O Parlamento de Galicia acolle un acto institucional para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá un acto institucional conmemorativo do Dia Mundial de Concienciación sobre o Autismo, organizado coa colaboración da Federación Autismo Galicia.

O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou a utilidade de actos como o de hoxe para poñer o foco sobre a realidade do autismo e reclamou superar a estigmatización que en ocasións acompaña esta realidade.

Santalices agradeceu a elección do Parlamento como escenario para a celebración institucional do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo na medida en que constitúe o “foro adecuado para trasladar inquedanzas” como as recollidas no manifesto da Federación Autismo Galicia á que se deu lectura durante o acto. Valorou tamén a asistencia ao acto de representantes das catro forzas políticas representadas na Cámara.

Reiterou que o Parlamento de Galicia, “aberto e accesible” apoia a estratexia de “visualización” impulsada pola Federación Autismo Galicia.

O presidente da Cámara agradeceu especialmente o traballo das diferentes entidades que operan no ámbito do autismo, así como a implicación das distintas administracións.

O acto contou tamén coas intervencións da conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, e da presidenta da Federación Autismo Galicia, María José Álvarez Folgar. Tamén asistiron o vicepresidente primeiro e a secretaria de Mesa do Parlamento, así como a valedora do pobo.

Durante a mañá, os asistentes participaron nunha visita guiada ao Parlamento de Galicia acompañados por persoal da Federación Autismo Galicia.

Xornada de enfermidades raras: Ciliopatías comúns e ultrarraras

DSC_2070O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá a Xornada de enfermidades raras: Ciliopatías comúns e ultrarraras, que se desenvolve no Edificio Politécnico do Campus de Ourense baixo o título A ciencia da man do paciente.

Santalices Vieira subliñou a importancia  de “axilizar o diagnóstico” das persoas afectadas por unha enfermidade rara, ao tempo que se amosou esperanzado en que as diferentes liñas de investigación nas que se traballa actualmente “podan ofrecer resultados alentadores”.

O presidente do Parlamento agradeceu o labor de concienciación que desenvolven as diferentes organizacións que traballan no ámbito das enfermidades raras e instounos a non caer no desánimo ante a ausencia de resultados inmediatos. “Quero insistir na necesidade de non perder a esperanza e animalos a seguir chamando a atención da sociedade en xeral, e dos poderes públicos en particular”, afirmou.

Santalices agradeceu a invitación a participar nesta xornada, intervención que enmarcou no esforzo do Parlamento por “estar presente no día a día das galegas e galegos, porque estamos convencidos de que a nosa tarefa pode e debe resultar máis útil canto mellor coñezamos as diferentes realidades da nosa sociedade.

Visita institucional do embaixador de Turquía ao Parlamento de Galicia

20190325_santalices_03O embaixador da República de Turquía en España, Cihad Erginay, efectuou esta mañá unha visita institucional ao Parlamento de Galicia, onde foi recibido polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

A visita enmárcase na rolda de contactos que o diplomático turco está a manter despois da súa recente toma de posesión como embaixador en España.

Santalices Vieira interesouse polas relacións entre España e Turquía e fixo votos polo seu fortalecemento. O diplomático turco foi convidado a asinar no libro de ouro do Parlamento de Galicia e, rematada a entrevista, tivo ocasión de efectuar unha visita ás diferentes dependencias do Pazo do Hórreo.

Minuto de silencio no Parlamento de Galicia contra a violencia machista

DSC_0015 (Medium)O Parlamento de Galicia gardou este mediodía un minuto de silencio en repulsa contra a violencia machista e en memoria das últimas vítimas galegas: unha muller natural de Sober asasinada en Madrid o pasado venres e unha muller asasinada onte en Valga.

Na concentración, encabezada polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, participaron membros da Mesa, portavoces, deputadas e deputados, persoal da Cámara e do Valedor do Pobo.

 

Sinatura do protocolo de colaboración entre o Parlamento de Galicia e a Federación Autismo Galicia

045_3672O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e maila presidenta da Federación Autismo Galicia, María José Álvarez Folgar, asinaron hoxe un protocolo de colaboración orientado a facilitar a comunicacion e a accesibilidade, no ámbito da Cámara galega, das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

No marco deste protocolo, o Parlamento de Galicia implantará, na súa sede, pictogramas específicos orientados ás persoas con TEA, para o que contará con asesoramento da Federación Autismo Galicia.

O Lexislativo galego facilitará a accesibilidade e participación das persoas con TEA nos diferentes programas de divulgación da Cámara galega. Para iso, adaptará as diferentes modalidades de visitas guiadas  ás necesidades específicas das persoas con TEA, axustará a guía didáctica do programa “Coñece as túas institucións” dirixido ao estudantado, e terá en conta as necesidades das persoas con TEA nas actividades institucionais, sociais e culturais que organice o  Lexislativo galego. Entre outras medidas, o Parlamento tamén adecuará o material divulgativo sobre a institución para que resulte comprensible para as persoas con TEA.

A sinatura deste convenio enmárcase na liña de acordos que o Parlamento está a formalizar con diferentes entidades e asociacións que traballan no ámbito da diversidade funcional e a integración social.

intercambio europeo impulsado polo Concello de Melide

As persoas participantes no proxecto de irmandamento “Igualdade e desigualdade de xénero na Europa da Conciliación”, impulsado polo Concello de Melide visitaron esta tarde o Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.DSC_0031

Participan nesta iniciativa arredor de 40 persoas procedentes de 6 localidades de outros tantos países europeos: Portugal, Eslovaquia, Polonia, Italia, Letonia e Hungría.

Durante o encontro, Santalices explicou a historia e funcionamento do Parlamento de Galicia e respondeu ás cuestións que lle foron plantexadas polos visitantes.

Participaron tamén na visita a alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, e a directora xeral de Xuventude da Xunta, Cristina Pichel Toimil.

 

O viceministro polaco de Emprendemento e Tecnoloxía interésase polo funcionamento do Parlamento de Galicia

DSC_0037O viceministro polaco de Emprendemento e Tecnoloxía, Macin Michal Ociepa, visitou esta mañá o Parlamento de Galicia, onde foi recibido e mantivo unha entrevista co titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

A visita responde ao interese do viceministro por coñecer o funcionamento da Cámara galega, no marco dunha viaxe a Galicia.

Santalices Vieira explicoulle a historia, o funcionamento e a composición do Parlamento de Galicia. Detívose especialmente nos mecanismos de participación cidadá habilitados polo Parlamento de Galicia, boa parte dos cales se poden facer efectivos a través da sede electrónica habilitada a finais do pasado ano pola Administración parlamentaria, converténdose así no primeiro lexislativo autonómico en dispor cun servizo destas características. O ministerio polaco de Emprendemento e Tecnoloxía é o competente en materia de dixitalización.

O viceministro acudiu acompañado pola embaixadora da República de Polonia en España. Marzenna Adamczyk, e polo cónsul honorario de Polonia en Galicia, Juan M. Vieites Baptista de Sousa.

O alto funcionario polaco foi convidado a asinar no libro de honra do Parlamento de Galicia e coñeceu o edificio acompañado polo presidente do Parlamento.

Integrantes da Coordinadora galega de ONG para o desenvolvemento

DSC_0005Directivos da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento reuníronse este mediodía co presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, ao que explicaron os principais proxectos e liñas de traballo que están a acometer en diferentes países.

Participaron na reunión o presidente da Coordinadora, Alejandro Quiñoá Casteleiro; a vicepresidenta, Gema Filgueira Garrido; a secretaria, María Paz Gutiérez; e a técnica Sara García Mato.

I Xornadas sobre retos das administracións contemporáneas

DSC_8858“As administracións deben evolucionar ao carón da sociedade, a ser posible por diante, nun entorno crecentemente cambiante, no que a sensibilidade e as demandas da cidadanía mudan a moito maior ritmo ca no pasado”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, esta tarde, na inauguración das I Xornadas sobre retos das administracións contemporáneas, que se celebran no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense.

Abundando nesta idea, o titular do Lexislativo galego engadiu que o principal desafío dos poderes públicos é “dar resposta ás demandas e ás necesidades da cidadanía”.

Apuntou, nesta liña, que “para estar á altura do que a xente agarda dela”, a Administración –con independencia do seu ámbito competencial-  “deberá ser transparente, deberá transmitir confianza, deberá ser accesible, facilitar a participación e  amosarse próxima aos intereses das persoas;  deberá responder con inmediatez e deberá xestionar os recursos públicos –recursos que son de todos, porque proceden dos impostos- con criterios de eficacia e de eficiencia”.

Para materializar estes obxectivos –engadou Santalices Vieira-, as tecnoloxías da información e a comunicación “convertéronse en magníficos aliados”, especialmente en ámbitos como o da transparencia, a accesibilidade, a proximidade ou a participación.

Recordou que malia non ser unha administración ao uso, o Parlamento de Galicia traballa co obxectivo de facer realidade obxectivos como os enunciados por Santalices na súa intervención e convidou aos participantes nas xornadas a coñecer a sede electrónica da Cámara, a primeira deste tipo impulsada por un parlamento autonómico en España para avanzar en materia de transparencia, participación e proximidade.

“Somos unha cámara eficaz pero, ademais, xestionamos con eficiencia os recursos económicos que a sociedade pon a nosa disposición”, afirmou o Parlamento de Galicia, que puxo como exemplo o feito de que o custe medio dun deputado no Parlamento de Galicia é xusto a metade respecto ao Parlamento Vasco, que conta tamén con 75 deputados.

Santalices comezou a súa intervención recoñecendo a “non moi boa imaxe” do colectivo de funcionarios públicos entre o conxunto da sociedade, feito que, na súa opinión, constitúe tamén un reto a superar.