Archivos Mensuales: noviembre 2018

Sesión extraordinaria da Real Academia Galega de Medicina de Galicia

IMG_0758O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde a celebración dunha sesión extraordinaria da Real Academia Galega de Medicina de Galicia, na que se abordaron diferentes aspectos da epidemia de gripe de 1918.

O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que a desta tarde foi a primeira sesión que unha academia celebra na Cámara galega ao longo dos case 37 anos de vida da institución.

Enmarcou este acto no estratexia de “Parlamento aberto” coa que se  persegue tanto que a sociedade coñeza a institución, como a participación cidadá a través dos diferentes mecanismos establecidos a tal efecto.

Santalices agradeceu a colaboración da Real Academia de Medicina de Galicia e a boa acollida da iniciativa por parte do decano da Facultade de Medicina da USC.

Tamén resaltou a colaboración da Consellería de Sanidade nas diferentes iniciativas de divulgación impulsadas polo Parlamento de Galicia (reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibrilador semiautomático, prevención do melanoma ou do glaucoma, entre outras) e a boa acollida prestada á xornada de hoxe, na que ademais de afondar en diferentes aspectos da gripe de 1918, se chamou a atención sobre a importancia das campañas de vacinación antigripal.

A sesión científica comezou cun relatorio do Dr. Benito Regueiro García sobre “O virus causal da gripe de 1918 e a súa pervivencia ata os nosos días”. Continuou cunha disertación do Dr. Juan Jesús Gestal Otero, que falou sobre “Singularidades e enigmas desta pandemia”, ao que seguiu unha intervención do Dr. José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia,  que analizou os “Aspectos médico-sociolóxicos da gripe de referencia”.

A clausura da sesión correu a cargo do decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, Julián Álvarez Escudero; o conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuiña; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.

Dase a circunstancia de que parte da actual sede do Parlamento de Galicia foi cedida parcialmente ao Exército en setembro de 1918 pola necesidade de locais provocada pola epidemia de gripe que afectaba daquela á tropa acuartelada na cidade. O pazo do Hórreo albergou unha Escola de Veterinaria entre 1915 e 1924, ano no que pasou definitivamente ao Exército.

Anuncios

Inauguración da exposición “Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia”, organizada polo Consello da Cultura Galega

IMG_0456O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde na inauguración da exposición “Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia” organizada polo Consello da Cultura Galega e que quedou aberta ao público na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago.

Santalices felicitou ao equipo do Consello de Cultura Galega por este traballo e destacou o labor do comisario da mostra, Manuel Gago, por ter deseñado unha iniciativa que “axudará a coñecer e interpretar mellor a nosa historia e os seus protagonistas”.

O presidente do Parlamento reiterou que “a autonomía política que Galicia exerce hoxe é tributaria do traballo previo que no pasado desenvolveron persoeiros como Castelao, como Alexandre Bóveda, como Rajoy Leloup ou como Otero Pedrayo, por citar tan só algúns da extensa nómina de galegos bos e xenerosos aos que recordaremos sempre pola súa absoluta entrega a Galicia”.

Nesta liña, Santalices amosouse convencido de que “esta exposición contribúe a saldar a débeda de recoñecemento público que as xeracións actuais mantemos tanto con Castelao como cos demais patriotas galegos coetáneos”.

Foro Real Aeroclub Santiago

Aeroclube SantiagoO presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou hoxe nun coloquio con integrantes do Real Aeroclub de Santiago de Compostela, aos que explicou os diferentes mecanismos de participación cidadá habilitados pola Cámara galega.

Explicou Santalices que a Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia, aprobada en 2015, ampliou as posibilidades existentes ata entón e reduciu os requisitos esixibles. Na actualidade, a participación cidadá no Parlamento de Galicia pode materializarse a través de cinco modalidades diferentes: proposicións de lei de iniciativa popular, participación popular na elaboración das leis, proposición non de lei de iniciativa popular, proposta de preguntas ao Goberno, e dereito de petición perante o Parlamento de Galicia.

O presidente do Parlamento apuntou que ademais de apoiar a participación popular, a Cámara galega está inmersa nunha estratexia de apertura da institución nunha dobre dirección: que a cidadanía visite a coñeza a sede do Lexislativo galego, e tamén que deputados e deputadas teñan unha maior presenza na sociedade.

O coloquio de hoxe, canda outras charlas e conferencias que o precederon, enmárcanse precisamente na aposta da Cámara por incrementar a súa proxección exterior.