Archivos Mensuales: diciembre 2017

Ofrenda da Translación

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, exerceu hoxe como delegado rexio na Ofrenda da Translación celebrada na Catedral de Santiago, unha tradición de varios séculos na que o oferente quixo “compartir as angurias e as ilusións do noso pobo, persuadido de que é a nós, os homes e mulleres desta terra, a quen corresponde labrar o noso futuro”.

Para Santalices, a ofrenda “reafirma os vínculos da coroa cos valores, as tradicións e os símbolos xacobeos”.

Afirmou o presidente do Parlamento de Galicia que “saímos dunha crise intensa –económica, pero  tamén de valores- que castigou con forza a infinidade de familias e fogares. Coa recuperación chegou, por tanto, o tempo de que esta se estenda a todas e a todos, en forma de máis emprego, e tamén de incrementos salariais acordes cos beneficios das empresas”.

Na súa invocación, o delegado rexio animou a reflexionar “sobre os erros de onte, no ámbito público e no das empresas, especialmente no sector financeiro, onde puntualmente puido semellar que a cobiza se antepuña á ética. Chegou o tempo de deixarse guiar pola conciencia, velar polo cumprimento da lei e poñer ás persoas no centro das nosas decisións. Facelo desde  a ética, con responsabilidade e sen tentacións demagóxicas ou curtopracistas”.

Neste chamamento a renovar “valores e comportamentos caducos”, Santalices Vieira animou a traballar con “afán de inclusión, contando con todos”, ao tempo que instou a utilizar as “ferramentas de participación democrática”.

Considerou que a celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural en 2018 ofrece a posibilidade de “cultivar a diversidade e o diálogo entre pobos e culturas, propiciar o coñecemento, o respecto e a comprensión mutuas, desde a tolerancia”.

Recordou Santalices que se veñen de cumprir 70 anos da redacción de Alba de Gloria,  “o máis fermoso discurso da historia de Galicia”, obra de Castelao “daquela xa enfermo e decepcionado, vítima do desterro ao que, coma el, foran abocados milleiros de  irmáns nosos. Malditas sexan todas as guerras e todas as ditaduras”.

Avogou polo coñecemento da historia e tamén por “fuxir da tentación de reabrir feridas que aviven ciúmes ou dificulten a convivencia”.

O delegado rexio tivo presente á “xuventude, formada e responsable, que necesita e merece unha oportunidade laboral a partir da que construír o seu  propio futuro e mesmo superar un dos nosos maiores retos, o devalo demográfico”.  Referiuse tamén ás persoas enfermas, as vítimas da violencia de xénero, as persoas refuxiadas ou sen fogar e a “todos os que sofren, sexa cal sexa a causa”.

O presidente do Parlamento de Galicia sumouse ás peticións do Papa Francisco para que cesen todos os enfrontamentos de base étnica ou relixiosa e subliñou que “nada hai máis sagrado que a vida humana e o respecto á liberdade dos nosos semellantes”. Por iso, afirmou, “nunca a violencia, o enfrontamento armado ou a destrución da dignidade humana poden atopar xustificación” na  relixión.

Santalices Vieira cualificou de “tesouro” o feito diferencial galego, cunha historia, un territorio e unha fala que integran a cultura  de Galicia. “Unha Galicia –dixo- que nas últimas catro décadas se dotou das súas propias institucións de autogoberno, exemplo para moitos”.

O titular do Lexislativo galego destacou a capacidade de integración de Galicia na “España plural e diversa, cunha democracia consolidada que nos permitiu acadar as maiores cotas de estabilidade, liberdade, benestar e progreso de todos os tempos”. Integración tamén na Unión Europea, “o maior espazo de democracia, prosperidade e respecto aos dereitos humanos de todo o mundo”. Apuntou tamén que “ser galego propicia unha relación fraternal con América, outrora fogar de acollida e hoxe espazo de proxección e intercambio, prolongación natural desta Iberia nosa”.

Nunha intervención en galego e castelán, o oferente avogou porque “o conxunto dos pobos de España superemos diferenzas e sexamos capaces de tender pontes que faciliten a convivencia harmónica entre cidadáns que, a pesar das súas diversas sensibilidades, comparten tamén, ao mellor sen percatarse, intereses e valores comúns que debemos cultivar e potenciar. Redescubrir o que nos une”.

O presidente do Parlamento de Galicia invocou a protección do Apóstolo Santiago para o Rei Felipe VI e a súa familia, “para que continúe exercendo as súas funcións constitucionais con acerto, sabiduría e prudencia, porque o seu éxito será o de todos os españois”.

Na invocación, o delegado rexio incluíu tamén aos responsables públicos, “para que a búsqueda do benestar da cidadanía guíe cada un dos nosos pasos”.  Pediu tamén “solidariedade e capacidade de entendememento” para construír unha sociedade máis harmónica, aberta a todas as sensibilidades”.

“Nun mundo que parece máis pendente das pantallas que das persoas –reflexionou Santalices na invocación ao Apóstolo-, acentúa a nosa capacidade de discernimento, recuperando a confianza e o papel insubstituíble dos profesionais da comunicación”.

Admitiu o oferente que “Europa, berce da civilización occidental, precisa de líderes e de proxectos capaces de devolver a ilusión sobre as bases de sempre: paz, progreso e promoción dos dereitos humanos, valores eternos e consubstanciais ao humanismo cristiá que nutre as nosas raíces máis profundas”.

Desafíos como o cambio climático, a contaminación a sobreexplotación dos recursos ou os incendios forestais  que “tinguiron de loito e negrura extensos territorios de Galicia, de comunidades limítrofes como Castela e León ou Asturias, e do país irmán, Portugal”, foron tamén mencionadas na Ofrenda da Translación. Santalices Vieira reclamou “que todas e todos nos impliquemos máis intensamente no coidado do noso privilexiado medio ambiente e que os comportamentos criminais que atentan contra este patrimonio común sexan desterrados para sempre”.

“Para todas as Españas e para Galicia invoco a túa protección, señor Santiago: pido acerto para o día a día, e tamén saúde –o ben máis prezado ao que pode aspirar calquera- para, entre todos, sentar as bases dunha sociedade mellor, máis aberta, segura e solidaria”, rematou o delegado rexio.

 

Anuncios

Honrado e agradecido polo encargo de representar a Súa Maxestade o Rei Felipe VI na Ofrenda que, como cada ano desde 1646, se celebrará  o próximo 30 de decembro, Festa da Traslación, na Catedral de Santiago de Compostela. Un orgullo contribuír, modestamente, a manter vivas as tradicións e o culto xacobeo, fortemente enraizadas na historia e na realidade social de Galicia, de España e de Europa.20160725_ofrenda_22

Campaña de doazón de sangue no Parlamento de Galicia

DSC_0014Unha unidade móvil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) visitou hoxe o Parlamento de Galicia para recoller doazóns de sangue.  O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, e maila directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López García, saudaron aos doadores e doadoras que esta mañá acudiron ata a unidade móbil da Axencia, que se desprazou ata a Cámara lexislativa galega.

Unha unidade móbil de doazón de sangue visita polo menos dúas veces ao ano o Parlamento de Galicia, dentro da campaña de recollida de doazóns de sangue que efectúa a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue en empresas e organismos públicos e que representa o 9% de todas as doazóns recollidas anualmente en Galicia. Desde o ano 2001, as unidades móbiles de ADOS visitaron nunha ducia de ocasións o Parlamento de Galicia, acadando un total de 322 doazóns de sangue, no transcurso destas visitas.

Tanto o presidente do Parlamento como a directora de ADOS tiveron verbas de agradecemento para os cidadáns que doan sangue habitualmente e tamén, nesta ocasión, para todos os deputados e deputadas e os profesionais que desenvolven o seu traballo na Cámara lexislativa galega.

Na última campaña de doazón desenvolvida no Parlamento de Galicia, no pasado mes de maio, doaron sangue 26 persoas, aínda que tanto Miguel Santalices como Marisa López manifestaron a súa confianza en mellorar este resultado na presente visita.

O presidente do Parlamento e o conselleiro de Educación asinan o convenio “Coñece as túas institucións”

Miguel Santalices, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinan un acordo para organizar visitas guiadas de alumnos.O presidente do Parlamento  de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinaron hoxe no Pazo do Hórreo un convenio de colaboración que permitirá organizar visitas guiadas conxuntas ás sedes do poder Lexislativo e Executivo galego para o alumnado de centros públicos da Comunidade Autónoma.

Con este programa, denominado “Coñece as túas institucións” e dirixido inicialmente ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, preténdese que o estudantado poda coñecer de primeira man o funcionamento do Parlamento e da Xunta e comprenda a separación de poderes propia das democracias, unha separación que, segundo recoñeceu o presidente da Cámara, ás veces resulta confusa para a cidadanía.

Xunta e Parlamento asumirán o custe dos desprazamentos que, nunha mesma xornada, permitirán que cada grupo poda visitar as dependencias do Lexislativo e do Executivo e recibir cumpridas explicacións sobre o funcionamento e competencias das institucións autonómicas.

Co convenio asinado hoxe preténdese animar a participación dos centros nesta iniciativa desde unha óptica de eficiencia na xestión dos recursos públicos, ao tempo que se busca cubrir un baleiro no ensino práctico dos denominados valores democráticos.

O acto celebrouse no vestíbulo que comunica o Salón de Plenos do Parlamento co acceso exterior, simbolizando a  vocación de apertura do Lexislativo, segundo explicou o presidente da Cámara, Miguel Santalices.

Lembrou Santalices que mañá se cumpren 36 anos da constitución do Parlamento de Galicia e que con este acto se pecha a conmemoración do 35 aniversario da  Cámara, integrada por diferentes actos que, desde unha óptica plural e participativa, tentaron poñer o foco sobre a institución, aqueixada dun “déficit crónico de coñecemento”.

Sobre o tempo transcorrido desde a primeira sesión do Parlamento, Santalices Vieira considerou que “o labor de aqueles deputados pioneiros e os que os seguiron, o da Xunta e o do conxunto da sociedade galega, pagou a pena ata o punto de que Galicia se ten situado entre os territorios con maior autonomía política de Europa e se converteu nunha Autonomía crible, solvente e respectada, considerada por moitos un modelo a seguir”.

Santalices Vieira recordou que o Parlamento de Galicia dispón desde hai tempo dun programa de visitas guiadas que “funciona razoablemente” e pechará este ano con máis de 12.000 participantes,  pero agarda que o convenio asinado hoxe permita amplialo e tamén mellorar o o coñecemento da sociedade respecto ás súas institucións de autogoberno.

Súmase esta a outras medidas impulsadas polo Parlamento como as charlas divulgativas para estudantado de ESO e Bacharelato, que neste curso se estenderon ás universidades, os plenos infantís ou as edición de material bibliográfico. Todas teñen como obxectivo a difusión da actividade parlamentaria.

O presidente do Parlamento convidou ao persoal docente  a implicarse na posta en marcha do programa hoxe formalizado, ao que agradeceu expresamente o traballo que desenvolven.

A comisión mixta encargada de coordinar e seguir o desenvolvemento do convenio asinado polo presidente do Parlamento e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reunirase de inmediato para poñer en marcha os mecanismos para que os centros educativos podan formalizar as solicitudes de visita. As solicitudes poderán tramitarse a través da páxina web do Parlamento de Galicia.

O presidente do Parlamento rende homenaxe a Domingo Fontán

Foto de grupo ponentes e parte dos asistentesO presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, clausurou este mediodía en Porta do Conde (Portas) a xornada divulgativa “Domingo Fontán e a evolución da cartografía”, organizada pola Cámara galega coa colaboración do Concello de Portas e  Asociación Domingo Fontán coincidindo co 200 aniversario do comezo dos traballos de elaboración da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa científico do país.

Na súa intervención o presidente do Parlamento afirmou que esta xornada pretende render homenaxe e enxalzar a personalidade e o traballo de Domingo Fontán, un “cintífico pioneiro” en moitos ámbitos; inxustamente tratado no seu tempo e esquecido despois da súa morte, malia que o seu principal traballo –a denominada Carta Xeométrica de Galicia– que comezou a elaborar en 1817- fose unha iniciativa absolutamente novidosa e que seguiu sendo útil ata ben entrado o século XX.

A xornada enmárcase nun acordo do pasado mes de abril no que a Cámara  instaba a difundir a vida e obra de Fontán ao cumprirse o segundo centenario  do inicio da Carta Xeométrica.  Celebrouse na localidade natal do científico homenaxeado porque, segundo explicou Santalices, o Parlamento debe saír do Pazo do Hórreo, “estar entre a xente, non ser herméticos, e así o estamos facendo”.

O titular do Parlamento destacou a personalidade polífacética de Fontán, un “adiantado ao seu tempo, tamén en materia pedagóxica”. Fontán, posuidor de coñecementos enciclopédicos, foi un dos primeiros catedráticos da Universidade de Santiago que deixou de empregar o latín nas súas clases na procura dun maior rendemento académico dos seus discípulos.

O presidente do Parlamento animou a superar a “lenda negra” que incide nas “dsgrazas” e feitos positivos, e frea o recoñecemento que merecen personalidades como Domingo Fontán.

Galicia ocupou tamén boa parte do quefacer de Fontán como deputado a Cortes en tres etapas diferentes.

O presidente do Parlamento adiantou que  a Cámara galega ten intención de recompilar nun libro electrónico as intervencións dos expertos que participaron na xornada celebrada hoxe en Porta do Conde coa intención de preservar e divulgar o contido das mesmas.

“Domingo Fontán, aproximación á súa figura” foi o título da primeira mesa redonda desta xornada e contou participación  da vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Margarita Barral; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, María Elena Vázquez; e o catedrático de Lingua e Literatura do IES As Lagoas de Ourense, Alfonso Vázquez Monxardín.  Foi moderada polo alcalde de Portas, Víctor Estévez.

A segunda das mesas redondas do programa versou sobre “Cartografía en Galicia, onte e hoxe. De percorrer Galicia a pé a comezos do século XIX á cartografía por satélite”. Estivo moderada pola vicepresidenta da Asociación Domingo Fontán, Mª Rebeca López; e contou coa participación da directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Francisco Ramón Durán; e o experto en cartografía, doutor en Xeografía e profesor da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Gonzalo Méndez.

Na clausura da xornada participaron a presidenta da Asociación Domingo Fontán, Concha Méndez; o alcalde de Portas, Víctor Estévez; e o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi o encargado de pechar a actividade.

52 Aniversario do Polígono de San Cibrao

20171214_111615O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, ofreceu esta mañá unha conferencia sobre o Lexislativo galego na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, a onde acudiu convidado polos responsables desta organización coincidindo coa celebración do 52 aniversario deste polígono.

Na intervención, titulada “O Parlamento de Galicia. 35 anos de historia”, Miguel Santalices explicou aos empresarios as competencias e o funcionamento do poder Lexislativo galego.

Destacou especialmente as diferentes posibilidades de participación que ofrece neste momento a Cámara galega, posibilidades que foron reforzadas coa lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia, aprobada en 2015.

Como novidades, esta Lei reduciu de 15.000 a 10.000 o número de sinaturas precisas para impulsar unha proposición de lei de iniciativa popular, blindou a participación popular na elaboración das leis e estableceu novidades como a posibilidade de que a cidadanía propoña preguntas ao Executivo ou impulse a acción de Goberno a través de proposicións non de lei que deben contar co respaldo de 2.500 sinaturas.

Santalices Vieira considerou especialmente satisfactoria a aplicación práctica desta lei nos dous anos que leva en vigor e animou ao sector empresarial a facer uso das diferentes modalidades de participación que contempla a normativa autonómica.

Sinalou, como exemplo, que durante a tramitación parlamentaria do daquela proxecto de lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, o Parlamento recibiu preto  de 300 comentarios ou suxestións relacionados co texto normativo. A recente proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais contou con medio cento de comentarios ou suxestións. Todos estes comentarios, que a cidadanía pode formular desde a web da Cámara, son trasladados, sistematicamente, a través dos servizos xurídicos, aos deputados de cada ponencia lexislativa.

Rematada a conferencia, o presidente do Parlamento, convidado polos seus anfitrións, plantou a árbore número 52 na denominada Arboreda do Tempo, unha iniciativa xurdida hai dous anos para conmemorar o primeiro medio século de vida do Polígono de San Cibrao, que hoxe celebrou o seu 52 aniversario.

Celebrar o aniversario do polígono coa plantación dunha árbore expresa, a xuízo de Santalices, o compromiso dos seus responsables co medio ambiente.

Neste acto, Santalices Vieira apuntou que o Polígono de San Cibrao constitúe o corazón industrial da provincia de Ourense, con 320 empresas nas que traballan máis de 8.000 persoas, pero amosouse convencido de que acumula un “enorme potencial” de crecemento.

O titular da Cámara galega chamou a atención sobre a importancia de fortalecer a20171214_124103 relación entre o Parlamento e o conxunto da sociedade. Animou ao empresariado a manterse en contacto coa institución e cos propios deputados e deputadas co obxectivo de mellorar a calidade do traballo lexislativo e que este se axuste ás necesidades dos diferentes sectores.

Presentación do libro “Carlos Casares no Parlamento de Galicia”

IMG_5770“A mentalidade aberta e o carácter cosmopolita  de Carlos Casares están sempre presentes e continúan sendo, decote, fonte de inspiración para os que consideramos que, lonxe de ensimismarse, a cultura galega ten vocación e potencial de universalidade”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, este mediodía, no acto de presentación dun libro editado pola Cámara no que se recompilan as intervencións do escritor en Pleno durante a primeira Lexislatura, na que foi deputado.

“A paixón  pola nosa lingua e a obsesión por superar absurdos complexos de inferioridade latexan permanentemente nas súas intervencións desde a tribuna”, engadiu Santalices.

O libro, titulado Carlos Casares no Parlamento de Galicia, conta cun estudo introdutorio elaborado polo profesor Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, biógrafo de Casares e responsable da edición presentada este mediodía na Biblioteca do Lexislativo galego. Ademais de Monteagudo, o acto contou coa intervención do ex deputado Miguel Barros e do fillo do homenaxeado, Håkan Olof Casares Berg.

O presidente do Parlamento afirmou que con este libro se salda unha débeda e se fai xustiza respecto ao perfil, un dos máis descoñecidos, de Carlos Casares como deputado da Cámara galega entre os anos 1981 e 1985.

Santalices apuntou que, ademais de home de letras, Carlos Casares foi unha persoa “intensamente comprometida con Galicia e cos  galegos”, como deputado, como docente, como xestor cultural e como presidente do Consello da Cultura Galega.

A xuízo do titular do Lexislativo galego, as intervencións parlamentarias recompiladas no libro “seguen suscitando interese malia o tempo transcorrido e os indubidables avances rexistrados” desde entón.

O volume reproduce as intervencións parlamentarias de Carlos Casares no Pleno da Cámara e foron tomadas do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia, “fonte inesgotable para todas as persoas interesadas na historia contemporánea do país”. Poderá consultarse na web do Parlamento.

Lembrou Santalices que na primeira Lexislatura do Parlamento de Galicia formaban parte da Cámara  figuras “fundamentais” para as letras e a cultura do país, como Ramón Piñeiro, Benxamín Casal, Alfredo Conde ou  Carlos Casares. Foron, ao seu xuízo, “galeguistas militantes que transcenden abertamente os límites das siglas partidarias e que nun momento determinante da nosa historia, tiveron a valentía de dar un paso adiante  e participar activamente naquel proceso ilusionante no que todas as achegas eran tan benvidas como necesarias”.