Archivo de la categoría: RIET

O Parlamento de Galicia participa como convidado na Asemblea da RIET que analiza a cooperación transfronteiriza hispano-lusa

Riet4O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá en Moguer (Huelva) nunha reunión convocada pola Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET) e o Consello Consultivo de Fronteira para  avanzar en materia de cooperación transfronteiriza.

O Parlamento de Galicia foi convidado a participar nesta reunión na súa condición de Cámara lexislativa dunha Comunidade lindeira con Portugal que ten destacado en materia de cooperación  transfronteiriza.

A reunión celebrada hoxe en Moguer continúa os traballos iniciados en Plasencia o pasado mes de xullo, onde que os catro parlamentos autonómicos de comunidades fronteirizas con Portugal foron convidados a canalizar propostas para a axenda do Cumio Ibérico.

O Parlamento de Galicia ten desenvolvido diferentes proxectos de cooperación coa Asemblea dos Azores para a promoción da lusofonía, logo de aprobar, en marzo de 2014, a lei, de iniciativa popular, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Colaboración coa RIET

Santalices Vieira expresou o interese do Lexislativo galego  en colaborar e participar en calquera iniciativa encamiñada a fomentar e poñer en valor a cooperación transfronteiza con Portugal,  materia na que Galicia acumula experiencia, tanto a través da Eurorrexión, como da macro-rexión impulsada posteriormente.

O presidente do Parlamento de Galicia propuxo,  como posible fórmula de cooperación coa RIET, trasladar a esta rede as diferentes iniciativas aprobadas na Cámara  que podan gardar relación coa colaboración transfronteiriza. Estas iniciativas serían incoproradas pola RIET á axenda de propostas que formule de cara ao Cumio Ibérico que se celebra periodicamente. Animou tamén á RIET a trasladar esta proposta aos restantes parlamentos autonómicos de rexións fronteirizas con Portugal, advertindo  da necesidade de ser “especialmente coidadosos cos regulamentos de cada Parlamento”.

Recordou Santalices que na recente Asemblea Plenaria da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) se acordou, entre outras medidas, incrementar as posibilidades de participación da cidadanía nos diferentes parlamentos, unha iniciativa xa implantada no Parlamento de Galicia. Considera Santalices que as propostas de iniciativa cidadá que garden relación coa cooperación transfronteiriza poderían, de ser aprobadas, enriquecer a axenda que a RIET traslade para o Cumio Ibérico.

Os froitos dos Interreg

Miguel Ángel Santalices Vieira aproveitou a súa participación neste encontro para poñer en valor esforzos como as da RIET para avanzar na cooperación transfronteiriza e coincidiu en apoiar o contido cun informe analizado na reunión no que se pon de manifesto que o impacto positivo dos programas Interreg “converte esta fronteira nunha das máis estruturadas, dinámicas e organizadas de toda a UE”.

A reunión celebrada hoxe no Mosteiro de Santa Clara de Moguer (Huelva) contou coa participación, entre outros, do conselleiro de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Junta de Andalucía, José Fiscal López; o presidente da Asemblea Xeral da RIET, José María Costa; o secretario xeral da RIET e do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros; un representante da Eurocidade Chaves-Verín; e o ex deputado e ex alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que vén de incorporarse ao Consello Asesor da RIET.

Anuncios