Archivo por meses: septiembre 2017

Ato de clausura do simposio internacional sobre Xerardo Fernández Albor e o seu tempo.

Homenaje a Gerardo Fernandez Albor.“O talante aberto e dialogante de D. Xerardo, froito dun profundo compromiso galeguista, firmes conviccións democráticas e unha inquebrantable fe no autogoberno de Galicia no que entón non todos crían, permitiu dotar de alicerces sólidos a Comunidade Autónoma. Fíxoo sobre a base de amplos consensos, nos que cría e dos que deu exemplo”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, no acto de clausura do simposio internacional Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente, que hoxe rematou en Santiago.

O presidente do Parlamento situou a Fernández Albor entre os “pais fundadores” da autonomía galega, na medida en que tivo un “papel determinante como primeiro presidente da Xunta autonómica” e foi un “protagonista destacado da extensión do denominado galeguismo difuso entre as principais forzas políticas con presenza en Galicia nos albores da democracia”.

Da xestión de Fernández Albor á fronte da Xunta, Santalices Vieira destacou  o seu papel na adquisición do antigo cuartel do Hórreo para convertelo en sede do Parlamento, a decisión de unificar en San Caetano a sede administrativa da Xunta e a posta en marcha da radio e a televisión públicas de Galicia, como elementos de promoción e normalización da lingua galega.

Santalices expresou o seu agradecemento a Fernández Albor, “a vostede e aos que con vostede se esforzaron na procura dunha Galicia mellor, dona do seu destino, e exemplo de plena integración en España e en Europa, sen deixar por iso de cultivar os vínculos cos pobos irmáns de Iberoamérica”.

Na súa intervención, o presidente do Parlamento sinalou tamén que o Dr. Fernández Albor foi “un dos mellores cirurxiáns do seu tempo, e tamén un visionario no referido á organización e xestión sanitaria”. Ao seu xuízo, Xerardo Fernández Albor “contribuiu desde a práctica clínica a prestixiar a `Fonte Limpa´, como se denomina desde tempo inmemorial á escola médica compostelana”, por acudir a ela os casos máis complicados ou na procura dunha segunda opinión.

Recordou o titular do Lexislativo galego que este simposio pecha  diferentes recoñecementos á figura do presidente Albor, actos que tiveron o seu inicio no Parlamento o pasado mes de xaneiro coa celebración do 35 aniversario da Autonomía de Galicia.

 

 

Acto na Fundación Curros Enríquez en Celanova

Celanova, acto culturalO Parlamento de Galicia, coa colaboración da Asemblea Lexislativa da Rexión Autónoma dos Azores, a Fundación Curros Enríquez o Concello de Celanova, celebrou esta tarde nesa vila ourensá un acto cultural orientado a poñer en valor os vínculos da Comunidade Autónoma coa lusofonía.

Nesa acto, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que “Galicia, dentro da España na que está plenamente integrada, e o Portugal amigo e veciño teñen diante de si un futuro de oportunidades compartidas que, en parte, pasan tamén por potenciar conxuntamente as súas afinidades, comezando pola riqueza idiomática que, ben entendida e mellor utilizada, nos abre as portas de medio mundo”.

Obxectivo compartido

Santalices Vieira recordou que tanto a Cámara galega como a dos Azores comparten ese obxectivo, convencidos de que “tamén desde os poderes lexislativos podemos e debemos converternos en parte activa na necesaria estratexia de sensibilización social respecto ao potencial da lusofonía para os nosos  dous pobos”.

Agregou que desde o Parlamento de Galicia asumen “encantados” esta tarefa, que tamén implica o cumprimento dunha obriga marcada pola lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. “Este é –dixo- o camiño que cómpre seguir, o da concordia, o entendemento e a difusión dos nosos valores culturais diversos, plurais, complementarios. Sempre enriquecedores”.

Curros e as letras portuguesas

O acto desenvolveuse nas instalacións da Fundación Curros Enríquez, dados os vínculos deste escritor con Portugal e cos Azores a través das relacións que o autor foi tecendo en vida con coetáneos seus das letras portuguesas. O data de celebración coincide co 166 aniversario do nacemento de Curros.

A parte final do acto consistiu nun recital de Emilio Rúa e Rosa Cedrón que, entre outras pezas, interpretaron, en galego e en portugués, o poema Zara, obra do poeta azoriano Antero de Quental, traducido no seu momento ao galego por Manuel Curros Enríquez.

A intervención do presidente do Parlamento foi precedida pola da súa homóloga dos Azores, o presidente do Consello da Cultura, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta e os profesores Alonso Montero (académico da RAG) e Urbano Bettencourt (da Universidade dos Azores) e o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez.

Reunión co presidente da Xunta

A presidenta da Cámara Lexislativa da Rexión Autónoma dos Azores, Ana Luísa Pereira Luis, completaba deste xeito a segunda e derradeira xornada da súa visita oficial a Galicia.  Esta mañá foi recibida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e visitou o Consello da Cultura Galega.

De seguido viaxou a Ourense, onte tivo ocasión de coñecer o Balneario Laias Caldaria. Máis tarde, desprazouse á romaría da Virxe do Cristal, en Vilanova dos Infantes, e participou nunha recepción oficial no Concello de Celanova. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira, como anfitrión da visita, acompañou á súa homóloga dos Azores en todos os actos.

Presentación da publicación «Viaxe á Illa do Corvo» e da exposición fotográfica «Açores Silêncio e Ser»

Presentacion del libro 'Viaxe á illa do Corvo. Os Azores, 1924'.

“En plena negociación do Brexit, españois e portugueses fariamos ben en aproveitar o distanciamento británico para facer valer o noso potencial lingüístico na UE e, con el, propiciar un achegamento das institucións e países comunitarios ao mundo hispanoamericano e á comunicade lusófona”. Así o manifestou hoxe  o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, co gallo da visita dunha delegación da Asemblea Lexislativa da Rexión Autónoma dos Azores, encabezada pola súa presidenta, María Luísa  Pereira Luís, orientada a fortalecer os vínculos coa lusofonía.

Recordou Santalices que España e Portugal “viviron de costas tempo de máis”, especialmente no ámbito institucional, dado que xa no pasado “a vida cotiá estaba chea de exemplos que poñían de manifesto que as persoas das dúas beiras renegaban da fronteira”. Agregou que “os arraianos, habitantes das raia seca da que proveño, e tamén na raia húmida, sabemos ben da permeabilidade da fronteira, que lonxe de provocar desencontros, xerou intercambios de todo tipo, mesmo familiares, como os que moitos levamos nos nosos xenes”.

Falou o presidente do Parlamento dunha fronteira “enriquecedora en termos persoais, e mesmo económicos; e tamén unha fronteira salvífica para moitos”. Referíase a casos como o protagonizado polo deputado republicano Antón Alonso Ríos, que facéndose chamar Afranio de Amaral, logrou salvar a vida e reunirse coa súa familia na Arxentina logo de escapar, a través de Portugal, da persecución desatada en 1936.

Para o presidente do Parlamento de  Galicia, a boa veciñanza que oficiosamente viñan practicando os dous pobos desde tempo inmemorial, pasou a contar con “pontes e ferramentas novas” a partir da adhesión de España e Portugal á CEE, en xuño de 1985, e a posterior sinatura do Tratado de Schengen. Destacou, como exemplo, a posta en funcionamento da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, unha iniciativa que considerou “modélica”.

Santalices subliñou a importancia da Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade na Cámara gaega en marzo de 2014, “unha norma impulsada pola propia cidadanía e orientada a sacar proveito dun elemento que nos diferencia e enriquece, a intercomprensibilidade das linguas galega e portuguesa”. Trátase, a xuíxo do presidente do Parlamento, dun “feito enriquecedor que ofrece aos galegos vantaxes competitivas reais neste mundo globalizado”.

No acto celebrado esta mañá na Cámara galega presentouse a edición bilingüe, en galego e portugués, do volume titulado Viaxe á illa do Corvo. Os Azores, 1924, publicado inicialmente en 1926 dentro dun volume máis amplo titulado  As Ilhas Desconhecidas. Notas e Paisagens, no que o autor, Raul Brandao, relata o seu periplo polo arquipélago. A tradución ao galego correu a cargo do escritor Xesús Rábade Paredes. A publicación presentada hoxe inclúe tamén un estudo introdutorio no que o profesor Xesús Alonso Montero repasa os vínculos entre Raul Brandao e algúns escritores galegos do seu tempo.

Exposición fotográfica

Posteriormente, tamén no Pazo do Hórreo, inaugurouse a exposición fotográfica Açores silêncio e ser, unha mostra que recala en Santiago grazas á Asemblea Lexislativa da Rexión Autónoma e que permanecerá aberta ao  público ata o vindeiro 14 de outubro.

O presidente do Parlamento de Galicia agradeceu á súa homóloga dos Azores a presenza destra mostra en Santiago, porque “permite seguir avanzado pola senda do entendemento, a cooperación e a amizade entre os diferentes pobos da lusofonía”.

Xa esta tarde, a presidenta da Asemblea Lexislativa dos Azores, acompañada polo presidente do Parlamento de Galicia visitará Vigo, onte terá ocasión de coñecer o Instituto Español de Oceanografía, o Porto e estaleiros da ría.

Unha delegación do estado brasileiro de Paraná e da provincia arxentina de Misiones visita o Parlamento de Galicia

IMG_0315Unha delegación integrada por deputados, alcaldes, funcionarios e empresarios do estado brasileiro de Paraná, xunto con representantes da provincia arxentina de Misiones, visitaron esta mañá o Parlamento de Galicia no marco dunha xira organizada pola Asociación de Rexións Europeas Fronteirizas (ARFE) para dar a coñecer a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Viera, explicoulles o funcionamento e a historia da institución e acompañou aos visitantes durante o percorrido polas dependencias do Pazo do Hórreo. Tamén participou no acto a secretaria da Mesa da Cámara, Raquel Arias.

Acto de entrega do Premio “Celanova, Casa dos Poetas” á Corporación Hijos de Rivera

DSC_0548O titular do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu este mediodía os actos organizados con motivo da entrega do XXXIII Premio “Celanova, Casa dos Poetas” á Corporación Hijos de Rivera. Santalices confesouse honrado por participar nun acto destas características, “no que o mundo da cultura e o mundo da empresa- os dous imprescindibles- se dan a man dun xeito admirable”.

O presidente da Cámara lexislativa valorou a decisión do xurado do premio “Celanova, casa dos Poetas” por conceder o galardón  deste ano á Corporación Hijos de Rivera, “de méritos empresariais sobrados, como todos coñecemos, pero moi especialmente polo seu compromiso con Galicia: compromiso empresarial e compromiso cultural tamén”.

Santalices destacou que a Corporación Hijos de Rivera “soubo compaxinar a súa exitosa diversificación e expansión –nacional e internacional- coa súa crecente galeguización nos máis diversos ámbitos”, como reflicte a acta na que o xurado deixa constancia da concesión, por unanimidade, deste Premio.

“Parabéns, polo tanto, á familia Rivera, polos seus éxitos –agregou Santalices-, que son tamén os éxitos de Galicia; e porque demostran, decote, que Galicia ten recursos, pero tamén talento e moitos empresarios brillantes que son quen de xerar riqueza e traballo no país”.

Na súa intervención, o presidente do Lexislativo galego adiantou que o vindeiro 15 de setembro Celanova acollerá unha actividade organizada polo Parlamento de Galicia no marco dun programa conxunto coa Asemblea Lexislativa dos Azores para promover os intercambios co mundo da lusofonía. E elección de Celanova derívase dos vínculos que Curros Enríquez mantivo con escritores portugueses do seu tempo.