Archivos Mensuales: marzo 2019

Xornada de enfermidades raras: Ciliopatías comúns e ultrarraras

DSC_2070O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá a Xornada de enfermidades raras: Ciliopatías comúns e ultrarraras, que se desenvolve no Edificio Politécnico do Campus de Ourense baixo o título A ciencia da man do paciente.

Santalices Vieira subliñou a importancia  de “axilizar o diagnóstico” das persoas afectadas por unha enfermidade rara, ao tempo que se amosou esperanzado en que as diferentes liñas de investigación nas que se traballa actualmente “podan ofrecer resultados alentadores”.

O presidente do Parlamento agradeceu o labor de concienciación que desenvolven as diferentes organizacións que traballan no ámbito das enfermidades raras e instounos a non caer no desánimo ante a ausencia de resultados inmediatos. “Quero insistir na necesidade de non perder a esperanza e animalos a seguir chamando a atención da sociedade en xeral, e dos poderes públicos en particular”, afirmou.

Santalices agradeceu a invitación a participar nesta xornada, intervención que enmarcou no esforzo do Parlamento por “estar presente no día a día das galegas e galegos, porque estamos convencidos de que a nosa tarefa pode e debe resultar máis útil canto mellor coñezamos as diferentes realidades da nosa sociedade.

Visita institucional do embaixador de Turquía ao Parlamento de Galicia

20190325_santalices_03O embaixador da República de Turquía en España, Cihad Erginay, efectuou esta mañá unha visita institucional ao Parlamento de Galicia, onde foi recibido polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

A visita enmárcase na rolda de contactos que o diplomático turco está a manter despois da súa recente toma de posesión como embaixador en España.

Santalices Vieira interesouse polas relacións entre España e Turquía e fixo votos polo seu fortalecemento. O diplomático turco foi convidado a asinar no libro de ouro do Parlamento de Galicia e, rematada a entrevista, tivo ocasión de efectuar unha visita ás diferentes dependencias do Pazo do Hórreo.

Minuto de silencio no Parlamento de Galicia contra a violencia machista

DSC_0015 (Medium)O Parlamento de Galicia gardou este mediodía un minuto de silencio en repulsa contra a violencia machista e en memoria das últimas vítimas galegas: unha muller natural de Sober asasinada en Madrid o pasado venres e unha muller asasinada onte en Valga.

Na concentración, encabezada polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, participaron membros da Mesa, portavoces, deputadas e deputados, persoal da Cámara e do Valedor do Pobo.

 

Sinatura do protocolo de colaboración entre o Parlamento de Galicia e a Federación Autismo Galicia

045_3672O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e maila presidenta da Federación Autismo Galicia, María José Álvarez Folgar, asinaron hoxe un protocolo de colaboración orientado a facilitar a comunicacion e a accesibilidade, no ámbito da Cámara galega, das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

No marco deste protocolo, o Parlamento de Galicia implantará, na súa sede, pictogramas específicos orientados ás persoas con TEA, para o que contará con asesoramento da Federación Autismo Galicia.

O Lexislativo galego facilitará a accesibilidade e participación das persoas con TEA nos diferentes programas de divulgación da Cámara galega. Para iso, adaptará as diferentes modalidades de visitas guiadas  ás necesidades específicas das persoas con TEA, axustará a guía didáctica do programa “Coñece as túas institucións” dirixido ao estudantado, e terá en conta as necesidades das persoas con TEA nas actividades institucionais, sociais e culturais que organice o  Lexislativo galego. Entre outras medidas, o Parlamento tamén adecuará o material divulgativo sobre a institución para que resulte comprensible para as persoas con TEA.

A sinatura deste convenio enmárcase na liña de acordos que o Parlamento está a formalizar con diferentes entidades e asociacións que traballan no ámbito da diversidade funcional e a integración social.