Archivos Mensuales: septiembre 2018

Foro “Innovación en Sanidade: Actuando en todas as súas dimensións”

Foro Sanidade1O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, inaugurou esta mañá o Foro “Innovación en Sanidade: actuando en todas as súas dimensións”, que se celebra na Cámara galega coa participación de expertos do mundo académico, sanitario, empresarial e de xestión.

Santalices enmarcou a celebración destas xornadas no compromiso de converter ao Parlamento de Galicia nunha institución aberta e amosouse confiado en que este tipo de actividades, sen custe para a institución, podan aportar opinións e visións diversas, aínda que iso non implique a asunción dun ou doutro postulado por parte da institución. “Sirve para o debate e o enriquece”, afirmou.

Recordou que a recente concesión do Premio “Celanova, Casa dos Poetas” ao Parlamento por, entre outras medidas, a estratexia de apertura, anima á institución a intensificar esta liña de traballo.

A xuízo do presidente do Parlamento de Galicia, “foros como este son importantísimos para que deputados e profesionais intercambien opinións sobre o futuro da sanidade”.

Agregou  Santalices que “a xestión da sanidade –algo do que todos presumimos, un modelo universal, dos mellores sistemas sanitarios do mundo- necesita mecanismos para que dalgún xeito podamos seguir contando con este sistema sanitario excelente que temos”.

Anuncios

Xornada Ponte no meu lugar

IMG_9244O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu este mediodía, no exterior do Pazo do Hórreo, aos participantes na xornada Ponte no meu lugar, organizada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para concienciar á sociedade en relación coas dificultades que atopan os usuarios e usuarias de cadeira de rodas na súa vida cotiá.

A actividade enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que dedica este martes, 25 de setembro, á mobilidade reducida. Entre os participantes na iniciativa figuraban integrantes do Parlamento de Galicia, convidados por COGAMI.

O presidente do Parlamento asistiu ás explicacións ofrecidas por representantes de COGAMI e sinalou que “tomamos boa nota” desta realidade.

Santalices Vieira anunciou que o Parlamento de Galicia está a traballar para a execución de melloras nos accesos á súa sede para, entre outros obxectivos, facilitar o desprazamento das persoas con mobilidade reducida. Recordou que a Cámara vén de incorporar unha persoa con discapacidade intelectual ao seu cadro de persoal e traballa nunha convocatoria orientada a persoas con discapacidade física.

 

Unha delegación dos departamentos colombianos de Caldas e Risaralda visita o Parlamento de Galicia

delegacioncolombia3Unha delegación dos departamentos colombianos de  Caldas e Risaralda visitou este mediodía o Parlamento de Galicia, onde foi recibida polo titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

A visita do Parlamento enmárcase nas actividades organizadas para conmemorar o 250 aniversario do nacemento do prócer e científico colombiano  Francisco José de Caldas (1768-1816), tamén coñecido como “El sabio Caldas” ou “Caldas, el Gallego”, polas súas orixes galegas. Participou tamén na visita o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey.

O Concello de Caldas de Reis, de onde era oriúndo o pai do científico homenaxeado, designou a Francisco José de Caldas fillo adoptivo no ano 2016, coincidindo co bicentenario da súa morte, e participa agora na conmemoración do seu nacemento.

Francisco José de Caldas foi un destacado científico ilustrado do Virreinato de Nova Granada.  Membro da expedición botánica que estudou e cartografou  os actuais territorios de Colombia e Ecuador, tamén foi director do primeiro observatorio astronómico de América, construído en Bogotá. Destacou polos seus traballos en materia de astronomía, física, xeografía e botánica.

A 39ª Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada en París en novembro de 2017, acordou asociarse aos actos de conmemoración do 250 aniversario  do nacemento de Francisco José de Caldas, por tratarse dunha “personalidade de estatura xenuinamente universal” que permite reflectir “os ideais, valores e diversidade cultural da UNESCO”.

XXXIV premio “Celanova, Casa dos poetas”, concedido polo Padroado da Fundación Curros Enríquez ao Parlamento de Galicia

DSC_1976O Parlamento de Galicia recibiu hoxe o XXXIV premio “Celanova, Casa dos poetas”, concedido polo Padroado da Fundación Curros Enríquez. O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, recolleu o galardón, que considerou “un estímulo para seguir traballando e que nos obriga a intensificar o noso esforzo” nos ámbitos que premio recoñece.

Referíase Santalices á súa aposta por  “manter e reforzar o traballo da Cámara no ámbito da cultura galega, mesmo cunha programación cultural propia”, e tamén a “abrir o Parlamento”, de maneira que a xente poda coñecer a sede da institución e tamén que a institución “estea presente e se faga visible entre a xente”. Recordou, ademais, a existencia de “fórmulas novidosas” para facilitar a participación da cidadanía na vida parlamentaria, sexa impulsando proposicións de lei e non de lei, formulando comentarios ou suxestións aos proxectos lexislativos en tramitación ou propoñendo preguntas ao Goberno, sempre nun contexto de transparencia. “Galicia foi pioneira e marcou o camiño a seguir por outros parlamentos”, afirmou o presidente do Parlamento de Galicia.

O Premio “Celanova, casa dos poetas” recoñece tamén o impulso do Parlamento de Galicia ás relacións cos lusofonía, “unha tarefa tan lóxica como obrigada”, máxime logo de ter aprobado, por unanimidade, a lei de iniciativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos cos lusofonía.

Para Santalices, “o noso bilingüismo é un auténtico tesouro” na medida en que falar galego e castelán permíteme a comunicación con 500 millóns de castelán falantes e con 250 millóns de persoas de fala lusófona.

Ao seu xuízo, “a cultura galega ten, desde sempre, vocación de universalidade, un potencial que desde os poderes públicos estamos obrigados a reforzar, como facemos desde o Parlamento na medida das nosas modestas posibilidades”.

O titular do Parlamento de Galicia referiuse tamén ás relacións de veciñanza entre galegos e portugueses. “A fronteira sempre foi un concepto difuso, unha prolongación natural de nós mesmos e das nosas familias, herdanza viva da Gallaecia de outrora”.

Santalices Vieira expresou o seu agradecemento á Fundación Curros Enríquez pola concesión deste premio, do que destacou a súa “forte carga simbólica”. “Nuns tempos nos que tanto se cuestiona a política, os políticos e as propias institucións, este recoñecemento acredita que hai razóns para a esperanza e que con todos os seus erros, que debemos esforzarnos en corrixir, o parlamentarismo continúa sendo a esencia da democracia e da convivencia harmónica entre persoas que opinan de maneira diferente”.

Ao recoller o premio, afirmou Santalices, “as 75 deputadas e deputados da Cámara galega reiteramos o solemne compromiso  de nos esforzar cada día no exercicio da alta representación que nos foi outorgada nas urnas; desde o respecto ás lexítimas diferenzas ideolóxicas que enriquecen o debate, pero facémolo, sobre todo, na procura dunha Galicia mellor”.

Santalices compartiu o premio cos presidentes e presidentas que o precederon na Presidencia da Cámara, “porque o que aquí se recoñece hoxe non xurdiu antonte” e agradeceu a concesión do mesmo, en nome propio,  no de todas as persoas que teñen ocupado un escano desde a constitución da Cámara e no do persoal da institución, “que cada día poñen o mellor de si mesmos ao servizo do Parlamento e da Comunidade Autónoma”.