Archivos Mensuales: septiembre 2016

O presidente do Parlamento participa na presentación da novela “El Códice de Clara Rosenberg”

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou na Casa de Galicia en Madrid, na  presentación da novela “El Códice de Clara Rosenberg”, do que é autora a xornalista e escritora Magdalena del Amo.

Santalices Vieira valorou a experiencia xornalística da autora, e tamén a súa “inesgotable curiosidade intelectual, que se traduce nunha creatividade desbordante, como os lectores terán ocasión de comprobar nesta novela”.

Ambientada na principal das rutas de peregrinación a Santiago de Compostela –o Camiño Francés-, a novela “combina erudición, misterio, sentimentos,  e unha descrición meticulosa de gran parte do Camiño”, afirmou Santalices na presentación. Por iso, ao seu xuízo, “estamos ante unha novela, pero tamén ante unha guía novelada do Camiño de Santiago, froito da habilidade narrativa e da erudición da súa autora”.

Anuncios

Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas visitan o Parlamento de Galicia

Integrantes da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas visitaron este mediodía do Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, antes de efectuar unha visita guiada ás dependencias da institución.

No transcurso da reunión, Santalices Vieira explicou o funcionamento da primeira institución de Galicia e respondeu ás cuestións plantexadas polos seus interlocutores.

A visita enmárcase na estratexia do Parlamento de Galicia por abrirse ao conxunto da sociedade. A delegación estaba encabezada polo presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, José Elías Mera Martínez, que acudiu acompañado polos restantes integrantes da directiva da entidade e por persoal da mesma.

Visita dunha delegación do Círculo de Empresarios de Galicia

Integrantes do Círculo de Empresarios de Galicia efectuaron este luns unha visita ao Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, e participaron nunha visita guiada á sede do Lexislativo galego.

Durante a visita, a delegación do Círculo de Empresarios recibiu información sobre a historia e o funcionamento do Parlamento de Galicia.

A visita enmárcase na estratexia de apertura do Parlamento de Galicia á sociedade galega e responde a unha invitación formulada polo presidente da Cámara o pasado 6 de xuño, data na que Santalices Vieira acudiu a un xantar coloquio convocado en Vigo polo Círculo de Empresarios.

Políticos mexicanos coñecen o Parlamento de Galicia

Un grupo de xoves políticos mexicanos  que se atopan de visita en Galicia desprazáronse  ao Parlamento autonómico, onde mantiveron unha xuntanza de traballo co presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

Durante o encontro, o presidente do Parlamento de Galicia explicoulles o funcionamento da primeira institución da Comunidade Autónoma e respondeu ás preguntas dos participantes no encontro.

Acto de entrega de dúas certificacións de calidade ao Centro Médico El Carmen

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou  en Ourense a sanidade pública, “porque creo nela, pero tamén porque é de xustiza recoñecelo”. Ao seu xuízo, “Poucos países do noso entorno dispoñen dunha sanidade pública e universal como a nosa, edificada a partir das achegas do conxunto da sociedade e dotada con grandes profesionais e tecnoloxía de última xeración”.

Con todo, Santalices Vieira puxo o acento na importancia do factor humano. “Ningunha infraestrutura, por moi ben equipada que esté, serviría para nada sen a dotación humana que lle permite funcionar cada día: as mulleres e os homes que co seu traballo fan realidade un dos mellores sistemas sanitarios e para os que nunca teremos palabras abondo para lles expresar o recoñecemento que merecen”.

O presidente do Parlamento de Galicia facía estas reflexións no acto de entrega  da Re-certificación ISO 9001:2008 e o Selo EFQM 400+ ao Centro Médico El Carmen, de Ourense. Para Santalices, “é unha satisfacción que un centro da nosa cidade reciba dúas certificacións de tanto prestixio”, ao tempo que puxo de manifesto  que “sanidade pública e privada son compatibles e poden coexistir perfectamente, sen disfuncións nin intromisión alguna, con regras de xogo claras”.

Nesta liña,  Santalices Vieira valorou o Compromiso ético e de boas prácticas, implantado recentemente pola Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal) da que forma parte este centro e que, entre outras medidas, contempla prescindir dos servizos dos profesionais que  deriven pacientes do sistema público á súa consulta privada. “Pódese dicir máis alto, pero non máis claro”, afirmou.