancia do compromiso persoal, cada un na medida das súas posibilidades, para contribuír ao correcto funcionamento da sociedade.

“Precisamos do compromiso do persoal docente e sanitario para ter unha educación e unha sanidade de calidade, pero tamén é necesario o voso compromiso  para respectar e seguir as indicacións dos profes”, sinalou dirixíndose aos escolares presentes no Salón de Plenos do Parlamento.

“A vida é, case sempre, unha sucesión de compromisos –dixo-. E cando estes se cumpren  asegúrase a boa marcha de case todo. Seguro que os vosos pais e as vosas familias vos piden que vos comprometades a ter un bo comportamento, a estudar, a ser solidarios, a colaborar nas tarefas domésticas, a respectar aos demais”.

“Todos asumimos compromisos. E vós debedes asumilos tamén, estou seguro de que xa o facedes”, agregou o presidente do Parlamento.

O presidente de “Aldeas Infantiles” abriu o acto, ao que tamén asistiron deputados dos diferentes grupos parlamentarios e maila directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia.

O presidente do Parlamento recibe a unha delegación de Vilanova de Arousa e da localidade alemana de Cuxhaven, irmandadas desde hai 15 anos

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta mañá a unha delegación do concello de Vilanova de Arousa e do municipio alemán de Cuxhaven, irmandados desde hai 15 anos como consecuencia da emigración que tivo como destino esa cidade da Baixa Saxonia décadas atrás.

A delegación que visitou o Parlamento de Galicia estivo integrada polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida; e a concelleira de Xuventude, Nuria Morgade Pouso.  Entre os visitantes alemáns figuraban o subsecretario de Fomento e Transportes do Goberno Federal e concelleiro de Cuxhaven, Enak Ferlemann; o alcalde de Cuxhaven, Albrecht Hartel, e outros cinco concelleiros pertencentes a todos os partidos que forman parte da corporación.

Durante o encontro, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, valorou este tipo de iniciativas de irmandamento e destacou o acerto de orientalas, como está a facer o Concello de Vilanova de Arousa, en beneficio da promoción exterior da comarca. Rematada a reunión co presidente da Cámara, os integrantes da delegación efectuaron unha visita guiada á sede do Parlamento de Galicia.

Premio Losada Diéguez 2016

13442187_1040814042666617_7458377845498686661_n

Miguel Ángel Santalices Vieira, participou, en Boborás (Ourense), no acto de entrega do Premio Antón Losada Diéguez 2016, que nesta edición recaeu nas obras Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, na modalidade de creación literaria; e en Vicente Risco. Mestre de Mestres, de Xosé Fernández Fernández, galardoado na modalidade de ensaio.
A xuizo de Santalices, os dous autores “son partícipes do rexurdimento da cultura galega”  na actualidade, ao tempo que os felicitou pola concesión do galardón que nesta edición cobra un “significado especial” na medida en que honra a memoria de Antón Losada Diéguez, un dos impulsores das Irmandades da Fala das que en 2016 se celebra o centenario da súa fundación.
En opinión do presidente do Parlamento de Galicia, Losada Diéguez e cantos participaron nas Irmandades da Fala primeiro, e en Nós e no Seminario de Estudos Galegos, despois, “abriron novas canles de estudo, investigación e difusión da cultura e a realidade galega nas súas diversas manifestacións”. Por iso, “a Galicia actual é o que é, en boa parte, grazas ao camiño aberto por eles”.
En opinión do presidente do Parlamento, “o bilingüismo da Galicia actual,  elevada capacidade de autogoberno que exerce a Comunidade Autónoma e o rexurdimento que protagonizan as diferentes manifestacións culturais –arte, literatura, creación audiovisual,…-  non son máis ca o resultado da sementeira impulsada por aqueles pioneiros  de hai un século, que gañaron a pulso o recoñecemento colectivo do noso pobo”.
De Ledicia Costas, a escritora galardoada nesta edición do Premio Losada Diéguez, Santalices destacou a “súa sólida carreira literaria” a pesar da súa xuventude”, poñendo tamén de relevo o crecente protagonismo feminino na literatura galega contemporánea. Ao tempo, valorou o “enfoque novedoso” sobre Vicente Risco da obra de Xosé Fernández Fernández, premiada na modalidade de ensaio.

Entrega de galardóns da «Asociación Española contra el Cáncer» en Ourense

20160609_SANTALICES120160609_SANTALICES2

A «Asociación Española contra el Cáncer» entregou onte os V Galardóns AECC Ourense 2015 na capital das Burgas.

20160609_SANTALICES3Os premiados foron:

-Director do pabellón de deportes Paco Paz, Ángel Cid Manzano.

-Pablo Álvarez, un xoven empresario da firma de diseño Bdosmilcatorce e,

-Martín Pousa, presidente da asociación de pasteleros

 

Declaración Institucional do Parlamento de Galicia no marco do Día Internacional contra o Traballo Infantil

Os deputados e as deputadas que neste Parlamento representamos a cidadanía  galega facemos un chamamento á comunidade internacional para defender que todos os nenos  e nenas teñan acceso á educación universal gratuíta como un dereito básico e obrigatorio e a loitar polo desenvolvemento de políticas que impidan a explotación infantil a través do traballo.

Todos os  nenos  e nenas teñen os mesmos dereitos, establecidos en tratados internacionais como a Convención sobre os dereitos do neno, que recolle os dereitos da infancia e inclúe dereitos como o dereito á educación. As institucións públicas e, en concreto, este Parlamento responsabilízanse e garanten que todas as nenas e os nenos poidan acceder aos seus dereitos e instan a que tamén sexa así a nivel global.

O traballo infantil é consecuencia de situacións de pobreza nas  que os nenos e nenas están obrigados a abandonar os estudos para manter economicamente as súas familias, perdendo o dereito á nenez e a súa posibilidade a un futuro digno.

Este Parlamento é consciente de que a situación das nenas é  especialmente difícil, xa que sofren una dobre vulneración pola súa idade  e  polo seu xénero. Así, as nenas son as máis pobres entre os pobres: nos  países en vías de desenvolvemento as nenas son as máis vulnerables, un feito que se acentúa cando no seu contorno hai  escaseza de recursos. Este factor, xunto con outros condicionantes, fai  que as nenas non poidan ir ao colexio e que sufran prácticas como o matrimonio infantil, o traballo infantil doméstico, o embarazo temperán, a violencia, a discriminación e a mutilación xenital feminina.

O Parlamento de Galicia reitera  o seu compromiso cos  dereitos da infancia e a súa loita contra o traballo infantil e, en concreto, o traballo doméstico que realizan millóns de nenas no mundo.

Xantar-coloquio, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, apuntou hoxe que unha das súa obrigas é a de “explicar o que facemos, pero tamén a escoitar e tomar nota sobre o que o Parlamento pode facer polas persoas; porque o Parlamento é unha institución útil, sempre á escoita e ao servizo dos cidadáns».

Santalices Vieira participou este mediodía, en Vigo, nun xantar-coloquio convocado polo Círculo de Enmpresarios de Galicia.  Explicou que acode a este encontro “encantado”, porque o Parlamento de Galicia está obrigado a abrirse á sociedade: que as persoas visiten e coñezan a sede do Lexislativo, pero tamén que os  representantes da institución estean ao pé da rúa ”onde sexamos requiridos, ao carón dos problemas, e ao carón da xente á que nos debemos”.

Destacou que o Parlamento de Galicia é a Cámara autonómica que máis traballa de España, ao tempo que se sitúa entre as máis eficientes en termos económicos.

No encontro, o presidente do Parlamento explicou o amplo paquete lexislativo de rexeneración e impulso democrático aprobado pola Cámara autonómica no último ano.

Este conxunto de normas incluíu a Reforma do Regulamento da Cámara e as leis de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá; a reforma da Lei do Consello de Contas e prevención da corrupción, a de  financiamento das formacións políticas e entidades vinculadas, a de  modificación das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a de transparencia e bo goberno, e a de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público.

A xuízo de Santalices Veira, con este conxunto de leis, Galicia dotouse  dunha estructura normativa  novidosa e pioneira en moitos aspectos, que permite un Parlamento máis áxil, transparente e participativo, e que, ademais,  incrementou a capacidade de control e impulso da oposición.

Referíndose a medidas derivadas deste paquete lexislativo, Santalices citou o incremento da independencia do Consello de Contas, reforzado con competencias para a a prevención da corrupción; o reforzamento das funcións do Valedor do Pobo en materia de transparencia; o incremento do control sobre o financiamento das formacións políticas; a aprobación de “unha das normas máis avanzadas” en materia de transparencia e bo goberno; ou a que impide que a Administración asuma a defensa xurídica das persoas que actuaran contra o interese xeral.

O presidente do Parlamento animou aos integrantes do Círculo de Empresarios e ao conxunto da sociedade a utilizar as diferentes fórmulas de participación na vida parlamentaria contempladas na Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá aprobada pola Cámara lexislativa.

“Queremos que a xente participe masivamente porque todas as ideas e propostas son benvidas”, afirmou Santalices, referíndose á posibilidade de que os cidadáns participen no control ao Goberno, formulando propostas de preguntas que poden ser asumidas polos grupos parlamentarios, pero tamén facendo uso doutras fórmulas como a posibilidade de enviar comentarios ou suxestións ás leis en trámite, o dereito de petición perante o Parlamento, as proposicións de lei de inciativa lexislativa popular (reduciuse de 15.000 a 10.000 o número de sinaturas necesarias, convertendo a Galicia nunha das Comunidades menos esixentes).

 O Parlamento de Galicia tamén é o único que contempla a participación popular no impulso da acción de Goberno a través das proposicións non de lei, que deben presentarse  respaldadas por 2.500 sinaturas e logo ser asumidas por un grupo parlamentario.