Archivos Mensuales: diciembre 2016

Parlamento, Xunta e USC poñen en marcha a maior base de datos xurídicos en lingua galega

presentacion-lex-gal-19_12_16_8

O traballo conxunto desenvolvido polo Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela permitiu a posta en marcha do Portal LexGal e base de datos de lexislación consolidada, presentado do hoxe na Cámara autonómica e que constitúe a maior base de datos xurídicos en lingua galega.

Esta ferramenta –www.lex.gal-, é de acceso gratuíto e nela pódense atopar a totalidade das leis de Galicia, así como os decretos máis actuais e un elevado volume de ordes normativas da Xunta. As normas aparecen consolidadas, o que permite coñecer o texto vixente en calquera momento, tanto na actualidade como no pasado. Tamén incorpora un sistema de buscas e ligazóns a publicacións oficiais e institucións que producen información xurídica de relevancia.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, expresou a súa satisfacción polo contido deste portal. Trátase, ao seu xuízo, dunha “ferramenta novidosa que permite centralizar nun único portal recursos xurídicos actualmente dispersos”, o que resulta “de especial utilidade para os profesionais do dereito, pero igual de interesante para o conxunto da sociedade”.

Destacou que o portal xorde tamén “con vocación de servizo á cultura galega, e especialmente á nosa lingua”, dado que as ferramentas deste tipo existentes ata o de agora só estaban dispoñibles en castelán e con contidos limitados en dereito galego.

O resultado deste traballo conxunto do Parlamento, a Xunta e a USC acredita, segundo Santalices, que “xuntos somos máis fortes” e que “a cooperación entre as institucións só reporta beneficios”. Na súa opinión, “probablemente ninguna das tres institucións aquí representadas tería sido capaz de acometer este proxecto individualmente pero, entre todos, foi posible”.

A presentación do Portal LexGal tivo lugar esta mañá na Biblioteca do Parlamento de Galicia, un acto no que ademais do titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, interviron tamén o profesor López Díaz, un dos directores do proxecto; a secretaria xeral da Universidade de Santiago, Consuelo Ferreiro Regueiro; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; e o vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Tamén asistiron deputadas e deputados, persoal das diferentes unidades do Parlamento que traballou no proxecto, así como representantes de institucións autonómicas, e de colexios e organizacións profesionais.

Santalices Vieira agradeceu o “intenso” traballo desenvolvido por todas as persoas que participaron nesta iniciativa.

A presentación efectuouse o día no que se celebra o 35 aniversario  do Parlamento de Galicia, de xeito que este acto marca o inicio da conmemoración. Fíxose así, porque “de algún xeito, esta iniciativa constituúe tamén o balanzo da actividade lexislativa da Cámara, que tivo despois continuidade noutras normas de rango inferior tamén aquí recompiladas”.

O presidente do Parlamento aproveitou a súa intervención para reivindicar o “intenso traballo” desenvolvido na Cámara galega durante a IX lexislatura, na que se aprobaron 54 leis, “o número máis alto de calquera Lexislatura da nosa historia”.  Este cómputo podería incrementarse ata os 57 textos lexislativos incluíndo no reconto a reforma do Regulamento do Parlamento e as dúas proposicións de lei perante o Congreso dos Deputados, tamén aprobadas polo Pleno da Cámara.

Santalices enmarcou o Portal LexGal na estratexia do Parlamento de Galicia encamiñada a facilitar a participación das galegas e galegos na vida política, económica, cultural e social. “Aínda que un principio decimonónico do Código Civil afirma que a ignorancia das leis non exime do seu cumprimento, hai que recoñecer que os esforzos  en materia de didáctica e divulgación normativa non teñen destacado, precisamente, na nosa historia, nin pola súa intensidade, nin pola súa eficacia”.

Para o presidente do Parlamento, “polo menos en Galicia, consideramos necesario superar esa carencia achegando as normas aos seus destinatarios, lexitimadores últimos da actuación do Lexislativo que as crea”.

Valorou tamén o titular da Cámara galega a utilidade das tecnoloxías da información e a comunicación como un “magnífico aliado para todos os que cremos na escoita cidadá como ferramenta de mellora do funcionamento democrático”.

Como exemplos do compromiso do Parlamento de Galicia neste ámbito, Santalices referiuse ao LexGal, pero tamén ás diferentes posibilidades de participación cidadá que ofrece a web da institución co obxectivo último de achegar todos os retos e inquedanzas ao Parlamento, “cerne e epicentro de calquera sistema democrático”.

Sobre a centralidade do poder lexislativo, apuntou que se trata dunha “idea sempre de actualidade e que cobra unha especial vixencia polo debate suscitado no Reino Unido en relación co papel determinante do Parlamento en relación co Brexit, confirmado por un fallo xudicial”.

Santalices recordou os inicios do Parlamento de Galicia, constituído o 19 de decembro de 1981, “nunha sede prestada –o Pazo de Xelmírez- e lonxe do fervor popular” na medida en que, daquela, “a Autonomía e as institucións que entón con ela nacían distaban moito de suscitar entusiasmo no pobo galego”. Malia todo, “paseniñamente, o entramado institucional que agromou ao abeiro do Estatuto de Autonomía fíxose acreedor do respecto e a cosideración das galegas e os galegos ata o punto de que, a día día de hoxe, practicamente ningún galego, con independencia do seu posicionamento ideolóxico, concibe Galicia sen autonomía”.

O presidente do Parlamento iniciou a súa intervención expresando  a “rotunda condena” da violencia de xénero, logo dos casos rexistrados durante a fin de semana, ao tempo que trasladou a súa “solidariedade e afecto” ás familias das vítimas mortais. “Ás veces, un ten a sensación de que non hai palabras para expresar a repulsa que merecen estes actos nin para describir tanta atrocidade”, sinalou.

Con anterioridade ao inicio do acto, nas escelras exteriores do Parlamento. celebrouse unha concentración de un minuto de silencio en memoria das mulleres asaninadas a pasada fin de semana.

Anuncios

Condena violencia de xénero

Minuto silencio 19_12_16_1.jpgDespois dunha fin de semana negra no referido á violencia contra as mulleres, quero expresar a miña condena rotunda do sucedido, e tamén trasladar unha mensaxe de solidariedade e afecto ás familias das vítimas. Ás veces, teño a sensación de que non hai palabras para expresar a respulsa que merecen estes actos, nin para describir tanta atrocidade.

 

Homenaxe da Real Academia de Medicina ao Dr. Rodríguez Míguez, promotor da hidroloxía médica

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde, no Liceo de Ourense, nunha sesión necrolóxica en memoria do Dr. Luis Rodríguez Míguez, organizada pola Real Academia de Medicina de Galicia, da que o homenaxeado foi académico numerario e titular do “sillón” de Hidroloxía Médica.

20161214_santalicesou_02Nado en Santiago en 1932, o Dr. Rodríguez Míguez faleceu en Ourense en febreiro pasado e está considerado o pai do termalismo galego actual. Impulsor  dos cursos de Hidroloxía Médica de Carballiño, estivo vinculado á Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e defendeu con insistencia a inclusión deste tipo de tratamentos na sanidade pública.

A sesión necrolóxica contou coa intervención do Dr. Gestal Otero, que disertou sobre “O Dr. Luis Míguez, profesor, compañeiro e amigo” e do Dr. Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, que analizou  as “Contribucións do Dr. Rodríguez Míguez á Hidroloxía Médica desde a Academia”. Tamén participou o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesus Vázquez Almuiña.

“Como presidente do Parlamento de Galicia, como deputado vinculado ao mundo sanitario e como médico, acudo a este acto a deixar testemuño da miña homenaxe a recoñecemento ao Dr. Rodríguez Míguez. Boa parte do liderado actual de Galicia en materia de termalismo é consecuencia do traballo incansable e do entusiasmo do Dr. Rodríguez Míguez”, afirmou Miguel Santalices.

O Parlamento de Galicia acolle unha nova campaña de doazón de sangue

img_9497Unha unidade móvil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos desprazouse esta mañá ao Parlamento de Galicia no marco da campaña que desenvolve en empresas e organismos públicos para recoller doazóns de sangue.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado pola directora da Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos, Marisa López García, visitou este mediodía a unidade móbil estacionada no recinto do Lexislativo galego. Santalices Vieira valorou o traballo de todos os profesionais  da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e animou ao conxunto da sociedade a doar sangue.

O conselleiro de Facenda entrega ao presidente do Parlamento o proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2017

dsc_0008O Conselleiro de Facenda da Xunta, Valeriano Martínez, entregou esta mañá o proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2017 ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.

Esta mesma mañá, a Mesa do Parlamento de Galicia cualificará o documento e, de seguido, oída a Xunta de Portavoces, o asignará á comisión e aproborá o calendario de tramitación parlamentaria deste proxecto de lei.

Recoñecemento da figura de Isabel Zendal, considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional

Miguel Ángel Santalices Vieira, participa na xornada organizada polo Concello de Ordes con motivo da presentación do documental Isabel Zendal.O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá, na casa da cultura de Ordes, na estrea do documental “Isabel Zendal, la enfermera que cambió el rumbo del mundo”, producido por Enfermería TV e que rescata do esquecemento a figura dunha galega que resultou clave para levar a vacina da variola a América e Asia nos primeiros anos do século XIX.

Isabel Zendal Gómez, nada en Santa Mariña de Parada (Ordes), era ata o de agora a gran descoñecida da Real Expedición Filantrópica da Vacina, financiada polo rei Carlos IV, e que zarpou do porto da Coruña en 1803 para levar o inóculo da variola a América e, finalmente, a Filipinas, co obxectivo de frear os estragos que provocaba esta enfermidade infecciosa.

Como apuntou Santalices, aínda que os restantes integrantes da expedición, como Balmis ou Salvany, entre outros, eran coñecidos con maior ou menor detalle, as referencias a Isabel Zendal eran máis escasas malia que “ela foi a responsable directa do máis preciado de aquela aventura: de prestar todo tipo de coidados aos nenos que portaban a vacina nos seus propios corpos. Se eses coidados non tiveran sido efectivos, nada tería sido posible”. Grazas a Isabel Zendal, a cadea de vacinación  puido manterse viva entre os nenos  expósitos que a portaban.

A OMS recoñece desde 1950 a Isabel Zendal como a primeira enfermeira da historia en misión internacional e o Premio Nacional de Enfermería de México leva o seu nome, entre outros recoñecementos.

Sen embargo, en Galicia e en España, Isabel Zendal foi “inxustamente ignorada durante máis de dous séculos. Porque nin daquela nin agora se ten recoñecido o verdadeiro alcance desta fazaña, única no mundo”, en palabras de Santalices.

Unha recente investigación do historiador e xornalista Antonio López Mariño sacou á luz moitas das incógnitas que rodeaban a traxectoria vital de Isabel Zendal Gómez e a última edición dos premios Enfermería en Desarrollo recoñeceu o labor desta muller a través dun premio recollido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.

Santalices Vieira afirmou que con actos como o de hoxe “poñemos un chanzo na recuperación da figura histórica dunha das nosas grandes heroínas”  e agregou que “con frecuencia de máis, enredámonos en discursións absurdas, enxalzando o negativo e soterrando no esquecemento  feitos dignos da máxima consideración, que poñen en valor o mellor do ser humano”.

Ao seu xuízo, “que Galicia teña ocupado, a través da figura de Isabel Zendal, un papel protagonista na historia de América, e tamén de Asia, constitúe un feito excepcional, digno de figurar en todos os libros de historia e, por suposto, nos debe encher de satisfacción como pobo”.