Archivo por meses: octubre 2017

Miguel Barros Puente

DSC_0053Esta mañá reuninme co ex deputado Miguel Barros Puente, co que sempre é un pracer conversar. Tivo a xenerosidade de me entregar tres libros dos que é autor e que desde hoxe enriquecerán a Biblioteca do Parlamento de Galicia. Trátase dos volumes “Ramón Piñeiro. Nas olladas do galeguismo” e “Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo” (2 volumes), fundamentais para afondar na figura dun dos principais protagonistas do galeguismo da postguerra; e  “Discurso e tempo. Na procura dun socialismo para Galicia”, con reflexións do autor sobre a súa dedicación á política galega.

Moitas grazas.DSC_0065

Foro organizado polo Museo do Pobo Galego sobre O futuro da Sociedade do Benestar nunha Galicia avellentada

Miguel Ángel Santalices Vieira, participa no foro  O futuro da Sociedade do Benestar nunha Galicia avellentadaO presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, considera que chegado o momento haberá que abrir un debate sosegado e exento de demagoxia sobre o financiamento do sistema sanitario público de cara a garantir a súa sostibilidade, presente e futura, no conxunto do Estado. Santalices Vieira participou esta tarde nun foro sobre O futuro da Sociedade do Benestar nunha Galicia avellentada, organizado polo Museo do Pobo Galego no marco da conmemoración do seu 40 aniversario.

Para o presidente do Parlamento, garantir a sostibilidade do Estado de Benestar –configurado pola sanidade, a educación e as políticas sociais públicas-  é unha prioridade para calquera responsable político e recordou que factores como o envellecemento da poboación e a crise demográfica condicionan a xestión.

Recordou a evolución rexistrada polo modelo da sanidade pública en España, que pasou dun sistema conmutativo ao actual, de carácter distributivo, no que a sanidade pública se financia a través dos impostos e ofrece cobertura universal. Atribuíu este avance aos dereitos consagrados pola vixente Constitución de 1978.

Galicia, por riba da media

Apuntou Santalices que co actual modelo de financiamento, as Comunidades Autónomas dispoñen de liberdade para fixar as súas prioridades de gasto,  o que explica, por exemplo que Galicia destine a sanidade un presuposto per cápita superior á media do Estado.

O gasto sanitario público consolidado segundo CCAA en España (Estatística de Gasto Sanitario Público 2015) acada o 6,1% do PIB, porcentaxe que se incrementa ao 6,8% no caso de Galicia. A media europea sitúase no 7,2%.

Recordou que o proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2018 destina a gasto social 7.118 millóns de euros dun total de 9.124,4 millóns de euros de gasto total das consellerías.  A sanidade recibirá 3.858 millóns de euros nas contas da Xunta para o vindeiro exercicio.

Santalices Vieira apuntou que a preservación do Estado de Benestar require novos cotizantes e tamén a adopción de medidas encamiñadas a potenciar a eficiencia do sistema, incluíndo o control do gasto farmacéutico, o uso racional dos recursos, a educación para a saúde e a promoción de hábitos de vida saudable que diminúan o gasto sanitario a medio e longo prazo.

Esforzo fiscal progresivo

Con todo, Santalices opinou que sería desexable incrementar o gasto sanitario ata equiparalo coa media comunitaria, financiándoo a través de impostos progresivos vinculados á renda, de xeito que as persoas con máis ingresos contribúan en maior medida ao sostemento do modelo.

O presidente do Parlamento animou tamén a cambiar a visión sobre o envellecemento, converténdoo nunha oportunidade, na medida en que xera empregos e recursos que mesmo poden contribuír a fixar poboación no rural coa prestación de asistencia ás persoas maiores no seu contorno habitual.

Termalismo terapéutico

Reiterou tamén os beneficios que se derivarían de incorporar o termalismo terapéutico á oferta do sistema nacional de saúde, convencido de que os tratamentos termais correctamente indicados poden reducir a prescripción farmacolóxica e os ingresos hospitalarios, co correspondente aforro para as arcas públicas, ademais de xerar actividade económica arredor dos balnearios.

O presidente do Parlamento de Galicia reivindicou a calidade da sanidade pública, “unha das mellores do mundo” e tamén unha das mellor valoradas polos usuarios. Asi o acredita unha enquisa que revela que o 44% da poboación considera que a atención sanitaria en España é mellor que a doutros países da UE, porcentaxe que supera en 10 puntos a percepción media dos europeos.

O Parlamento acolle unha mostra conmemorativa do 50 aniversario da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS)

DSC_0053A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), fundada en Santiago en 1967, celebra este ano o seu medio século de vida que recordan nunha exposición que hoxe abriu as súas portas no Parlamento de Galicia, onde poderá visitarse durante os próximos días.

A mostra foi inaugurada este mediodía nun acto presidido polo titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, e no que tamén interveu o presidente  da ASPAS, Marcelo de la Cruz Luzón. Participaron nos acto deputadas e deputados dos catro grupos parlamentarios así como vicepresidente e a secretaria da Mesa da Cámara.

Santalices Vieira recoñeceu que non é frecuente que o Parlamento acolla actividades que non gardan relación directa coa función lexislativa, pero apuntou que a Cámara debe esforzarse por abrirse “a toda a sociedade” e subliñou que “é unha honra” albergar esta iniciativa no Pazo do Hórreo.

O presidente da Cámara animou tamén aos asistentes ao acto inaugural  a coñecer e utilizar as diferentes vías de participación cidadá habilitadas polo Parlamento, entre as que se referiu expresamente ás proposicións de non de lei e as preguntas ao Goberno de iniciativa cidadá.

A inclusión como obxectivo

Miguel Ángel Santalices Vieira recordou que a Oferta de Emprego Público do Parlamento de Galicia para 2017 inclúe unha praza de uxier reservada a persoas con dispacacidade intelectual. Trátase, ao seu xuízo, de un paso pequeno co que se pretende contribuír a impulsar a inclusión das persoas con discapacidade intelectual.

O presidenteDSC_0105 da Cámara  puxo en valor o traballo desenvolvido por ASPAS desde a súa fundación e agradeceu a implicación de todas as persoas que participan e colaboran con esta entidade.

Esta mañá tiven o pracer de recibir ao alcalde Celanova, José Luis Ferro Iglesias, ao que agradecín a colaboración que o Concello nos prestou para celebrar, o pasado 15 de setembro, na Fundación Curros Enríquez, un acto cultural orientado a pDSC_0007oñer en valor os vínculos de Galicia coa lusofonía e que contou coa participación dunha delegación da Asemblea Lexislativa dos Azores.

 

 

Tamén falamos sobre a Romaría Raigame e coincidimos en desexar que a investigación relacionada coa morte do anterior párroco de Vilanova dos Infantes e custodio da Virxe do Cristal, Adolfo Enríquez,  continúe a bo ritmo. Estamos convencidos de que os esforzos cos corpos de seguridade conseguirán poñer a disposición xudicial os autores do crime.

Un novo premio recoñece hoxe a ilimitada creatividade das e dos artistas galegos. Un pracer felicitar a Ángela de la Cruz polo Premio Nacional de Artes Plásticas 2017. Parabéns!

Declaración institucional do Parlamento de Galicia con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

DSC_0023Con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o Parlamento de Galicia e as deputadas e deputados que representamos a cidadanía galega queremos reiterar o noso compromiso unánime do ano 2010 e lembrar de novo a necesidade urxente de seguir avanzando na loita contra a pobreza extrema na que aínda hoxe malviven máis de 1.400 millóns de persoas. Queremos tamén recoñecer o esforzo e o sentir dos galegos e galegas que, defendendo os dereitos humanos, se esforzan por conseguir un mundo mais xusto e loitan contra a desigualdade.

O crecemento e a recuperación económica, aínda que está permitindo recuperar algunhas das políticas e orzamentos de inclusión social ou emprego, non será efectivo mentres non garanta de xeito estable o seu dereito a unha vida digna a todas e cada unha das galegas e galegos que no 2016 estaban en risco de pobreza ou exclusión social, o 25,4 % da poboación.

Queremos recoñecer o esforzo e a solidariedade de gran parte da poboación galega nos peores anos da crise económica: familias, veciñanza e en especial as nosas persoas maiores. Sabemos da súa debilidade e das graves dificultades que terían para afrontar outra crise.

Somos conscientes da obriga de seguirmos avanzando no noso modelo social, no que non se permita deixar ninguén á marxe, e no que dende os poderes públicos se garantan os dereitos constitucionais e a inclusión social.

En especial, é urxente e vital para o futuro de Galicia evitar a transmisión interxeracional da pobreza. Hai que seguir loitando para evitar que o 80 % das nenas e nenos que hoxe viven en familias na pobreza estean condenados a sufrila o resto da súa vida, así como as súas fillas e fillos.

As propias persoas en risco de pobreza e baixo lemas como «As persoas primeiro» ou «Somos persoas, non expedientes», resumen as súas demandas en tres principios: loitar contra as causas da pobreza e a desigualdade, moi lonxe do asistencialismo e asegurando a igualdade de dereitos e unha inclusión social activa baseada na garantía de ingresos (mediante o emprego ou rendas mínimas áxiles); compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo; e unha coordinación política e técnica entre as administracións e as organizacións especializadas que reduza drasticamente a burocracia.

Conmemoramos este Día cando asistimos a unha crecente evolución dos prexuízos, estereotipos, intolerancia e ata desprezo ás persoas en risco de pobreza ou exclusión.

Os delitos de odio en España incrementáronse case nun 93 % dende o 2011 ata o 2015. Nas redes sociais só entre 2015 e 2016 os delitos de odio medraron nun 82 % segundo a Fiscalía Xeral do Estado.

Fenómenos como o racismo, a xenofobia e a aporofobia (odio ás persoas en pobreza) son especialmente incidentes. Neste último caso, unha de cada cinco persoas sen fogar foi agredida fisicamente cando menos unha vez, e unha de cada tres foi insultada ou vexada.

 As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais.

Tampouco o son da súa exclusión as persoas con discapacidade, migrantes, refuxiadas ou da comunidade xitana, as mozas e mozos tuteladas ou as privadas de liberdade. 

Ninguén é culpable do seu sufrimento. Non o son as mulleres vítimas de violencia de xénero. Nin calquera persoa pola súa orientación ou identidade sexual.

Non existen as relixións que defendan o terrorismo ou a violencia. 

Ningunha persoa é inútil. Sexa moza, desempregada, xubilada ou sen fogar.

As persoas que sofren e denunciaron estas e outras moitas mentiras no último Seminario Galego de Participación e Cidadanía Inclusiva[i] ou as que afirmaron que «o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres» non están soas.

Os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir a igualdade de todos os cidadáns, poñendo en marcha as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas.

Temos tamén o compromiso de difundir e poñer o foco nas experiencias positivas, e nos exemplos de harmonía e convivencia normalizada, que son a maioría, evitando a difusión dunha visión distorsionada e non real das persoas que viven situacións de exclusión social.

Neste Día Internacional para a Erradicación da Pobreza queremos facer un chamamento para non caer na ignorancia dos prexuízos, e dar un paso cara á inclusión urxente das persoas que non se atopan en igualdade de condicións para a consecución dunha vida digna.

 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2017

DSC_0014

 

DSC_0015ms

O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía unha concentración dun minuto de silencio en memoria das persoas que perderon a vida nos incendios forestais que afectan á Comunidade.
Asistimos á concentración deputados e deputadas, os portavoces parlamentarios, persoal da Cámara e do Valedor do Pobo.

Neste día de inmensa tristura, quero trasladar o meu pesar ás familias das persoas que perderon a vida por mor dos incendios que asolan Galicia. Agradecemento inmenso a cantos traballan sen descanso para combater esta lacra e desexo de que os incendiarios sexan postos a disposición da xustiza.