Archivos Mensuales: marzo 2018

Clausura do Foro Internacional Universitario “O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago”

20180323_134628O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, clausurou este mediodía, no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC, o Foro Internacional Universitario O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago: potenciando o poder do turismo para promover o diálogo intercultural e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento. Trátase dun proxecto pioneiro promovido pola Organización Mundial do Turismo (OMT), Helsinqui España e o Grupo Compostela de Universidades que reúne a máis de 110 estudantes de 19 universidades de 13 países de todo o mundo.

Santalices explicou que “nada do que sucede na nosa contorna resulta alleo ao Parlamento, máxime nesta etapa, na que estamos empeñados en abrir portas e xanelas da institución e multiplicar a súa presenza social e académica para facela máis próxima, máis coñecida e, se é posible, máis querida por parte da cidadanía que nos elixe e á que nos debemos”. Agregou que tanto no Parlamento de Galicia como nas restantes Cámaras “estamos necesitados das ideas e das achegas da xente nova, do colectivo universitario, como o que vostedes representan e no que reside o futuro da humanidade”.

O presidente da Cámara destacou a riqueza lingüística, cultural e histórica da Comunidade, pero apuntou que tanto estes como calquera outro elemento identificador “xamais deberían ser usados como barreira. Ben ao contrario, sentímomos plenamente galegos, pero ese é  tamén o noso xeito de reivindicar a nosa condición irrenunciable de españois e de europeos de pleno dereito”.

Santalices pronunciou a súa intervención en galego para enxalzar “o idioma propio de Galicia, unha das dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma, un auténtico tesouro do que nos sentimos orgullosos e que cultivamos nun espírito de bilingüismo cordial, en harmonía”. Os congresistas puideron seguir a intervención por escrito nunha edición trilingüe (galego, castelán e inglés).

Recordou que no Paraninfo da Facultade de Xeografía da USC, Otero Pedrayo pronunciou hai 60 anos o seu discurso de despedida da aulas e o fixo en galego, empregando este idioma na universidade por vez primeira  despois da Guerra Civil.

Explicou o presidente do Parlamento de Galicia que “esta forma nosa de nos relacionar e de ollar o mundo está intimamente relacionada co espírito europeo, perfectamente recollido no lema  da UE, `Unida na diversidade´, que reflicte o dobre obxectivo da Unión: traballar conxuntamente a prol da paz e da diversidade, mais facelo respectando e potenciando a pluralidade de linguas, culturas e tradicións que compartimos e que enriquecen este vello continente”.

Referíndose aos obxectivos de desenvolvemento sustentable en torno aos que xira o foro que estes días se celebra en Santiago, Santalices Vieira sinalou que ningún deles resulta alleo ao Parlamento.

A xuízo do titular do Lexislativo galego, “Santiago de Compostela é probablemente, pola súa historia e pola súa condición actual, un dos lugares máis adecuados para abordar cuestións tan de actualidade como o poder do turismo para promover o diálogo intercultural”.

Recordou que, ao longo da historia, canda os peregrinos a Santiago, “circulou tamén a cultura nas súas diferentes manifestacións”, ata o punto de que Compostela e Galicia xogaron un papel “determinante” no proceso histórico de construción da cultura europea.

“A diferenza doutros contornos monumentais, unicamente frecuentados por turistas ávidos de selfis, en Santiago conviven realidades diversas que se complementan e enriquecen mutuamente”, afirmou Santalices. Recordou que “aquí conviven turistas, viaxeiros á vella usanza, persoas en proceso de introspección persoal e a forza intelectual proxectada por unha universidade cinco veces centenaria”.

Anuncios

FADEMGA Plena Inclusión e o Parlamento de Galicia colaborarán na integración de persoas con discapacidade intelectual

DSC_0026O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo presidente da Federación Galega de Asociacións a Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia), Eladio Fernández Pérez,  asinaron hoxe un convenio de colaboración orientado ao desenvolvemento de actividades conxuntas para a integración das persoas con discapacidade intelectual na Cámara galega.

Este documento fixa o marco xeral de colaboración entre as dúas entidades  para a realización de actividades  que faciliten a adaptación e o desenvolvemento das funcións que persoas con discapacidade intelectual puideran prestar na Administración do Parlamento de Galicia.

Entre as posibles medidas a desenvolver ao abeiro deste convenio figura a realización de cursos de formación específicos, o apoio no proceso de inserción e adaptación, o seguimento do desempeño da actividade laboral ou a realización de talleres prácticos para o intercambio de experiencias, dirixidos ao persoal que realice funcións de referencia.

O convenio asinado hoxe enmárcase na aposta do Parlamento de Galicia por contribuír á integración laboral das persoas con discapacidade. A sede do Parlamento de Galicia acolleu recentemente o primeiro exercicio do proceso selectivo convocado para a provisión dunha praza de uxier reservada para persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual. Ademais, unha das oito bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia está reservada para persoas con discapacidade intelectual.

Parlamento e Xunta reciben a primeira visita escolar do programa “Coñece as túas institucións” para impulsar os valores democráticos

20180313_santalices_01O Parlamento de Galicia e a Xunta recibieron hoxe a primeira visita escolar organizada no marco do programa “Coñece as túas institucións”, impulsado polo Lexislativo e o Executivo galegos para divulgar o papel das institucións autonómicas, explicar a separación de poderes e impulsar os valores democráticos.

Un grupo de 30 escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Feliciano Barrera, de Ponteareas, foron os primeiros en acollerse a esta iniciativa. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado por integrantes da Mesa e deputados e deputadas da Cámara, recibiu esta mañá aos participantes nesta visita escolar.

Durante o encontro, Santalices explicou os obxectivos deste programa de divulgación ao alumnado participante, que comezou a visita asistindo á proxección dun vídeo divulgativo sobre o Parlamento de Galicia e continuou a xornada cunha visita guiada ás diferentes dependencias que integran a sede do poder lexislativo galego.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinaron, a finais de 2017, o convenio de colaboración que fai posible a posta en marcha do programa “Coñece as túas institucións”. Ao abeiro desta iniciativa, alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO matriculado en centros públicos de Galicia, poderá efectuar visitas conxuntas ás sedes do Parlamento de Galicia e da Xunta, en Santiago. Os custes do desprazamento son asumidos polas institucións promotoras.

Xa a media mañá, no marco deste mesmo programa, visitou o Parlamento alumnado de 5º e 6ª de Primaria do CEIP de Cerdeiriñas, de Piloño, en Vila de Cruces.

Os centros educativos interesados en participar nesta iniciativa deben solicitalo a través do apartado específico da web do Parlamento de Galicia (https://goo.gl/ySiAv2).

Antes de participar na visita guiada ao Parlamento e á Xunta, o alumnado deberá ter participado nun programa didáctico na aula, a partir os materiais educativos facilitados polas institucións. Neste sentido, o Parlamento ofrece, na súa páxina web, unha Guía para o Profesorado a un Caderno de traballo para o alumnado, con contidos  e propostas didácticas diversas, acordes cos diferentes niveis educativos.

Esta iniciativa enmárcase na aposta do presidente do Parlamento por incrementar a apertura da institución desde unha dobre estratexia: impulsar as visitas á sede da Cámara galega e multiplicar a presencia social do Parlamento para dalo a coñecer.

Santalices Vieira destacou a importancia da iniciativa que hoxe comeza para dar a coñecer o papel do Parlamento e da Xunta entre as persoas máis novas. “Todo emana dunha decisión do pobo, aquí radica a sede da democracia e creo que é uha idade moi boa para que fixen determinados conceptos. E ademais, desde o punto de vista estratéxico, son os mellores comunicadores para que na familia se fale da importancia destas institucións”, afirmou.

O presidente do Parlamento adiantou que xa se teñen recibido arredor de 80 solicitudes de centros interesados en participar no programa “Coñece as túas institucions”. Esta iniciativa será seguida, como anunciou Santalices, da posta en marcha dunha nova proposta de portas abertas do Parlamento, un día á semana, no que calquera persoa que o desexe poderá visitar o pazo do Hórreo sen anotarse previamente e en diferentes quendas diarias. O proxecto xurde para complementar o actual programa de visita guiadas e porase en marcha, probablemente, entre os vindeiros meses de abril e maio.

Parlamento de Galicia e COGAMI colaborarán na inserción laboral de persoas con discapacidade

DSC_0026O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) Anxo Queiruga, asinaron este mediodía un protocolo de colaboración para a realización de actividades de asesoramento e apoio á inserción laboral de persoas con discapacidade na Administración parlamentaria.

En virtude deste acordo, COGAMI colaborará co Parlamento en actividades encamiñadas á adaptación e desenvolvemento das funcións das persoas con discapacidade que puideran prestar servizo na Cámara galega, ben como traballadores/as ou como persoal en prácticas e/ou formación.

Estas medidas poderán incluír a realización de cursos de formación, apoio na inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo, seguimento do desempeño da actividade laboral  ou a realización de talleres prácticos dirixidos ao persoal  que realice funcións de referencia no entorno do posto que desempeñen persoas con  discapacidade.

O convenio asinado hoxe enmárcase na aposta do Parlamento de Galicia por contribuír, e dar exemplo, na integración laboral das persoas con discapacidade, máis aló dos mínimos obrigados pola normativa en vigor.

A sede do Parlamento de Galicia acolleu o pasado sábado o primeiro exercicio do proceso selectivo convocado para a provisión dunha praza de uxier reservada para persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual.

Ao tempo, unha das oito bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia está reservada para persoas con discapacidade intelectual.

Presentación en Ordes do libro Isabel Zendal nos arquivos de Galicia, obra do escritor e xornalista Antonio López Mariño.

IMG_1563O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou este mediodía en Ordes o libro  Isabel Zendal nos arquivos de Galicia, obra o escritor e xornalista Antonio López Mariño que acreditou a orixe galega desta muller á que a OMS considera a primeira enfermeira da historia en misión internacional. Zendal xogou un papel determinante para o éxito da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que en 1803 partiu do porto da Coruña para inmunizar contra varíola en Iberoamérica (desde o norte de México ao sur de Chile, Filipinas e mesmo parte de China (Macao e Cantón).

Isabel Zendal, nada en Santa Mariña de Parada (Ordes)  foi a encargada de coidar aos nenos que facían de portadores da vacina e goza dun elevado recoñecemento en México, onde rematou a súa existencia, pero ata hai pouco era unha gran descoñecida en España e en Galicia. A investigación de López Mariño, recompilada neste libro editado polo Parlamento coa colaboración da Asociación Isabel Zendal, “remata con infinidade de confusións que rodeaban a figura desta heroína galega merecente de figurar nos libros de historia”, en opinión de Santalices.

O presidente do Parlamento agradeceu o a investigación histórica desenvolvida por López Mariño, pero tamén o apoio de Pilar Farjas, ex conselleira de Sanidade, impulsora e presidenta da Asociación Isabel Zendal, xurdida para divulgar a figura da enfermeira. Santalices trasladou tamén a súa felicitación ao alcalde de Ordes polas diferentes iniciativas que desde o Concello están a impulsar para sacar do esquecemento a Isabel Zendal.

Santalices Vieira explicou que a data elixida para a presentación deste libro, xusto despois do Día da Muller Traballadora, pretende tamén “render homenaxe, recoñecer e agradecer o traballo –remunerado e ser remunerar- de todas as mulleres durante todos os tempos”, focalizando a atención na figura de Zendal, “muller traballadora, galega e universal”.

Para Santalices, “as mulleres son e serán o motor que move o mundo e todo o que se faga para superar as desigualdades que aínda persisten será sempre insuficiente”. Animou a afrontar este reto “desde a unidade, fuxindo da confrontación, e facelo en todos os ámbitos, o público e o privado, porque a desigualdade se combate desde o fogar, desde a escola, desde as empresas, desde as institucións ou desde calquera recuncho no que esta eiva persista”.

Na súa intervención durante o acto celebrado na Casa da Cultura de Ordes, o presidente do Parlamento felicitouse polos diferentes traballos publicados en datas recentes para desmitificar a “lenda negra” que tantas veces empañou a historia de España e de Galicia.

“Por primeira vez en moito tempo comezan a descorrerse as cortinas que impedían coñecer boa parte do mellor do noso pasado”, con feitos como a Expedición da Vacina e outros que “deben facernos sentir orgullosos da nosa historia e animarnos a coñecela, a historia de España e a historia de Galicia, as dúas paralelas e indisolubles”.

“A Real Expedición Filantrópica da Vacina –afirmou Santalices- non foi un feito inusual ou illado na nosa historia”, e Isabel Zendal “xogou un papel determinante; sen ela, aquela xesta non tería sido posible, como recoñeceu o propio Balmis, o director da expedición”.

O presidente do Parlamento chamou a atención sobre o perigo que supón o movemento antivacinas. “A varíola, unha infección gravísima, é hoxe unha enfermidade erradicada grazas á aplicación das vacinas, unha lección que todas e todos, o conxunto da sociedade, deberíamos ter presente cada día e da que deberían tomar nota os irresponsables que se atreven a poñer en dúbidas as vacinas”.

Santalices foi precedido no uso da palabra polo autor do libro, Antonio López Mariño; a presidenta da Asociación Isabel Zendal, Pilar Farjas Abadía; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella; e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.

Tanto o libro presentado este mediodía, editado en galego, como as súas versións en castelán e en inglés, poden consultarse na biblioteca de libros electrónicos da web do Parlamento de Galicia (http://www.parlamento.gal/Portada/LibrosElectronicos).

O titular do Lexislativo galego aproveitou a asistencia oa acto de alumnado e persoal docente do IES Maruxa Mallo de Ordes para convidalos a visitar o Parlamento de Galicia.