Archivos Mensuales: noviembre 2017

Homenaxe “Carlos Casares e as institucións galegas” no Liceo de Ourense

20171130_210852O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices vieira, clausurou esta tarde no Liceo de Ourense un acto institucional de homenaxe a Carlos Casares, organizado pola Cámara autonómica para poñer en valor o compromiso do escritor e ex deputado coas institucións galegas.

Santalices explicou que se ben ao longo deste ano foron numerosos os actos organizados para enxalzar a figura e a obra de Casares na súa condición de autor homenaxeado pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas, “restaba unha convocatoria como a de hoxe, orientada a reivindicar outra das facianas, o seu compromiso coas institucións”.

A xuízo de Santalices Vieira, Carlos Casares “foi un patriota galego, convencido de que para asegurar o seu futuro, Galicia precisaba dunha estrutura institucional sólida, moderna e homologable coas dos países máis avanzados en termos democráticos”.

Recordou Santalices que Carlos Casares formou parte da primeira lexislatura do Parlamento de Galicia como deputado independente nas filas do PSdeG-PSOE e que como tal “empuxou sen desmaio para reforzar e consolidar as institucións de autogoberno de Galicia”. Anunciou que en datas próximas, a Cámara presentará un libro sobre a actividade parlamentaria de Casares Mouriño.

O titular do lexislativo galego apuntou que o compromiso de Carlos Casares coas institucións se completou desde a Presidencia do Consello da Cultura Galega, “que exercía coa ilimitada entrega de sempre cando o destino lle arrebatou prematuramente a súa vida; arrebatouno a unha sociedade que necesitaba e agardaba seguir contando co seu servizo para a causa de Galicia”.

En opinión de Santalices, a de Casares é unha “figura inabarcable, que fixo moito, e todo o fixo ben, fose como escritor, como editor, como docente, como académico ou como xestor cultural”. “Toda a súa traxectoria vital –apuntou- está impregnada dunha infinita paixón por Galicia”.

A homenaxe contou tamén coas intervencións de Xabier Casares Mouriño, presidente da Fundación Carlos Casares e do Liceo de Ourense; Håkan Olof Casares Berg, fillo do homenaxeado; Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega; José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación Provincial de Ourense; Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e Xesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense.

A celebración desde acto en Ourense, “berce e referencia vital” para Casares, enmárcase na estratexia do Parlamento de Galicia para abrirse á sociedade.

Anuncios

Conferencia divulgativa sobre o Parlamento de Galicia, na Escola Naval Militar de Marín

A escasas datas da celebración do Día da Constitución, o presidente do Parlamento de  Galicia aproveitou unha intervención na Escola Naval Militar, en Marín, para reivindicar o legado da Carta Magna que, na súa opinión, “permitiu ao conxunto de España disfrutar do período de maior estabilidade, crecemento e benestar de toda a nosa historia”.

Santalices Vieira participou, acompañado por tres ex deputados da Cámara, nunha conferencia sobre o Parlamento de Galicia convocada pola Cátedra Álvarez Osorio na Escola Naval Militar, onde foron presentados polo comandante director do centro, o capitán de navío José María Núñez Torrente.

Explicou Santalices que o Parlamento “non é unha illa” e que “se a sociedade, para funcionar correctamente, debe respectar as leis, o Parlamento ten que ser o primeiro en dar exemplo”. Abundando nesta idea, o titular do Lexislativo galego recordou que se ben o Parlamento aproba e modifica leis, o fai “dentro da lei, respectando e cumprindo a Constitución española, o Estatuto de Autonomía e o propio Regulamento da Cámara”.

Lembrou Santalices que, con independencia das diferentes composicións que se sucederon desde a súa primeira sesión constitutiva, en decembro de 1981,  “no Parlamento de Galicia temos actuado sempre con arreglo ás normas e creo, honestamente, que o resultado final acredita o acerto de traballar deste xeito”.

Este xeito de organizar o traballo parlamentario en Galicia tradúcese, de acordo con Santalices, “nunha Comunidade que avanza; unha Comunidade estable, sen sobresaltos; unha Comunidade que ofrece confianza, porque somos previsibles; e unha sociedade estruturada e unida no fundamental”.

Acto de entrega da XXIV Edición dos Premios de Publicidade en Galego

DSC_0095O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía o acto de entrega dos XXIV Premios de Publicidade en Galego, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, o Lexislativo galego e o Foro Enrique Peinador, logo da disolución do  Consello Asesor da RTVE-G que os viñera convocando ata o de agora.

Na categoría de televisión, o premio recaeu no traballo “Imposible sen ti”, da axencia Tex 45 Producións SLU, por encargo de Abanca Corporación Bancaria, SA.

O premio da categoría de radio foi para o anuncio “Medo a quedar sen datos”, da axencia Bap&Conde, para R Cable e Telecomunicacións Galicia, SA.

Na categoría Internet resultou galardoado o anuncio “A túa compra, os teus temazos”, da axencia Nasas, axencia creativa de márketing online, elaborado por encargo de Gadisa Retail, SLU.

O xurado declarou deserto o premio á categoría de prensa escrita porque o traballo presentado non se axustaba ás bases da convocatoria.

Cada un dos galardoados (empresa anunciante e axencia autora do traballo) recibiron un certificado acreditativo e unha peza de cerámica de Artesanía de Galicia, creada expresamente pola artista Susana González Amado, do taller Terrralume.

A peza, titulada “Acerto con Acento”, é unha alegoría da publicidade. Conta cunha base de círculos concéntricos que lembran os debuxos dos petroglifos galegos que, segundo a autora, constitúen un dos “anuncios” máis antigos de Galicia. Complétase cunha G que representa o idioma galego e unha frecha que acerta nunha diana, simbolizando o éxito dunha acción publicitaria

O presidente do Parlamento destacou a singularidade destes premios, “xurdidos para animar –nunca para impoñer- ás empresas a dar o paso de galeguizar a publicidade e acreditar que, máis aló dunha aposta voluntarista, o galego é útil para incentivar o consumo”.

Recordou o titular do Lexislativo galego  que “Galicia é dona dun tesouro cultural e identitario” sustentado sobre unha historia e unha lingua “das que nos sentimos orgullosos” e que, no caso do idioma, “temos o dereito e a obriga de coñecer e de usar, non como elemento de confrontación, senón de integración e de enriquecemento”.

Referiuse Santalices Vieira ás oportunidades que para Galicia ofrece o feito de pertencer ao mundo da lusofonía e apuntou que a intercomprensibilidade das linguas galega e portuguesa “encerra un enorme potencial que ninguén discute, do mesmo xeito que a oportunidade de utilizar o galego como lingua publicitaria está fóra de toda dúbida e mesmo pode constituír o segredo do éxito dunha campaña”.

Para o presidente do Parlamento, “a senda de recuperación e optimismo” económico deste momento implica unha etapa de crecemento para o mercado publicitario, un contexto no que animou a empresas anunciantes e equipos creativos a utilizar e recomendar o uso da lingua galega nas diferentes campaña que deseñen.DSC_0087

O Parlamento de Galicia participa como convidado na Asemblea da RIET que analiza a cooperación transfronteiriza hispano-lusa

Riet4O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá en Moguer (Huelva) nunha reunión convocada pola Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET) e o Consello Consultivo de Fronteira para  avanzar en materia de cooperación transfronteiriza.

O Parlamento de Galicia foi convidado a participar nesta reunión na súa condición de Cámara lexislativa dunha Comunidade lindeira con Portugal que ten destacado en materia de cooperación  transfronteiriza.

A reunión celebrada hoxe en Moguer continúa os traballos iniciados en Plasencia o pasado mes de xullo, onde que os catro parlamentos autonómicos de comunidades fronteirizas con Portugal foron convidados a canalizar propostas para a axenda do Cumio Ibérico.

O Parlamento de Galicia ten desenvolvido diferentes proxectos de cooperación coa Asemblea dos Azores para a promoción da lusofonía, logo de aprobar, en marzo de 2014, a lei, de iniciativa popular, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Colaboración coa RIET

Santalices Vieira expresou o interese do Lexislativo galego  en colaborar e participar en calquera iniciativa encamiñada a fomentar e poñer en valor a cooperación transfronteiza con Portugal,  materia na que Galicia acumula experiencia, tanto a través da Eurorrexión, como da macro-rexión impulsada posteriormente.

O presidente do Parlamento de Galicia propuxo,  como posible fórmula de cooperación coa RIET, trasladar a esta rede as diferentes iniciativas aprobadas na Cámara  que podan gardar relación coa colaboración transfronteiriza. Estas iniciativas serían incoproradas pola RIET á axenda de propostas que formule de cara ao Cumio Ibérico que se celebra periodicamente. Animou tamén á RIET a trasladar esta proposta aos restantes parlamentos autonómicos de rexións fronteirizas con Portugal, advertindo  da necesidade de ser “especialmente coidadosos cos regulamentos de cada Parlamento”.

Recordou Santalices que na recente Asemblea Plenaria da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) se acordou, entre outras medidas, incrementar as posibilidades de participación da cidadanía nos diferentes parlamentos, unha iniciativa xa implantada no Parlamento de Galicia. Considera Santalices que as propostas de iniciativa cidadá que garden relación coa cooperación transfronteiriza poderían, de ser aprobadas, enriquecer a axenda que a RIET traslade para o Cumio Ibérico.

Os froitos dos Interreg

Miguel Ángel Santalices Vieira aproveitou a súa participación neste encontro para poñer en valor esforzos como as da RIET para avanzar na cooperación transfronteiriza e coincidiu en apoiar o contido cun informe analizado na reunión no que se pon de manifesto que o impacto positivo dos programas Interreg “converte esta fronteira nunha das máis estruturadas, dinámicas e organizadas de toda a UE”.

A reunión celebrada hoxe no Mosteiro de Santa Clara de Moguer (Huelva) contou coa participación, entre outros, do conselleiro de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Junta de Andalucía, José Fiscal López; o presidente da Asemblea Xeral da RIET, José María Costa; o secretario xeral da RIET e do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros; un representante da Eurocidade Chaves-Verín; e o ex deputado e ex alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que vén de incorporarse ao Consello Asesor da RIET.

Plenario Anual da CALRE, que reitera o obrigado cumprimento das leis

Presidentes parlamentos Galicia, Azores, Castela e León, Madeira e representantes UNALE (Brasil)O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou no plenario anual que a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) celebrou desde a tarde de onte na sede do Parlamento de Andalucía, en Sevilla.

No encontro, o presidente do Parlamento de Galicia explicou aos seus homólogos da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autónomicos (COPREPA) as iniciativas de cooperación interrexional desenvolvidas pola Cámara Galega e a Asemblea Lexislativa dos Azores para poñer en valor a lusofonía.

Santalices Vieira tomou parte na elaboración dos dous documentos feitos públicos ao remate da reunión: unha resolución sobre o libro branco da Comisión Europea sobre o futuro de Europa, e a Declaración institucional da CALRE.

Na resolución sobre o libro branco da Comisión Europea sobre o futuro de Europa, a CALRE reitera a necesidade de posicionar os diferentes territorios no centro da política comunitaria e respalda a idea de “unha Europa construída de abaixo cara arriba”. Este documento “recorda aos países membros  que os tratados e leis da UE son de obrigado cumprimento e todos os Estados membros deben cumprir a lei e os compromisos adoptados por todos”.

A CALRE, facendo a súa unha opinión do presidente  do Comité das Rexións, subliña que “a diversidade e a riqueza europea son unha `baza para a Unión e non un argumento para separar territorios e para volver a nacionalismos que están trasnoitados e que non permitirán afrontar os retos´ da Europa do século XXI”.

A resolución sobre o libro branco reafirma a necesidade de “manter unha política de cohesión forte e eficaz en cada rexión despois do ano 2020, polo que debe garantirse o seu pleno financiamento”. A CALRE pide incorporar esta demanda  ao documento final da Comisión para “fortalecer a capacidade de investimento  das autoridades locais e rexionais, mantendo fortemente o principio dunhas finanzas públicas saneadas e equilibradas”. A xuízo de Santalices, este punto  respalda a xestión de Galicia como unha das Comunidades cumpridoras en materia de déficit, ao tempo que reclama unha política de cohesión que vaia máis aló do horizonte de 2020.

Esta mesma resolución reitera a necesidade de incorporar unha estratexia que “favoreza a participación da cidadanía no procedemento lexislativo europeo”, instando deste xeito a poñer en marcha iniciativas similares ás xa implantadas nalgunhas cámaras rexionais, como a galega.

Acredítase, deste xeito o acerto das medidas xa implantadas polo Parlamento de Galicia ao abeiro da reforma da Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá que, entre outras novidades, reduciu o número de sinaturas necesarias para impulsar proposicións de lei de iniciativa popular, blindou a participación da cidadanía na elaboración das leis en tramitación desde a web da institución e fixo posible que os cidadáns formulen proposicións non de lei ou preguntas ao Goberno.

A denominada Declaración de Sevilla, aprobada polo Plenario da CALRE, cando se celebran 20 anos da fundación desta Conferencia e o 60 aniversario dos Tratados de Roma, sinala que ante os desafíos que afronta Europa “os principios que deben asentar a Unión son a liberdade, a igualdade e o mandato da lei, co obxectivo de construír unha unión máis forte, unida e democrática, que contribúa a un mercado único máis forte, a unha unión económica e monetaria máis forte, a unha UE máis forte na loita contra o terrorismo e a unha UE máis forte como acto global”.

Incide tamén a declaración na necesidade de que a recuperación da economía europea teña un reflexo directo no día a día dos cidadáns” e alerta sobre a “persistencia da desafección cidadá cara as institucións europeas e o proxecto europeo”.

Na segunda e derrareira xornada da Asemblea Plenaria, os integrantes da CALRE elixiron presidenta da organización para o vindeiro exercicio á titular da Asemblea Lexislativa dos Azores, Ana Luísa Pereira Luís. O presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, felicitou á nova presidenta da CALRE e amosouse convencido de que desenvolverá una xestión exitosa á frente da entidade que aglutina os parlamentos rexionais europeos. “Coñezo ben a súa capacidade de traballo, e tamén a súa sensibilidade cara Galicia e o mundo da lusofonía, no que traballamos conxuntamente”, afirmou Santalices.Presidentes Parlamento Galicia e Azores

 

VIII Congreso da Sociedade Galega de Calidade Asistencial

IMG-20171109-WA0001O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá en Pontevedra o VIII Congreso da Sociedade Galega de Calidade Asistencial, onde puxo de manifesto que nunha sociedade que require un cada vez maior volume de recursos  sanitarios “estamos obrigados a esforzarnos na procura da calidade e da excelencia en todos os ámbitos, desde a xestión ata a asistencia cotiá”.

Este Congreso desenvólvese baixo o lema “Comunicación e responsabilidade asistencial”.

Santalices subliñou que “España e Galicia dispoñen dun dos mellores sistemas sanitarios do mundo” e así o manifestan os propios pacientes en diferentes enquisas.

Eficacia e eficiencia

Reivindicou tamén o presidente do Parlamento “a eficacia e a eficiencia do gasto sanitario público español e galego”, mérito que atribuíu ao conxunto dos profesionais. “Temos o mellor sistema sanitario, pero non o máis caro”, dixo. Recordou, neste sentido  España dedica o 6,5% do seu PIB (datos 2015) a gasto sanitario público consolidado. Galicia destina un pouco máis, o 6.8%. A media europea sitúase no 7,2% do PIB.  Pola contra, Estados Unidos, cun gasto sanitario que representa o 17,6% da renda (datos 2012), “ten un modelo con moitos máis desequilibrios”, asegurou Santalices. “Non só facemos boa medicina, senón que facemos unha boa xestión dos recursos sanitarios”, dixo.

O presidente do Parlamento animou tamén aos profesionais que participan neste congreso a coidar a comunicación co paciente. “Canto mellor sexa a relación médico-paciente maiores serán as posibilidades de éxito”, afirmou.

Recordou Santalices que á necesidade de que o persoal sanitario se manteña ao día no referido aos últimos avances científicos, se suma a importancia de mellorar as súas habilidades sociais e divulgativas para dar resposta satisfactoria á crecente demanda de información por parte dos pacientes, acentuada, entre outros factores, polo uso das TIC.

Reunión con representantes das federacións galega e española de xadrez

IMG_2812O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reuniuse este mediodía con representantes das federacións galega e española de xadrez, que se atopan en Santiago nunha visita preparatoria do Campionato do Mundo de Xadrez, categorías promesas, benxamíns e alevíns, previsto para o vindeiro ano nesta cidade.

A delegación estaba integrada por Gaspar Pérez Carnero, presidente da Federación Galega de Xadrez (Fegaxa); Ramón Padullés Argerich, secretario da Federación Española de Xadrez (FEDA); e Francisco Javier Ochoa de Echagüen, presidente da Federación Española de Xadrez e Presidente da Confederación Iberoamericana de Xadrez. Acudiron acompañados polo deputado Julio Torrado Quintela.

Durante a reunión, o presidente do Parlamento interesouse polos preparativos do campionato que están a oganizar e congratulouse dos últimos éxitos dos xadrecistas galegos, entre os que recordou a Iván Salgado López, que recentemente resultou vencedor absoluto da 82 edición do Campionato de España de Xadrez celebrado en Las Palmas de Gran Canaria, victoria pola que Santalices lle trasladou os seus parabéns no seu momento.