Archivo de la categoría: CALRE

Final do concurso de oratoria das cámaras autonómicas para alumnado de ESO que tivo lugar hoxe no Senado.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, asistiu hoxe no Senado ao acto de clausura da fase nacional dos concursos escolares de oratoria promovidos polos diferentes parlamentos autonómicos. Galicia estivo representada neste certame polo  Colexio Plurilingüe San José-FEC, de Lugo, que resultara gañador, na categoría de ESO, do certame Parlamento Xove 2018, organizado pola Consellería Política Social da Xunta coa colaboración da Cámara galega.Fotofamilia

A celebración deste competición de oratoria estudantil de ámbito nacional é o resultado dun acordo adoptado no seo da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA) entre o alumnado de ESO do conxunto do Estado. A de hoxe constitúe a primeira edición da fase nacional deste programa. Resultaron gañadores os equipos de Asturias e Castela e León (premio compartido). Os cinco centros participantes foron galardoados cunha viaxe a Bruxelas para coñecer o Parlamento Europeo e as institucións comunitarias.

Santalices explicou que con esta iniciativa se busca promocionar e inculcar os valores da democracia parlamentaria  como forma de goberno.

O presidente do Parlamento de Galicia trasladou os seus parabéns aos participantes nesta competición e recordou que a oratoria constitúe unha ferramenta fundamental para o éxito persoal e profesional. Apuntou que nos últimos tempos se recuperou a preocupación pola calidade da expresión verbal, tanto entre o conxunto da sociedade como nos propios parlamentos,

Agradeceu o traballo e a implicación do profesorado que preparou aos equipos participantes e asegurou que as intervencións dos intervintes nos debates celebrados hoxe Senado acreditan o “trunfo da oratoria” que busca convencer ao contrincante, sen agresividade, un exemplo que “deberiamos incorporar aos nosos parlamentos”.

O titular da Cámara galega considerou que as mozas e mozos que participaron neste final ofreceron unha “lección” ao parlamentarismo na medida en que foron quen de buscar puntos de encontro.

Anuncios

Plenario Anual da CALRE, que reitera o obrigado cumprimento das leis

Presidentes parlamentos Galicia, Azores, Castela e León, Madeira e representantes UNALE (Brasil)O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou no plenario anual que a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) celebrou desde a tarde de onte na sede do Parlamento de Andalucía, en Sevilla.

No encontro, o presidente do Parlamento de Galicia explicou aos seus homólogos da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autónomicos (COPREPA) as iniciativas de cooperación interrexional desenvolvidas pola Cámara Galega e a Asemblea Lexislativa dos Azores para poñer en valor a lusofonía.

Santalices Vieira tomou parte na elaboración dos dous documentos feitos públicos ao remate da reunión: unha resolución sobre o libro branco da Comisión Europea sobre o futuro de Europa, e a Declaración institucional da CALRE.

Na resolución sobre o libro branco da Comisión Europea sobre o futuro de Europa, a CALRE reitera a necesidade de posicionar os diferentes territorios no centro da política comunitaria e respalda a idea de “unha Europa construída de abaixo cara arriba”. Este documento “recorda aos países membros  que os tratados e leis da UE son de obrigado cumprimento e todos os Estados membros deben cumprir a lei e os compromisos adoptados por todos”.

A CALRE, facendo a súa unha opinión do presidente  do Comité das Rexións, subliña que “a diversidade e a riqueza europea son unha `baza para a Unión e non un argumento para separar territorios e para volver a nacionalismos que están trasnoitados e que non permitirán afrontar os retos´ da Europa do século XXI”.

A resolución sobre o libro branco reafirma a necesidade de “manter unha política de cohesión forte e eficaz en cada rexión despois do ano 2020, polo que debe garantirse o seu pleno financiamento”. A CALRE pide incorporar esta demanda  ao documento final da Comisión para “fortalecer a capacidade de investimento  das autoridades locais e rexionais, mantendo fortemente o principio dunhas finanzas públicas saneadas e equilibradas”. A xuízo de Santalices, este punto  respalda a xestión de Galicia como unha das Comunidades cumpridoras en materia de déficit, ao tempo que reclama unha política de cohesión que vaia máis aló do horizonte de 2020.

Esta mesma resolución reitera a necesidade de incorporar unha estratexia que “favoreza a participación da cidadanía no procedemento lexislativo europeo”, instando deste xeito a poñer en marcha iniciativas similares ás xa implantadas nalgunhas cámaras rexionais, como a galega.

Acredítase, deste xeito o acerto das medidas xa implantadas polo Parlamento de Galicia ao abeiro da reforma da Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá que, entre outras novidades, reduciu o número de sinaturas necesarias para impulsar proposicións de lei de iniciativa popular, blindou a participación da cidadanía na elaboración das leis en tramitación desde a web da institución e fixo posible que os cidadáns formulen proposicións non de lei ou preguntas ao Goberno.

A denominada Declaración de Sevilla, aprobada polo Plenario da CALRE, cando se celebran 20 anos da fundación desta Conferencia e o 60 aniversario dos Tratados de Roma, sinala que ante os desafíos que afronta Europa “os principios que deben asentar a Unión son a liberdade, a igualdade e o mandato da lei, co obxectivo de construír unha unión máis forte, unida e democrática, que contribúa a un mercado único máis forte, a unha unión económica e monetaria máis forte, a unha UE máis forte na loita contra o terrorismo e a unha UE máis forte como acto global”.

Incide tamén a declaración na necesidade de que a recuperación da economía europea teña un reflexo directo no día a día dos cidadáns” e alerta sobre a “persistencia da desafección cidadá cara as institucións europeas e o proxecto europeo”.

Na segunda e derrareira xornada da Asemblea Plenaria, os integrantes da CALRE elixiron presidenta da organización para o vindeiro exercicio á titular da Asemblea Lexislativa dos Azores, Ana Luísa Pereira Luís. O presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, felicitou á nova presidenta da CALRE e amosouse convencido de que desenvolverá una xestión exitosa á frente da entidade que aglutina os parlamentos rexionais europeos. “Coñezo ben a súa capacidade de traballo, e tamén a súa sensibilidade cara Galicia e o mundo da lusofonía, no que traballamos conxuntamente”, afirmou Santalices.Presidentes Parlamento Galicia e Azores

 

Unha delegación de ANFACO-CECOPESCA visita o Parlamento de Galicia

Unha delegación da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados  e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), integrada por directivos de diferentes empresas do sector, efectou hoxe unha visita ao Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

visita-anfaco-cecopesca-20_02_17_4A visita enmárcase na aposta de Santalices por abrir o Parlamento á sociedade. Os participantes nesta actividade tiveron ocasión de efectuar unha visita guiada á sede do Lexislativo galego.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira,   explicou o funcionamento do Lexislativo galego, ao tempo que animou aos empresarios participantes na visita a coñecer os diferentes mecanismos de participación cidadá habilitados pola Cámara. Destacou a posibilidade de que a cidadanía formule comentarios ou suxestións aos textos lexislativos en trámite a través da ferramenta denominada “Lexisla con Nós”, dispoñible na web.

Cara o final da reunión, o  presidente do Parlamento convidou a sumarse ao encontro aos portavoces de Pesca dos grupos parlamentarios e á presidenta da Comisión 8.ª, Pesca e Marisqueo, Marta Rodríguez Arias.

Os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León, unidos fronte ao despoboamento e o envellecemento da poboación de Europa

020202017-reunion-silvia-pte-parlamento-galicia2O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e a súa homóloga das Cortes de Castela e León, Silvia Clemente, mantiveron esta mañá en Valladolid unha reunión de traballo previa á constitución do Grupo de Traballo sobre despoboamento e envellecemento da poboación na Unión Europea que puxeron en marcha no seo da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE). Ante a demografía desigual de Europa en 2050 ambos os presidentes reclamaron medidas coordinadas e concretas de todas as institucións europeas.

Os 74 Parlamentos rexionais da Unión Europea acordaron, na reunión celebrada na localidade italiana de Varese, en novembro do pasado ano, a creación dun grupo de traballo que analice e estude o despoboamento e o envellecemento de Europa.

O obxectivo deste grupo de traballo, que estará coordinado pola presidenta das Cortes de Castela e León, Silvia Clemente, será analizar que factores, económicos, sociais e/ou estruturais están a determinar a demografía de Europa, marcada pola perda de poboación como consecuencia das escasas cotas de natalidade e o envellecemento progresivo da poboación. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, será un dos integrantes dese grupo de traballo.

Durante o encontro entre os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León analizouse o cronograma que se vai seguir para a posta en marcha dese grupo de traballo. En primeiro lugar, desde as Cortes de Castela e León convidarase a participar no Grupo aos 74 parlamentos que compoñen a CALRE.

Os presidentes dos parlamentos de Galicia e de Castela e León coincidiron en destacar que se trata dun grupo de traballo moi relevante para o futuro de toda Europa, e en especial destas Comunidades Autónomas, á vista das proxeccións demográficas até 2050 do Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea.

Segundo estes datos, nese ano haberá unha demografía desigual en Europa. En rexións da Europa oriental pertencentes a países como Romanía, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Lituania, Letonia, Estonia, Croacia, no sur de Italia, de Portugal e a zona norte de España, entre as que se atopan Castela e León e Galicia, producirase un descenso da poboación dun 10%. Mentres, en rexións dos países nórdicos, do Reino Unido, Bélxica, Holanda, Suíza, metade norte de Italia haberá un aumento poboacional do 10%.

Por este motivo, segundo destacaron os presidentes das asembleas lexislativas de Galicia e de Castela e León, o reto demográfico debe ser unha prioridade na que todas as institucións europeas deben traballar de forma unánime  coordinada. Se non se produce un cambio nas tendencias poboacionais, como sinalaron Silvia Clemente e Miguel Ángel Santalices, o actual modelo económico e do Estado do Benestar pode sufrir tensións e alteracións.

Todas as políticas da Unión Europea –coincidiron Santalices e Clemente-, deberían conter unha perspectiva demográfica, considerar a existencia destes desafíos e prever instrumentos para facerlles fronte. Todo iso co correspondente respaldo no orzamento europeo por parte dos distintos fondos e instrumentos financeiros. Aspectos nos que, como destacaron os titulares dos dous parlamentos, debe profundar e especificar o grupo de traballo sobre despoboamento e envellecemento da poboación na Unión Europea que puxeron en marcha as Asembleas das Rexións de Europa.

 

O Parlamento de Galicia recibiu un dos premios da CALRE

santalices-plenario-calre-25-11-2016-2

“A Unión Europa non pode esquecer os novos retos demográficos aos que se enfrontan os nosos territorios, e o dí alguén que coñece ben este problema, por proceder dunha comunidade, como Galicia, aqueixada por unha profunda crise demográfica que esixe respostas, tamen desde o ámbito comunitario”. Así o manifestou esta tarde o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, no seo do Plenario Anual da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), que  se celebra en Varese (Italia).
Santalices Veira, que exerce a vicepresidencia da CALRE, apuntou que “resulta necesario” que a futura programación financeira da Unión Europa teña en conta tamén a situación demográfica dos diferentes territorios.
O presidente do Parlamento de Galicia considerou “esencial” garantir a aplicación do principio de subsidiariedade para mellorar a gobernanza en Europa, ao tempo que  insistiu en que resulta “imprescindible” a política de cohesión, á que considerou “a expresión da verdadeira solidariedade europea”.
Na súa intervención ante o Plenario da CALRE, Santalices defendeu o papel protagonista dos parlamentos rexionais no proceso de consolidación do proxecto europeo, como “institucións directamente lexitimadas dada a nosa proximidade aos cidadáns”.

 

Entre os principais retos aos que se enfonta a Europa actual, tal e como reflicte a declaración da CALRE 2016, o titular do Parlamento de Galicia referiuse  a Brexit,  a chegada dun fluxo masivo de inmigrantes ás fronteiras europeas, e a ameza terrorista, “que afecta á seguridade do noso espazo e ataca os principais valores sobre os que se sustenta a nosa convivencia”.

Neste escenario, “os nosos territorios deberán centrarse na creación de sociedades inclusivas e promover o diálogo intercultural, loitando pola igualdade e os dereitos sociais de todos os cidadáns para tratar de evitar o discurso do odio e combater tamén a radicalización e a violencia extremistas”.
Nesta mesma Asemblea Anual, o presidente da Cámara galega recibiu o  Premio da CALRE –na súa primeira edición- a dous proxectos impulsados polo Parlamento de Galicia.
A CALRE recoñece, por unha parte, a iniciativa que permitiu levar, o pasado verán, á sede da Asemblea Lexislativa da Regiao Autónoma dos Azores, a exposición “54 páxinas das nosas Letras”, impulsada polo Parlamento de Galicia, a Real Acedemia Galega e a Xunta para divulgar as figuras dos escritores galegos homenaxeados no Día das Letras Galegas. Ao tempo, presentáronse dúas publicacións: “Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas Letras galegas”, obra dos profesores Alonso Montero e Beatriz García Turnes; e maila edición facsimilar da “ediçao polyglota” impresa en Lisboa en 1897 do poema “Zara”, escrito por Antero e publicado, canda outras 47 traduccións, cunha versión galega obra de Manuel Curros Enríquez.
“Para o Parlamento de Galicia  e para a Asamblea dos Azores, é unha honra recoller este galardón, que recoñe unha iniciativa encamiñada a ensalzar o patrimonio cultural europeo”.
Ao tempo, a CALRE galardoou as diferentes iniciativas que, desde hai tempo, vén desenvolvendo o Parlamento de Galicia  para achegar a institución e o parlamentarismo democrático aos máis novos, tamén desde o ámbito europeo.
“Agora que o modelo europeo é cuestionado desde algúns sectores, as cámaras lexislativas rexionais, como as aquí representadas, temos a obriga de pechar filas en torno ao proxecto de integración e benestar que a Unión Europa supón para todos os nosos cidadáns,”, afirmou Santalices Vieira. E agregou que “concienciar aos máis novos resulta indispensable para asegurar a viabilidade, a medio e longo prazo, da Europa de oportunidades que todos queremos”.
Canda o Parlamento de Galicia, foron galardoados tamén as cámaras de Valonia (Bélxica) e de Friuli Venezia-Guilia (Italia) dentro dunha convocatoria aberta aos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas.

Reunión anual de parlamentos rexionais europeos que se celebra en Varese (Italia)

santalices-na-calre-varese-24-11-2016-3O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participa,  en Varese (Italia), na reunión plenaria anual da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas, (CALRE), da que é vicepresidente.
Os traballos arrincaron coa celebración dunha xuntanza do Comité Permanente da organización, na que se ultimaron as propostas que serán abordadas polo Plenario, como a configuración dos diferentes grupos de traballo para o vindeiro exercicio. A proposta, que se sometará á consideración de todos os participantes na Asemblea Xeral, plantexa manter os seis grupos de traballo que viñan funcionando ata o de agora: sobre Subsidiariedade, Política de cohesión, Democracia interactiva, Inmigración, políticas sociais e dereitos humanos, Igualdade de xénero e Normativa e avaliación política.
No Comité Permanente, o presidente do Parlamento de Galicia propuxo a creación dun grupo de traballo, denominado Foro estatutario, que sería coordinado pola propia Cámara galega e estaría orientado a impulsar o desenvolvemento de proxectos europeos por parte dos parlamentos rexionais integrados nesta organización; tamén avaliaría posibles fórmulas para facer posible que as cámaras lexislativas de rexións como Gales podan continuar participando na CALRE unha vez que se faga efectivo o Brexit. O Comité Permamente da CALRE tamén apoiou a creación de outros dous grupos de traballo: o promovido pola Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA) sobre Envellevemento e despoboación; e outro, impulsado pola cámara lexislativa da rexión italizana de Abruzzo, sobre prevención de riscos naturais.
O Plenario da CALRE que se desenvolve durante esta tarde e a xornada de mañá venres, aprobará unha declaración institucional que será presentada polo presidente do Parlamento de Galicia, na súa condición de vicepresidente da organización. Durante a tarde de hoxe, debatéronse as emendas formuladas polos diferentes parlamentos á proposta orixinal de declaración. Entre as emendas aceptadas polo Plenario atópase a formulada polo Parlamento de Galicia para que na programación financieira da UE posterior a 2020 non se penalice ás comunidades cumpridoras en materia de déficit público.
Tamén se elixirá unha nova Presidencia, e se entregará a primeira edición dos premios convocados pola CALRE para impulsar o desenvolvemento de proxectos de cooperación interrexional e de promoción do parlamentarismo por parte das diferentes cámaras lexislativas rexionais, entre outros asuntos que figuran na orde do día do Plenario.
A sesión de apertura do Plenario celebrouse esta tarde coas intervencións do ata o de agora presidnete da CALRE, Raffaele Cattaneo; e do presidente do Comité das Rexións, Markku Markkula.