Archivos Mensuales: octubre 2016

O presidente do Parlamento propón a Núñez Feijóo como candidato á Presidencia da Xunta

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, proporá a Alberto Núñez Feijóo como candidato á Presidencia da Xunta de Galicia no Pleno de investidura que se celebrará en datas próximas.

O presidente do Parlamento reuniuse esta mañá, por separado, cos portavoces dos catro grupos parlamentarios representados na Cámara galega, dando cumprimento ao artigo 136.1 do Regulamento da Cámara.

Rematada a rolda de consultas cos representantes dos grupos políticos, e oída a Mesa da Cámara, o presidente do Parlamento trasladou o resultado das conversas a Alberto Núñez Feijóo, que foi proposto candidato á Presidencia da Xunta de Galicia por ter asegurado o respaldo maioritario do Hemiciclo, cos votos dos 41 deputados do Grupo Parlamentario Popular.

Paralelamente, o presidente do Parlamento comunicou á Mesa e Xunta de Portavoces o calendario previsto en relación coa investidura do presidente da Xunta  de Galicia.

Mércores, 2 novembro

 

Constitución das comisións
Venres, 4 novembro Mesa-Xunta de Portavoces, convocatoria Plenos investidura e apertura X Lexislatura
Martes, 8 novembro

 

Pleno de investidura (exposición candidato)
Xoves, 10 novembro

 

Debate e votación da investidura

(transcorridas 48h – art. 136.3º e 5º RPG)

Sábado, 12 de novembro Toma de posesión (art. 19 Lei 1/1983)

 

Martes, 15 de novembro

 

Sesión solemne de apertura da X lexislatura

Este mesmo venres, constituiuse tamén a Xunta de Portavoces da X Lexislatura do Parlamento de Galicia, na que se formalizaron os trámites previos á constitución formal das comisións, prevista para o próximo mércores, 2 de novembro.

Anuncios

Persoas usuarias da Asociación Sarela visitan o Parlamento de Galicia

sarela-26_10_16_1

Un grupo de persoas usuarias do Centro de Atención Diurna Terapéutica da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela visitaron esta mañá o Parlamento de Galicia, onde foron recibidas polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

Ademais do encontro co presidente da Cámara, os participantes nesta actividade tiveron ocasión de coñecer a sede do Parlamento de Galicia, no marco do programa de visitas guiadas á institución.

Durante o encontro, o presidente do Parlamento interesouse polas diferentes actividades que promove a Asociación Sarela, que centra os seus esforzos en mellorar a calidade de vida das persoas  con dano cerebral adquirido e as súas familias.

Santalices Vieira explicou que a visita ten lugar coincidindo coa celebración do Día do Dano Cerebral Adquirido, que en Galicia está causado polo ictus en arredor do 72% dos casos. Apuntou, neste sentido, que na Comunidade Autónoma  se teñen dado pasos importantes coa creación da Unidade de Ictus no Hospital Clínico de Santiago, “toda unha referencia”. Expresou tamén a súa satisfacción pola implantación, coincidindo coa posta en marcha do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, doutra unidade de ictus nese complexo, que “poderá facer traballos, ao mellor, en coordinación tamén coa provincia de Ourense para abordar esta patoloxía”.

O presidente do Parlamento valorou tamén o traballo que desenvolve a Asociación Sarela a favor das persoas con dano cerebral. Ao tempo, as persoas que participaron na visita pediron a Santalices Vieira que se manteña a preocupación polos pacientes afectados por dano cerebral, así como a prevención do mesmo. “Díxenlles que, como médico e como persoa interesada nestes temas, trasladarei” as súas demandas ao conselleiro de Sanidade en funcións que, en opinión de Santalices, presenta unha “boa diposición” respecto a estas cuestións.

A visita da Asociación Sarela ao Parlamento de Galicia tivo lugar coincidindo coa celebración do Día do Dano Cerebral adquirido (26 de outubro) e co próximo Día do Ictus (29 de outubro). A cidade de Santiago acolle tamén durante a xornada de hoxe outras actividades organizadas pola Asociación Sarela encamiñadas a visualizar a realidade das persoas afectadas por dano cerebral adquirido.

sarela-26_10_16_7

Constitución do Parlamento, X Lexislatura

Unha vez rematada a sesión constitutiva da X Lexislatura do Parlamento de Galicia quero, en primeiro lugar, a agradecer a confianza dos compañeiros e compañeiras que me elixiron presidente da Cámara. E agradecer, por suposto, todas as mensaxes de felcitación recibidas por diferentes vías.

Agardo e desexo -e pola miña banda farei canto este ao meu alcance- que a que agora comeza sexa unha Lexislatura caracterizada polo respecto intitucional, na que a Cámara poda avanzar nos mecanismos de participación cidadá e continuemos sendo líderes en traballo parlamnetario.

O fiscal superior de Galicia entrega a Memoria de 2015 ao presidente do Parlamento

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, entregou esta mañá ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, a Memoria Anual da Fiscalía Superior correspondente ao exercicio de 2015.

Coa entrega da Memoria Anual de 2015 da Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia dase cumplimento ao artigo 11.2 do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal. O trámite de hoxe terá continuidade, previsiblemente,  unha vez cumpridos os trámites de constitutición da X Lexislatura, cunha futura comparecencia do fiscal superior de Galicia na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, do Parlamento de Galicia.