Archivos Mensuales: febrero 2019

O viceministro polaco de Emprendemento e Tecnoloxía interésase polo funcionamento do Parlamento de Galicia

DSC_0037O viceministro polaco de Emprendemento e Tecnoloxía, Macin Michal Ociepa, visitou esta mañá o Parlamento de Galicia, onde foi recibido e mantivo unha entrevista co titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

A visita responde ao interese do viceministro por coñecer o funcionamento da Cámara galega, no marco dunha viaxe a Galicia.

Santalices Vieira explicoulle a historia, o funcionamento e a composición do Parlamento de Galicia. Detívose especialmente nos mecanismos de participación cidadá habilitados polo Parlamento de Galicia, boa parte dos cales se poden facer efectivos a través da sede electrónica habilitada a finais do pasado ano pola Administración parlamentaria, converténdose así no primeiro lexislativo autonómico en dispor cun servizo destas características. O ministerio polaco de Emprendemento e Tecnoloxía é o competente en materia de dixitalización.

O viceministro acudiu acompañado pola embaixadora da República de Polonia en España. Marzenna Adamczyk, e polo cónsul honorario de Polonia en Galicia, Juan M. Vieites Baptista de Sousa.

O alto funcionario polaco foi convidado a asinar no libro de honra do Parlamento de Galicia e coñeceu o edificio acompañado polo presidente do Parlamento.

Anuncios

Integrantes da Coordinadora galega de ONG para o desenvolvemento

DSC_0005Directivos da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento reuníronse este mediodía co presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, ao que explicaron os principais proxectos e liñas de traballo que están a acometer en diferentes países.

Participaron na reunión o presidente da Coordinadora, Alejandro Quiñoá Casteleiro; a vicepresidenta, Gema Filgueira Garrido; a secretaria, María Paz Gutiérez; e a técnica Sara García Mato.

I Xornadas sobre retos das administracións contemporáneas

DSC_8858“As administracións deben evolucionar ao carón da sociedade, a ser posible por diante, nun entorno crecentemente cambiante, no que a sensibilidade e as demandas da cidadanía mudan a moito maior ritmo ca no pasado”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, esta tarde, na inauguración das I Xornadas sobre retos das administracións contemporáneas, que se celebran no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense.

Abundando nesta idea, o titular do Lexislativo galego engadiu que o principal desafío dos poderes públicos é “dar resposta ás demandas e ás necesidades da cidadanía”.

Apuntou, nesta liña, que “para estar á altura do que a xente agarda dela”, a Administración –con independencia do seu ámbito competencial-  “deberá ser transparente, deberá transmitir confianza, deberá ser accesible, facilitar a participación e  amosarse próxima aos intereses das persoas;  deberá responder con inmediatez e deberá xestionar os recursos públicos –recursos que son de todos, porque proceden dos impostos- con criterios de eficacia e de eficiencia”.

Para materializar estes obxectivos –engadou Santalices Vieira-, as tecnoloxías da información e a comunicación “convertéronse en magníficos aliados”, especialmente en ámbitos como o da transparencia, a accesibilidade, a proximidade ou a participación.

Recordou que malia non ser unha administración ao uso, o Parlamento de Galicia traballa co obxectivo de facer realidade obxectivos como os enunciados por Santalices na súa intervención e convidou aos participantes nas xornadas a coñecer a sede electrónica da Cámara, a primeira deste tipo impulsada por un parlamento autonómico en España para avanzar en materia de transparencia, participación e proximidade.

“Somos unha cámara eficaz pero, ademais, xestionamos con eficiencia os recursos económicos que a sociedade pon a nosa disposición”, afirmou o Parlamento de Galicia, que puxo como exemplo o feito de que o custe medio dun deputado no Parlamento de Galicia é xusto a metade respecto ao Parlamento Vasco, que conta tamén con 75 deputados.

Santalices comezou a súa intervención recoñecendo a “non moi boa imaxe” do colectivo de funcionarios públicos entre o conxunto da sociedade, feito que, na súa opinión, constitúe tamén un reto a superar.

Conferencia “O Parlamento de Galicia, unha institución aberta”, no auditorio do Museo Etnográfico casa do Patrón, en Doade (Lalín)

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, explicou esta mañá, nunha conferencia impartina no auditorio do Museo Etnográfico Casa do Patrón, en Doade (Lalín), os diferentes mecanismos de participación cidadá impulsados pola Cámara galega, ao tempo que defendeu a aposta da institución por achegarse á xente.

01 SANTALICESO titular do Lexislativo detívose na estratexia de apertura impulsada pola Cámara e que permite á cidadanía impulsar proposicións de lei de iniciativa cidadá e proposicións non de lei, ao tempo que fai posible  a participación na elaboración das leis, no control ao goberno, ou exercer o dereito de petición. Todas estas posibilidades de participación foron reforzadas recentemente, como recordou Santalices, coa posta en marcha  da sede electrónica do Parlamento de Galicia que se converteu na primeira Cámara autonómica en ofrecer un servizo deste tipo.

Deputadas e deputados, persoas e empresas contan, deste xeito, con todos os servizos de administración electrónica dispoñibles a día de hoxe. A sede electrónica reforza, ademais, as posibilidades de participación cidadá e completa a dixitalización de procedementos como a licitación ou a factura electrónica.

Canda a participación cidadá, Santalices Vieira insistiu no seu empeño en abrir o Parlamento á xente a través de medidas como o programa de visitas guiadas á sede do lexislativo galego, as xornadas de portas abertas semanais que permiten a calquera que o desexe poda visitar o Parlamento cada luns sen necesidade de inscrición previa, o programa “Coñece as túas institucións” co que escolares de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO poden visitar na mesma xornada o Parlamento e  Xunta, ou ciclo de charlas divulgativas en centros educativos impartido pos exdeputados/as.

Búscase, con estas iniciativas, superar o descoñecemento que a sociedade ten respecto ao Parlamento e as competencias que este ten encomendadas.

 

Presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente

imgs8952O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou esta tarde que o expresidente da Xunta Xerardo Fernández Albor exerceu a política “con paixón, pero tamén con sentidiño, desde a coherencia e co galeguismo como sinal de identidade”. Santalices expresábase así na presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente, na que se deron cita diferentes personalidades, encabezadas polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Santalices gabou o “galeguismo democrático, plural e integrador” que inspirou a acción política de Fernández Albor,  sentimento que situou “nas antípodas do nacionalismo excluínte e segregador”. Falou dun galeguismo “herdeiro das mellores correntes históricas da Galicia territorial e da Galicia universal; un galeguismo aberto ao conxunto de España e do mundo, con espírito e vocación europea, pola que tanto traballaría posteriormente D. Xerardo desde Bruxelas e Estrasburgo”.

O presidente do Parlamento felicitou aos coordinadores e impulsores da edición deste libro “ameno, de lectura doada e gratificante para as persoas interesadas na figura do Dr. Fernández Albor e a Galicia do seu tempo”. Un volume que “ademais de poñer en valor a figura do homenaxeado, nos axuda a comprender a profunda transformación rexistrada en Galicia en pouco máis de medio século”.

Para o titular do Lexislativo galego, ese avance é “consecuencia directa, en gran parte, da estabilidade e o benestar derivados da Constitución do 78 e do asentamento e consolidación da autonomía que a Carta Magna e o posterior Estatuto nos brindaron e que persoas como D. Xerardo puxeron en marcha”.

Da traxectoria persoal do homenaxeado, Santalices recordou que Fernández Albor destacou como médico humanista, como cirurxán, como xestor sanitario  e como “galego bo e xeneroso que amaba profundamente a Galicia”. Por iso, no cumio da súa carreira profesional, o Dr. Fernández Albor non dubidou en antepoñer os intereses colectivos sobre os persoais”.