Archivos Mensuales: marzo 2017

O presidente da Organización Médica Colexial visita o Parlamento de Galicia

DSC_0005O presidente da Organización Médica Colexial (OMC) de España, Serafín Romero Agüit, acompañado por membros da Comisión Permanente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España e polo presidente do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, Luciano Vidán, visitou este mediodía o Parlamento de Galicia, onde foi recibido polo titular da institución, Miguel Ángel Santalices Vieira.

No encontro, o presidente do Parlamento de Galicia interesouse polas diferentes liñas de traballo que está a desenvolver a Organización Médica Colexial e explicou que a Sanidade presenta un notable protagonismo na actividade da Cámara galega.

A entrevista co presidente do Parlamento de Galicia enmácase na axenda de traballo que o responsable da OMC desenvolve hoxe respondendo a unha invitación formulada polo Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña.

A valedora do Pobo entrega o Informe Ordinario de 2016

A valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, entregou esta mañá ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, o Informe Ordinario elaborado por esta institución e correspondente ao exercicio de 2016.DSC_0013

Comeza, deste xeito, a tramitación parlamentaria do Informe, que previsiblemente será cualificado mañá martes pola Mesa da Cámara, continuará cunha comparecencia da valedora ante a Comisión de Peticións e rematará cunha comparacencia da valedora ante o Pleno do Parlamento de Galicia.

López Abella entrega ao presidente do Parlamento o Informe sobre violencia de xénero de 2016

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, entregou este venres ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, o Informe anual de seguimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, correspondente ao exercicio de 2016.Susana López Abella, entregará ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, o Informe anual correspondente a 2016 de seguimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

A secretaria xeral presentará o informe na Cámara lexislativa o vindeiro 29 de marzo, na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego.

Presentación do libro “Veinticinco años dando vida a los años”

IMG-20170323-WA0004O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía no acto de presentación do libro “25 anos dando vida aos anos”,  editado pola Fundación San Rosendo para recomplicar o seu cuarto de século de existencia.  “Como ourensán e como galego é unha honra que o modelo desenvolvido pola Fundación San Rosendo  se teña convertido nun referente nacional e internacional no referido á atención ás persoas maiores”, afirmou Santalices.

A xuízo do titular do Lexislativo galego, aínda que este libro se centra no tempo transcorrido desde a posta en marcha da Fundación, para entender a filosofía da mesma é preciso voltar a vista atrás, ao comezo da década dos 70, cando o seu fundador e presidente de honra iniciou o seu labor en Ourense.

“Don Benigno –afirmou Santalices Vieira- foi sempre un adiantado ao seu tempo, e así o acreditan moitas das iniciativas que impulsou, pioneiras no seu contexto”, como as garderías infantís, nun momento no que aínda era escasa a incorporación da muller ao mercado laboral, ou a posta en marcha de residencias da terceira idade “desde unha visión integradora, orientada a evitar o desarraigo da persoa”.

No acto, celebrado no Hotel Balneario Arnoia Caldaria e co que se pecha a programación oficial conmemorativa do 25 aniversario da Fundación San Riosendo, o presidente do Parlamento recordou tamén que Benigno Moure impulsou iniciativas de atención e formación para colectivos marxinados, a promoción de vivendas sociais, a asistencia enfermos e de VIH, a atención ás adiccións ou, máis recentemente, a posta en valor do potencial termal da provincia de Ourense.

Nun momento no que o declive demográfico constitúe “unha ameaza en toda regra”, Santalices Vieira sinalou que este feito, “reporta tamén algunhas oportunidades, como as derivadas da atención ao colectivo das persoas maiores”.

Para Santalices, “na Fundación San Rosendo temos, sen dúbida, un magnífico exemplo do camiño a seguir, e así o poñen de manifesto os seus 70 centros e un cadro de persoal integrado por máis de 1600 traballadores e traballadoras”.IMG-20170323-WA0006

Integrantes da Asociación de Viúvas de Ourense visitan o Parlamento de Galicia

Un grupo de integrantes da Asociación de Viúvas de Ourense efectuou este xoves unha visita guiada ao Parlamento de Galicia, onde foron recibidas polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.DSC_0039

Durante o encontro, o presidente da Cámara explicou a historia e o funcionamento do Parlamento de Galicia, ademais de responder ás preguntas que lle foron formuladas. Tamén participaron na concentración convocada polo Parlamento este mediodía en memoria das vítimas do atentado de Londes e en repulsa do terrorismo.

O presidente do Parlamento participa na entrega dos Premios Down Compostela

IMG_1748

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este tarde no acto de entrega dos VI Premios Down Compostela, que nesta edición recaeron en Carmen Barbeito Manteiga, o Colexio Divino Maestro e XADE (Multiusos de Sar-Santa Isabel) polo seu traballo a prol da mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.

Na súa intervención, Santalices Vieira recoñeceu a utilidade de iniciativas como a desta tarde, na medida en que contribúen a visibilizar a  realidade das persoas con síndrome de Down, “unha realidade que, desgrazadamente, dista moito de acadar a plena integración que todos desexamos”. “Actos como o de hoxe resultan precisos e o seguirán sendo mentres persistan as eivas que todos coñecemos”, dixo.

O presidente do Parlamento expresou o seu recoñecemento ao traballo que desenvolve  Down Compostela, que “traballa de maneira incansable na procura dunha vida mellor para estas persoas”, e valorou tamén o labor do conxunto do tecido asociativo a favor das persoas con discapacidade.

Nesta liña, Santalices apuntou que “as portas do Parlamento de Galicia –incluídos os diferentes mecanismos de participación cidadá habilitados nos últimos tempos- e a porta do meu despacho están permanentemente abertas para vostedes, ao igual que para calquera colectivo que defenda melloras na calidade de vida das persoas”.

Logo de reafirmar o seu respecto polas decisións xudiciais, Santalices Vieira expresou a súa “solidariedade e apoio a Down Compostela na súa campaña de sensibilización respecto aos dereitos das persoas afectadas por esta síndrome, e moi particularmente en defensa  do dereito ao voto das persoas con discapacidade intelectual”.  Ao seu xuízo, “limitacións deste tipo resultan incompatibles coa aspiración unanimemente compartida de avanzar na autonomía das persoas con discapacidade intelectual”.

 

O Parlamento de Galicia presenta material didáctico orientado a educación Infantil e Primaria protagonizado polos Bolechas

DSC_0031O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou esta mañá  o material divulgativo elaborado pola Cámara para dar a coñecer a primeira institución de Galicia e os valores do parlamentarismo democrático entre as nenas e nenos galegos que cursan Educación Infantil e Primaria. O material está protagonizado polos Bolechas, dada elevada aceptación desta serie de debuxos animados entre a infancia galega.

O acto serviu tamén para divulgar o programa de visitas guiadas á sede do Lexislativo galego, unha iniciativa que o Parlamento quere potenciar, especialmente entre a comunidade escolar.

Na presentación participaron preto de 400 nenas e nenos escolarizados en centros das catro provincias galegas, que, entre outras actividades, tiveron ocasión de coñecer a sede do Parlamento de Galicia nunha serie de visitas guiadas durante as que recibiron explicacións sobre o funcionamento do Lexislativo autonómico.

A partir de hoxe, todos os centros educativos de Galicia que impartan Educación Infantil e Primaria recibirán en soporte dixital, un capítulo da serie Os Bolechas ambientado no Parlamento de Galicia e que trata de espertar o interese dos máis novos en relación cos valores democráticos e o papel central do Parlamento no sistema institucional da Comunidade Autónoma. O envío incluirá, ademais, unha guía didáctica orientada ao profesorado, pero tamén de utilidade para as familias. O material tamén se publicará na web do Parlamento, onde os máis novos terán á súa disposición material interactivo como xogos e debuxos, deseñados para familiarizar as nenas e nenos co Parlamento de Galicia.

O titular da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, confesou  que o de hoxe foi un acto especial e gratificante.

“Entrastes pola porta que só se abre cando veñen personalidades importantes”, afirmou o presidente do Parlamento á rapazada presente, á que explicou que na Cámara se fala e toman decisións sobre cuestións que afectan a todos, como os colexios, as materias de estudo, a lingua, os hospitais ou os centros de saúde.

“Estamos encantados de que veñades ao Parlamento”, indicou Miguel Ángel Santalices Vieira, quen sinalou que o de hoxe é “un día de ledicia para todos”. O presidente que Parlamento agradeceu o labor dos mestres e mestras, ao tempo que animou a nenas e nenos a estudar, e tamén a facer unha vida sana e practicar deporte.

DSC_0049

Declaración Institucional 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

DSC_0025Pasaron 113 anos dende o 8 de marzo de 1904 no que 129 mulleres, encerradas para mellorar as súas condicións laborais, morreron carbonizadas, asasinadas polo seu xefe nun incendio na fábrica onde traballaban. Dende entón a loita das mulleres e do movemento feminista conseguiron que avanzásemos moito, mais estes avances aínda son insuficientes. Por iso, reivindicamos o Día Internacional das mulleres para pór o foco sobre as desigualdades que persisten e a necesidade de que a igualdade forme parte da axenda política en Galicia.

Malia ao carácter universal do dereito á igualdade, aínda son moitas as mulleres que non poden exercer os seus dereitos fundamentais como seres humanos. Moitas continúan a sufrir todo tipo de escravitude e discriminacións. Non debemos mirar para outro lado. Esta é unha loita de todas e todos nós.

No ámbito da nosa sociedade, e a pesar de que a igualdade xa é un dereito recoñecido normativamente, aínda queda moito por facer. A conciliación laboral e familiar; a corresponsabilidade dos homes nos coidados; o emprendemento feminino; a racionalización de horarios; a loita pola non discriminación; a igualdade laboral; o empoderamento; a igualdade salarial; a sensibilización dos e das menores, dos e das adolescentes; a educación en igualdade; a loita contra a trata e a explotación sexual así como todas as formas de violencia machista fan que debamos continuar traballando e esforzándonos dende todas as institucións e ámbitos sociais para chegar a unha igualdade real e efectiva.

Os cambios lexislativos aprobados nos últimos anos foron pasos á fronte na loita contra a violencia machista mais insuficientes para erradicar todas as formas de violencia e discriminación contra as mulleres. En consecuencia, este Parlamento comprométese a escoitar á sociedade civil e a analizar todas as posibilidades de mellora sobre todo o que está a fallar. Urxe avanzar na posta a disposición os recursos xudiciais, asistenciais, económicos e de protección necesarios para tentar rematar con este problema social.

Así mesmo, falar de igualdade é, sen dúbida, falar das nenas, o sector máis vulnerable do planeta xa que sofren discriminación por sexo e por idade e son vítimas de violacións dos seus dereitos. Nese senso, o Parlamento de Galicia súmase á iniciativa da loita por conseguir o cumprimento dos dereitos de nenas e mulleres e o avance da igualdade de xénero, coa ambición de que, nos próximos 5 anos, e en liña co previsto nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas, 100 millóns de nenas consigan aprender, liderar, decidir, prosperar e participar no deseño das políticas públicas que afectan ás súas vidas.

O Parlamento de Galicia quere tamén amosar o seu apoio á sociedade civil organizada na defensa da igualdade, que é o motor dos avances da sociedade cara a igualdade entre homes e mulleres, como sucedeu co día que estamos a conmemorar hoxe.

Hoxe, día 8 de marzo de 2017, no que se conmemora o día internacional das mulleres, o Parlamento de Galicia proclama o seu compromiso coa igualdade e coa denuncia de calquera acción individual ou colectiva que impida a súa materialización. Porque a loita contra a desigualdade da metade da poboación é un elemento fundamental para a consecución dunha sociedade máis xusta.

O Parlamento de Galicia súmase a conmemoración do Día Internacional da Muller

O presidente do Parlamento de Galicia, acompañado polo presidente da Xunta de Galicia e polos portavoces dos grupos parlamentarios, recibe a un grupo de alumnas do CEIP Plurilingüe Nantes (Sanxenxo), convocadas por Plan Internacional co gallo do Día InO Parlamento de Gailcia acolleu esta mañá, antes do reinicio do Pleno da Cámara, un acto conmemorativo do Día Internacional da Muller no que unha alumna do Colexio Plurilingüe Nantes, de Sanxenxo, acompañada por outras compañeiras, deu lectura ao manifesto “Por ser nena 8 de marzo”, impulsado por Plan Internacional.

O acto contou coa participación do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; dos portavoces parlamentarios do Grupo Popular, Pedro Puy, e do PSdeG-PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga; a deputada do BNG Noa Presas, así como outras deputadas.

No acto, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que “o Parlamento é sensible e procura colaborar en todo aquello que sexa a defensa das nenas para que teñan un mundo moito mellor”. Agradeceu a  iniciativa de Plan Internacional e anunciou que parte das súas suxestións se recollerían da declaración Institucional do Parlamento con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. A directora de Plan Internacional tamén tomou a palabra durante o acto.