Archivos Mensuales: febrero 2017

O Parlamento acolle a primeira xornada sobre reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibrilador semiautomático

O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a primeira xornada de formación práctica sobre reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibrilador externo semiautomático, unha actividade organizada pola Cámara Galega coa colaboración da Consellería de Sanidade, o Servicio de Cardioloxía do CHUS e a Sociedade Española de Cardioloxía para concienciar á sociedade sobre a importancia desta manobras.

Antes do inicio da xornada, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, explicou que dado que as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte en Galicia, “pareceunos oportuno enviar unha mensaxe á sociedade” en relación coa importancia de que o maior número de persoas conten con coñecementos básicos sobre como actuar ante situacións como unha parada cardíaca ou un atragantemento por por asfixia.

Animou ás consellerías de Sanidade e de Educación a impartir coñecementos deste tipo á poboación máis nova e puxo como exemplo aos países nórdicos, onde “reduciron de maneira espectacular a taxa de mortalidade” logo de implantar programas de formación en materia de reanimación. O conselleiro de Sanidade, presente no acto, avanzou que Galicia conta tamén con diferentes iniciativas neste sentido, como unha na que participan a Consellería de Sanidade e o 061 para formar aos nenos.

Santalices Viera agradeceu a colaboración do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a través do Servizo de Cardioloxía que dirixe o Dr. González-Juanatey, e da Consellería de Sanidade para facer posible a celebración da xornada na que hoxe participan 60 persoas.

 A elevada receptividade acadada por esta convocatoria, dirixida a deputados e deputadas, persoal do Parlamento e xornalistas acreditados, obrigou a organizar unha segunda xornada o vindeiro venres, 3 de marzo.

Os participantes na xornada asisten, en primeiro lugar, a unha sesión teórica impartida por persoal facultativo do CHUS para, de seguido, por quendas, realizar simulacros prácticos de reanimación e uso de desfibrilador externo semiautomático.

No día de hoxe, o Parlamento habilitou tamén un desfibrilador externo semiautomático, que quedará ubicado  nun corredor situado preto do acceso ao hemiciclo. Este equipamento súmase ao restante material sanitario dispoñible nos servizo médico da Cámara.

Anuncios

Unha delegación de ANFACO-CECOPESCA visita o Parlamento de Galicia

Unha delegación da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados  e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), integrada por directivos de diferentes empresas do sector, efectou hoxe unha visita ao Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

visita-anfaco-cecopesca-20_02_17_4A visita enmárcase na aposta de Santalices por abrir o Parlamento á sociedade. Os participantes nesta actividade tiveron ocasión de efectuar unha visita guiada á sede do Lexislativo galego.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira,   explicou o funcionamento do Lexislativo galego, ao tempo que animou aos empresarios participantes na visita a coñecer os diferentes mecanismos de participación cidadá habilitados pola Cámara. Destacou a posibilidade de que a cidadanía formule comentarios ou suxestións aos textos lexislativos en trámite a través da ferramenta denominada “Lexisla con Nós”, dispoñible na web.

Cara o final da reunión, o  presidente do Parlamento convidou a sumarse ao encontro aos portavoces de Pesca dos grupos parlamentarios e á presidenta da Comisión 8.ª, Pesca e Marisqueo, Marta Rodríguez Arias.

Declaración institucional en apoio ao cambio de denominación do Aeroporto de Santiago de Compostela

dsc_0354En datas recentes o Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou por unanimidade unha declaración institucional na que se insta ao cambio da denominación do Aeroporto de Santiago de Compostela, que pasaría a denominarse «Aeroporto Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, Lavacolla».

Rosalía de Castro brilla con luz propia na historia de Galicia, e é a escritora máis representativa da lingua galega e unha figura fundamental da literatura europea. Rosalía de Castro dedicou a súa vida á recuperación e á forxa da súa identidade persoal, da súa identidade de xénero e da identidade de Galicia, logrando nese camiño unha manifestación artística única e precursora da nosa mellor literatura. O Rexurdimento comeza coa publicación de Cantares Gallegos, que devolve a lingua galega á escrita tras séculos de silenciamento.

O Aeroporto de Santiago de Compostela–Lavacolla é outro importante referente simbólico de Galicia: representa a conexión coa diáspora galega en Europa e no mundo; e é tamén a principal vía de entrada e saída dos millóns de visitantes que cada ano se achegan a visitar Galicia e a súa capital.

Por todos estes motivos, o Parlamento de Galicia, atendendo á demanda da corporación municipal de Santiago de Compostela, á que se teñen adherido outras institucións como a Real Academia Galega, manifesta o seu apoio á proposta do cambio do nome do Aeroporto de Santiago de Compostela para que pase a denominarse «Aeroporto Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, Lavacolla».

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2017

Os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León, unidos fronte ao despoboamento e o envellecemento da poboación de Europa

020202017-reunion-silvia-pte-parlamento-galicia2O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e a súa homóloga das Cortes de Castela e León, Silvia Clemente, mantiveron esta mañá en Valladolid unha reunión de traballo previa á constitución do Grupo de Traballo sobre despoboamento e envellecemento da poboación na Unión Europea que puxeron en marcha no seo da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE). Ante a demografía desigual de Europa en 2050 ambos os presidentes reclamaron medidas coordinadas e concretas de todas as institucións europeas.

Os 74 Parlamentos rexionais da Unión Europea acordaron, na reunión celebrada na localidade italiana de Varese, en novembro do pasado ano, a creación dun grupo de traballo que analice e estude o despoboamento e o envellecemento de Europa.

O obxectivo deste grupo de traballo, que estará coordinado pola presidenta das Cortes de Castela e León, Silvia Clemente, será analizar que factores, económicos, sociais e/ou estruturais están a determinar a demografía de Europa, marcada pola perda de poboación como consecuencia das escasas cotas de natalidade e o envellecemento progresivo da poboación. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, será un dos integrantes dese grupo de traballo.

Durante o encontro entre os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León analizouse o cronograma que se vai seguir para a posta en marcha dese grupo de traballo. En primeiro lugar, desde as Cortes de Castela e León convidarase a participar no Grupo aos 74 parlamentos que compoñen a CALRE.

Os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León coincidiron en destacar que se trata dun grupo de traballo moi relevante para o futuro de toda Europa, e en especial destas Comunidades Autónomas, á vista das proxeccións demográficas até 2050 do Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea.

Segundo estes datos, nese ano haberá unha demografía desigual en Europa. En rexións da Europa oriental pertencentes a países como Romanía, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Lituania, Letonia, Estonia, Croacia, no sur de Italia, de Portugal e a zona norte de España, entre as que se atopan Castela e León e Galicia, producirase un descenso da poboación dun 10%. Mentres, en rexións dos países nórdicos, do Reino Unido, Bélxica, Holanda, Suíza, metade norte de Italia haberá un aumento poboacional do 10%.

Por este motivo, segundo destacaron os presidentes das asembleas lexislativas de Galicia e de Castela e León, o reto demográfico debe ser unha prioridade na que todas as institucións europeas deben traballar de forma unánime  coordinada. Se non se produce un cambio nas tendencias poboacionais, como sinalaron Silvia Clemente e Miguel Ángel Santalices, o actual modelo económico e do Estado do Benestar pode sufrir tensións e alteracións.

Todas as políticas da Unión Europea –coincidiron Santalices e Clemente-, deberían conter unha perspectiva demográfica, considerar a existencia destes desafíos e prever instrumentos para facerlles fronte. Todo iso co correspondente respaldo no orzamento europeo por parte dos distintos fondos e instrumentos financeiros. Aspectos nos que, como destacaron os titulares dos dous parlamentos, debe profundar e especificar o grupo de traballo sobre despoboamento e envellecemento da poboación na Unión Europea que puxeron en marcha as Asembleas das Rexións de Europa.