Archivos Mensuales: abril 2017

Visita á sede de Previsión Sanitaria Nacional

VISITAO presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, visitou hoxe a nova sede central do grupo empresarial Previsión Sanitaria Nacional (PSN),  en Madrid, onde foi recibido e acompañado polo presidente do grupo, Miguel Carrero, que lle amosou as instalación.

O presidente de PSN informou ao titular da Cámara galega da implantación do grupo en España e Portugal, e tamén do arraigo en Galicia, onde contan con 10 oficinas de atención aos seus máis de 10.000 mutualistas. Carrero anunciou que no vindeiro mes de xuño inaugurarán dúas novas sedes en Ourense e Pontevedra, e que están a acondicionar duas máis, en Lugo e Vigo.

A visita de Santalices á sede de PSN responde a unha invitación do presidente da empresa e coincide cun desprazamento para pronunciar unha conferencia sobre “Parlamento, Medicina e Sociedade”, por proposta da Asociación de Médicos Galegos de Madrid,.

Anuncios

Conferencia “Parlamento de Galicia, Medicina e Sociedade”, dentro do ciclo “Medicina e Humanidades”, organizado pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega)

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou hoxe o “papel insubstituible dos Parlamentos” na sociedade actual, malia os avances rexistrados coas novas ferramentas de comunicación.

Julio Ancochea, Miguel Ángel Santalices, José Ramón Ónega y Miguel Carrero, en la mesaAsí o manifestou esta tarde, na Casa de Galicia en Madrid, onde pronunciou a conferencia “Parlamento de Galicia, Medicina e Sociedade”, dentro do ciclo “Medicina e Humanidades”, organizado pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega), que preside o Dr. Julio Ancoechea, que presentou ao conferenciante. Interviu tamén ao comezo do acto o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

Para o titular da Cámara galega, os principais retos dos parlamentos residen en avanzar en transparencia e ofrecer ferramentas de participación á cidadanía. Afirmou que o Lexislativo autonómico deu un “paso de xigante” coa aprobación da lei de transparencia  e coa lei de participación cidadá “máis avanzada de España”. “Este é, ao meu xuízo, o camiño a seguir”, enfatizou.

O presidente do Parlamento apuntou un segundo aspecto que non se debería perder de vista para reforzar o protagonismo das cámaras: a necesidade de que deputadas e deputados manteñan un contacto permanente coa rúa, coas persoas ás que representan.

A conferencia desta tarde responde a unha invitación de Asomega e enmárcase na aposta de Santalices por potenciar a apertura do Parlamento á sociedade. Nesta estratexia enmárcanse actividades como a xornada europea que se celebrará na sede do Lexislativo galego o vindeiro 5 de maio ou o programa de visitas guiadas ao Parlamento, nas que ademais de recibir explicacións sobre o funcionamento da Cámara, os visitantes poden coñecer a colección de arte galega contemporánea do Pazo do Hórreo.

Nunha intervención na que explicou en detalle a historia e o funcionamento da Cámara, Santalices destacou tamén que o Parlamento de Galicia se sitúa entre os máis baratos e eficientes do conxunto do Estado, pero é un dos máis laboriosos.

 Centrándose no ámbito da medicina, outro dos piares da súa conferencia, Santalices enfatizou que a creación e posta en marcha do SERGAS “constitúe un antes e un despois para a sanidade galega”, tanto para os pacientes, para os que a asunción das competencias do antigo Insalud por parte da Xunta se traduciu nunha mellora da calidade e das prestacións asistenciais, como para os profesionais sanitarios, que teñen á súa disposición maiores medios e recursos.

En opinión do presidente do Parlamento, “a sanidade galega atópase entre as máis avanzadas do mundo”, como poñen de manifesto os balances asistenciais e de xestión divulgados coincidinco co 25 aniversario do SERGAS.

Da súa etapa como xestor sanitario (xerente de varios hospitais públicos), Santalices Vieira apuntou que a xestión amable non está reñida coa xestión eficiente, que o directivo debe ser coñecido por todo o cadro de persoal e que debe compartir información cos representantes sindicais.

Sobre a actividade política, o presidente do Parlamento insistiu en que na medida en que se trata dunha actividade voluntaria, esixe dedicación en lugar de queixas por parte dos seus protagonistas. A quen comece en política recomenda especializarse nunha área concreta, prudencia nos debates, manter contacto permanente cos diferentes entidades asociativas e franqueza na relación cos medios de comunicación. “Mellor responder `non sei´ que sentenciar precipitadamente”.

Acto conmemorativo do XXX Aniversario da EASD Antonio Faílde

DSC_3864“Contar cun centro como a Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense é un privilexio e resulta gratificante por moitas razóns”, como a longa tradición e a vinculación da cidade  co mundo da creación artística e do deseño téxtil. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, esta tarde, na presentación da conferencia que o arquitecto Juan Carlos Cabanelas pronunciou no Centro Márcos Válvarcel de Ourense no marco da celebración do XXX aniversario da EASD Antonio Faílde.

Santalices, que participou respondendo a unha invitación da Escola, puxo en valor o carácter público deste centro, que “ofrece formación de calidade” e pon de manifesto  o “potencial educativo de Ourense”.

Destacou tamén o presidente do Parlamento os diferentes intercambios educativos da EASD Antonio Faílde, a través do programa Erasmus e outros, que vinculou coa “vocación europeísta e universalista de Ourense”.DSC_3858.JPG

O Parlamento de Galicia acolleu o acto organizado polo Consello de Contas para conmemorar o máis de cuarto de século de existencia deste órgano

O presidente do Parlamento subliñou hoxe que “a racionalización ben entendida levou a Galicia a potenciar órganos como o Consello de Contas ou o Valedor do Pobo, dado que supoñen  unha garantía adicional para o cidadán, contribúen a un mellor funcionamento da Administración e sustentan e perfeccionan o sistema democrático sobre o que se articula a nosa convivencia”.

Conselleiros Consello de ContasO Parlamento de Galicia acolleu esta mañá un acto institucional, clausurado polo presidente da Xunta e organizado polo Consello de Contas, para conmemorar o cuarto de século de vida do órgano de control e fiscalización e que coincide con diferentes actividades programadas pola Cámara galega no marco do 35 aniversario desta institución.

O titular do Parlamento de Galicia foi o encargado de abrir o acto cunha intervención na que puxo en valor as reformas lexislativas introducidas en datas recentes  para “responder con inmediatez e eficiencia ás novas demandas sociais en materia de transparencia, honestidade e eficacia”.

Para Miguel Ángel Santalices Vieira, “por fortuna para os cidadáns e para as institucións, Galicia foi quen de atopar a fórmula necesaria para facer compatible a racionalidade económica, evitando incrementar o gasto público nun momento de estreiteces, coa blindaxe do papel do Consello de Contas, reforzado na súa autonomía, dotado de novas competencias como as referidas á prevención da corrupción ou á fiscalización das formacións políticas que reciben fondos da Comunidade Autónoma, e con maiores capacidades derivadas de outorgar a condición de axente da autoridade ás persoas auditoras”.

A maiores, Santalices subliñou o avance que supón o novo estatus dos conselleiros do Consello de Contas, “blindados respecto ao poder político e elixidos logo dunha comparecencia previa no Parlamento de Galicia, con luz e taquígrafos”.

O titular da Cámara lexislativa gabou o “rigor e o traballo constante” desenvovido polo Consello de Contas desde a súa posta en marcha, o que o consolidou como unha “institución  insubstituible na estructura institucional da Comunidade Autónoma”.

Santalices quixo, ademais, render homenaxe a “todos cantos desde o primeiro día teñen contribuido co seu traballo a facer o que hoxe é o Consello de Contas, porque tamén desde o Consello de Contas é posible facer país cada día, como teñen demostrado e demostran decote”.

O acto foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A súa intervención foi precedida pola do  presidente da Sección de Axuizamento do Tribunal de Cuentas, Felipe García Ortiz, e polo conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo López.

Consleleiros Consello de Contas actuais e anteriores

Acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia 2017

DSC_0040O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde a cerimonia de entrega das súas Medallas aos integrantes da denominada “Comisión dos 16”, autores do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía, respondendo a unha convocatoria do presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, nos primeiros meses de 1979.
O acto, que se celebrou coincidindo co 36 aniversario da promulgación do vixente Estatuto,  foi clausurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa asistencia de numerosas autoridades, familiares dos homanaxeados e unha nutrida representación da sociedade galega.
O presidente do Parlamento apuntou que con este galardón se distingue ás 16 persoas  oficialmente convocadas por Rosón. Apuntou, sen embargo, que as Medallas deben entenderse “nun sentido amplo, tal e como se desenvolveron aquelas xuntanzas, nas que aos 16 convocados polo presidente Rosón se sumaron, alomenos puntualmente, outras tantas persoas, que contribuíron á boa marcha dos traballos co seu esforzo, os seus coñecementos e os seus anhelos dunha Galicia mellor”. Santalices agradeceu tamén o papel destacado que xogaron naqueles traballos dous conselleiros da Xunta preautonómica, Xosé Rivas Fontán e Marino Dónega Rozas, e o funcionario Anxo Teixeiro, que arestora traballa, “con igual dedicación”, na Cámara galega.
“A Galicia actual –dixo o presidente do Parlamento referíndose á Comisión dos 16- foi quen de acadar o elevado autogoberno que xestiona grazas, en boa parte, a aqueles galegos que se esforzaron por plasmar nun documento as ansias de autonomía que durante décadas foran só un sono”.
Santalices Vieira recordou  “os esforzos de Castelao e de tantos outros patriotas que loitaron polo Estatuto do 36”, esforzos que “non resultaron baldíos malia que aquel texto nunca chegara a entrar en vigor”. Recordou tamén a persoas como Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla, Rajoy Leloup, González López ou Fernández Ossorio-Tafall, que tiveron un papel destacado no primeiro proceso estatutario.
“Como presidente do Parlamento de Galicia, quero facer memoria de todos os homes e mulleres aos que debemos boa parte do que temos e do que somos como nacionalidade histórica”. Referiuse, neste sentido, aos deputados galegos da República que, como Castelao, Otero Pedrayo e outros,  “defenderon a identidade de Galicia alí onde tiveron oportunidade de facelo, case sempre en situacións adversas”.
Reivindicou o labor do Consello de Galicia “que, desde o exilio en América, alentou as arelas de democracia e autonomía”. Parte das actas do Consello foron doadas tempo atrás ao Parlamento de Galicia, “onde as custodiamos, orgullosos e sabedores do elevado simbolismo destes documentos”. “Honramos tamén –dixo Santalices- ao `galeguismo do interior´, o `piñeirismo´ que nos anos escuros se esforzou na procura dun obxectivo similar desde a Galicia territorial a partir dunha visión realista da situación”. Tivo  tamén palabras recoñecemento para os artífices dos Pactos do Hostal, por conseguiren reconducir con éxito os intentos de recurtar o Estatuto.
Ao seu xuízo, “uns e outros traballaron, loitaron por moldear unha Galicia dona do seu destino, que hoxe se sitúa entre os territorios con maior autonomía de Europa, que convive en harmonía cos restantes pobos de España, cultiva a súa vocación europea e promove os vínculos fraternos cos territorios de alén mar”.
Insistiu en que coas Medallas que hoxe se entregaron, “recoñecemos o labor de outro grupo de patriotas, a Comisión dos 16, herdeiros e leais continuadores da vocación autonomista nunca interrompida, pero si intensamente maltratada”.
Santalices Vieira fixo fincapé nas diferenzas entre o momento político actual e a época na que traballou a “Comisión dos 16” “Hoxe é maior a polarización e máis escaso o respecto ao contrincante”, dixo.
Ao seu xuízo, “o exemplo de cada un dos 16 homenaxeados, sen agardar nada a cambio máis que a satisfacción consigo mesmo e a fidelidade aos seus principios, debería inspirarnos, primeiro como persoas e como galegos; e, en segundo lugar, como lexisladores, obrigándonos a poñer en valor o Estatuto e tentar e espremer todo o seu potencial”.
“Teñamos claro –sinalou dirixíndose ás deputadas e deputados desta Cámara- que a cidadanía nos elixe para revolver problemas, xamais para crealos”.
Animou tamén a tirar exemplo dos hoxe homenaxeados no Parlamento. “A permanente búsqueda do consenso e o traballo calado da Comisión dos 16 e os seus substitutos e colaboradores, debería ser permanente fonte de inspiración para calquera que aspire a servir a Galicia”.
O acto contou coa actuación musical do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, o pianista Alberto Vilas e a cantante Uxía Senlle, unha presenza coa que, en palabras de Santalices, “queremos visualizar que o Parlamento é, tamén, a casa de todos os nosos creadores e creadoras, ao tempo que reivindicou o “momento de intensa creatividade” que protagonizan a expresión artística e intelectual da Galicia actual.
Integrantes da “Comisión dos 16”
D. Luis Cordeiro Rodríguez, por UCD de Lugo (*)
D. Víctor Vázquez Portomeñe, por UCD de Lugo
Dna. Lutgarda García Boente, por UCD de A Coruña
D. Pablo González Mariñas, por UCD de A Coruña
D. Manuel Reimóndez Portela, por UCD de Pontevedra (*)
D. Pablo Padín Sánchez, por UCD de Pontevedra
D. Ramón Álvarez Cid, por UCD de Ourense
D. Juan Manuel Álvarez Ramos, por UCD de Ourense (*)
D. Francisco Puy Muñoz, por AP
D. Manuel Vázquez Río, por AP (*)
D. Indalecio Tizón Covelo, polo PSdeG-PSOE (*)
D. José Vázquez Fouz, polo PSdeG-PSOE
D. Anxo Guerreiro Carreira, polo PCG (*)
D. Luis Sobrado Fernández, polo PG
D. Camilo Nogueira Román, polo POG
D. Fernando Solla Fernández, polo PTG
(*) Reciben a Medalla do Parlamento a título póstumo.

O embaixador de Israel visita o Parlamento de Galicia

DSC_0052O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta mañá, no seu despacho da Cámara, ao embaixador de Israel en España, Daniel Kutner, no marco da visita que o diplomático efectúa á Comunidade Autónoma.

O presidente da Cámara convidou ao embaixador a asinar no libro de ouro do Parlamento de Galicia e interesouse pola relación entre os dous países. Tamén participou no encontro o presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel, Pedro Gómez-Valarés.