Archivos Mensuales: junio 2017

Unha delegación de FADEMGA Plena inclusión Galicia entrega o estudo “Todos somos Todos”

DSC_0020Unha delegación de FADEMGA Plena inclusión Galicia entregou este mediodía ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, o estudo “Todos somos Todos”, realizado polo Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO) co apoio do Real Padroado sobre Discapacidade.

O proxecto “Todos Somos Todos” é unha iniciativa posta en marcha para visibilizar e empoderar a aquelas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que teñen maiores necesidades de apoio debido a situacións asociadas a esta discapacidade, caso de mobilidade reducida, trastornos da saúde mental ou dificultades de comunicación.

A reunión celebrada no Parlamento antecede á xornada que acollerá mañá mércores a Escola Galega de Administración Pública, na que familiares e profesionais de todo o movemento asociativo galego reuniranse para coñecer historias de vida e superación de persoas con discapacidade intelectual e familias que afrontan esta realidade día a día.

Anuncios

Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. Declaración Institucional.

Declaración Institucional

Día Nacional das Linguas de Signos Españolas

 

DSC_0325

O acceso á educación en condicións de igualdade é un dereito indiscutible para o conxunto do alumnado e, no caso de moitos nenos e nenas xordas, este acceso garántese incluíndo a lingua de signos no marco dun enfoque bilingüe-bicultural baseado na aprendizaxe, coñecemento e uso tanto da lingua de signos como da lingua oral da contorna.

Con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, e coincidindo co 10º aniversario do recoñecemento legal destas linguas en España, o Parlamento de Galicia declara o valor da lingua de signos na educación, como garante de equidade, inclusión e de liberdade, unha histórica e xusta demanda da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) xunto coa Confederación Estatal de Persoas Xordas.

O colectivo de persoas xordas é heteroxéneo e diverso, debido a unha serie de factores persoais e contextuais. Sexa cal for a situación, todas e cada unha das persoas xordas necesitan acceder á información e é comunicación para desenvolveren unha vida independente e seren parte activa do mundo. Por iso, todo suma, e no ámbito educativo un enfoque que abranga a lingua de signos, ademais da lingua oral da contorna, dotará a persoa xorda de todas as ferramentas necesarias para o pleno desenvolvemento da personalidade e a efectiva participación na vida social,  cultural e laboral.

A vontade dos individuos e das familias non é suficiente para garantir o acceso á educación en condicións de igualdade, senón que no caso das linguas de signos o eixo das obrigacións se sitúa nas políticas públicas. Por iso,  é preciso que as administracións tomemos conciencia de que o éxito académico das persoas xordas pasa por atender tamén as súas necesidades e demandas respecto ao desenvolvemento efectivo dos seus dereitos lingüísticos e á promoción desta lingua en España.

A Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade establece a obriga dos Estados Partes de facilitaren a aprendizaxe da lingua de signos así como promoveren a identidade lingüística das persoas xordas a fin de propiciar a súa participación plena e en igualdade de condicións na educación e como membros da comunidade, un mandato que debe comprometer todas as administracións  públicas e ser asumido por elas.

De igual forma, convén ter en conta o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da  Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, e a Lei 27/2007, que recoñece as linguas de signos españolas e os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, sen esquecer que todas e cada unha das leis educativas e ulteriores desenvolvementos inclúen no seu articulado a obriga de ser universalmente accesibles e inclusivas en calquera das etapas educativas, incluída a educación superior.

Con todo o anterior, calquera medida que se tome en consideración para avanzar en políticas educativas inclusivas para o alumnado xordo debe incorporar de forma unívoca as linguas de signos, non só como linguas de cultura e de comunicación senón tamén como linguas curriculares, e a imprescindible participación de profesionais xordos, se o que se pretende é deseñar escolas nas que todos poidan desenvolver as súas verdadeiras capacidades para contribuír na construción dunha sociedade cada vez máis xusta e solidaria.

 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2017

O Parlamento recibe ao alumnado gañador do concurso Os Chefs saudables, convocado por Sanidade para promover hábitos sanos

DSC_0061O alumnado gañador do concurso Os chefs saudabes, pertencente ao CEIP Eulogio Gómez Franqueira, de San Amaro (Ourense), visitou esta mañá o Parlamento de Galicia no marco das  diferentes actividades nas que hoxe participan en Santiago como premio ao seu traballo. Os gañadores deste certame foron felicitados polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e polo conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuíña.

O Concurso Os chefs saudables  forma parre do obradoiro “Traballando por unha mocidade saudable”, organizado pola Xefatura Territorial de Sanidade en Ourense para incentivar a alimentación sana e o exercicio físico entre o estudantado de educación infantil e primaria.

Durante o acto organizado na sede do Lexislativo galego visionouse o vídeo gañador do concurso, no que o alumnado do CEIP Eulogio Gómez Franqueira explica o proceso de elaboración da receita que obtivo o primeiro premio, consistente en salmón en papillote gornecido con patacas e corazóns de leituga primaverais. Tamén se visionaron os tres vídeos finalistas, presentados polo CEIP Virxe Pena da Sela, CEIP Sarreaus e CEIP Mariñamansa.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, felicitou á Consellería de Sanidade por esta iniciativa de promoción dos hábitos de vida saudables entre os máis novos. Recordou que “comer sano é o mellor para a saúde” e considerou que os participantes neste concurso constituen un “exemplo” para os adultos. Agregou Santalices que como presidente do Parlamento está empeñado en promover os hábitos de vida saudable. Pediu ao profesorado que lle fagan chegar a receita gañadora para trasladala ao persoal da institución.

O presidente do Parlamento tivo tamén palabras de recoñecemento para o profesorado, colectivo que, na súa opinión, exerce un “traballo complicado que non sempre é recoñecido pola sociedade” como realmente merece.

xornada de convivencia organizada no marco do IX Foro Comunicación e Escola coa participación de alumnado asturiano e galego

O presidente do ParlamenIMG-20170614-WA0001to de Galicia, Miguel Ángel Santalices, participou hoxe en Castropol, canda o seu homólogo do Principado, Pedro Sanjurjo, na xornada de convivencia organizada no marco do IX Foro Comunicación e Escola, que nesta edición desenvolve un proxecto centrado na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, como punto de encontro entre Galicia e Asturias.

Santalices gabou esta iniciativa de intercambio, que contribúe a “intensificar a relación de familia” entre Galicia e Asturias, na medida en que promove o intercambio e o coñecemento mutuo, vai máis aló da formación reglada e constitúe un exemplo a seguir, mesmo por outras comunidades.

Da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, o presidente do Parlamento de Galicia subliñou que “alberga auténticos santuarios naturais”. Santalices agregou que “Asturias e Galicia comparten o privilexio de contar cun medio natural único, pola súa beleza, pola súa diversidade e polo seu, en xeral, excelente estado de conservación”.

Preservar este “equilibro complexo” fronte a agresións externas como as que provocan o cambio climático, require, ao seu xuízo, do “compromiso unánime da sociedade”: o das institucións, asumindo compromisos, e o das persoas a título individual, mudando hábitos de vida  e de consumo para facelos compatibles coa saúde do planeta.

“Vivimos nun ecosistema privilexiado, pero tamén fráxil, que require do esforzo de todos”, insistiu o titular da Cámara galega.

Previamente, en declaracións aos medios de comunicación, Santalices amosou a súa satisfacción por participar neste encontro e reiterou a importancia de implicar á xuventude na educación en valores. Sinalou que a biosfera non só implica a preservación do medio ambiente, senón que tamén comporta a eliminación da pobreza, crear hábitos saudables e unha axeitada preparación para os cambios que se aveciñan, entre outros retos.

Organizado polo  IES Elisa y Luis Villamil, de Vegadeo (Asturias), neste proxecto sobre a Reserva da Biosfera do IX Foro Comunicación y Escuela participa tamén alumnado galego do IES Enrique Muruais (A Pontenova), e do IES Fontem Albei (A Fonsagrada). No encontro de hoxe estiveron presentes, ademais, os alcaldes dos 14 concellos integrados nesta Reserva da Biosfera, o delegado da Xunta en Lugo e o director xeral de Administración Local do Principado de Asturias, entre outras autoridades.

No marco deste proxecto, alumnado e alcaldes asturianos visitaron recentemente a sede do Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo presidente da Cámara, mentres que alumnado e alcaldes galegos desta Reserva da Biosfera tiveron ocasión de coñecer a Xunta Xeral do Principado de Asturias, entre outras actividades.

Rematado o acto, Santalices entregou cadanseu lote de libros editados polo Parlamento de Galicia para as bibliotecas dos centros educativos participantes nesta actividade.IMG-20170614-WA0010

O presidente do Parlamento recibe a unha delegación da Asociación contra a pena de morte Pablo Ibar

20170506_santalices_06O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, mantivo este mediodía unha entrevista cunha delegación da Asociación contra a pena de morte Pablo Ibar. O encontro enmárcase nas actividades de presentación dunha campaña que está a impulsar esta Asociación para recadar fondos cos que financiar a defensa xurídica de Pablo Ibar, logo de que o Tribunal Supremo de Florida ordenase repetir o xuízo contra Pablo Ibar, que pasou 16 anos no corredor da morte.

Despois da entrevista co presidente do Parlamento, Candido Ibar (pai de Pablo Ibar) e Andrés Krakenberger, mantiveron unha xuntanza con deputados e deputadas da Cámara galega.