Archivo por meses: noviembre 2016

Visita do embaixador de Paraguai ao Parlamento de Galicia

visita-embaixador-paraguai-28_11_16_4

O embaixador de Paraguai en España, Antonio Rivas Palacios, visitou esta mañá o Parlamento de Galicia, onde mantivo unha reunión co presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

Durante o encontro, o presidente do Parlamento e mailo embaixador de Paraguai falaron das relacións entre os dous países e fixeron votos polo seu potenciamento nos diferentes ámbitos.

O embaixador acudiu acompañado polo cónsul xeral de Paraguai en Madrid, Felipe Robertti; o ministro da embaixada, Gustado Gómez Comas; e polo cónsul honorario de Paraguai en Galicia, Miguel Pampín Rúa. Rivas Palacios é embaixador de Paraguai en España desde outubro de 2014.

O Parlamento de Galicia recibiu un dos premios da CALRE

santalices-plenario-calre-25-11-2016-2

“A Unión Europa non pode esquecer os novos retos demográficos aos que se enfrontan os nosos territorios, e o dí alguén que coñece ben este problema, por proceder dunha comunidade, como Galicia, aqueixada por unha profunda crise demográfica que esixe respostas, tamen desde o ámbito comunitario”. Así o manifestou esta tarde o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, no seo do Plenario Anual da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), que  se celebra en Varese (Italia).
Santalices Veira, que exerce a vicepresidencia da CALRE, apuntou que “resulta necesario” que a futura programación financeira da Unión Europa teña en conta tamén a situación demográfica dos diferentes territorios.
O presidente do Parlamento de Galicia considerou “esencial” garantir a aplicación do principio de subsidiariedade para mellorar a gobernanza en Europa, ao tempo que  insistiu en que resulta “imprescindible” a política de cohesión, á que considerou “a expresión da verdadeira solidariedade europea”.
Na súa intervención ante o Plenario da CALRE, Santalices defendeu o papel protagonista dos parlamentos rexionais no proceso de consolidación do proxecto europeo, como “institucións directamente lexitimadas dada a nosa proximidade aos cidadáns”.

 

Entre os principais retos aos que se enfonta a Europa actual, tal e como reflicte a declaración da CALRE 2016, o titular do Parlamento de Galicia referiuse  a Brexit,  a chegada dun fluxo masivo de inmigrantes ás fronteiras europeas, e a ameza terrorista, “que afecta á seguridade do noso espazo e ataca os principais valores sobre os que se sustenta a nosa convivencia”.

Neste escenario, “os nosos territorios deberán centrarse na creación de sociedades inclusivas e promover o diálogo intercultural, loitando pola igualdade e os dereitos sociais de todos os cidadáns para tratar de evitar o discurso do odio e combater tamén a radicalización e a violencia extremistas”.
Nesta mesma Asemblea Anual, o presidente da Cámara galega recibiu o  Premio da CALRE –na súa primeira edición- a dous proxectos impulsados polo Parlamento de Galicia.
A CALRE recoñece, por unha parte, a iniciativa que permitiu levar, o pasado verán, á sede da Asemblea Lexislativa da Regiao Autónoma dos Azores, a exposición “54 páxinas das nosas Letras”, impulsada polo Parlamento de Galicia, a Real Acedemia Galega e a Xunta para divulgar as figuras dos escritores galegos homenaxeados no Día das Letras Galegas. Ao tempo, presentáronse dúas publicacións: “Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas Letras galegas”, obra dos profesores Alonso Montero e Beatriz García Turnes; e maila edición facsimilar da “ediçao polyglota” impresa en Lisboa en 1897 do poema “Zara”, escrito por Antero e publicado, canda outras 47 traduccións, cunha versión galega obra de Manuel Curros Enríquez.
“Para o Parlamento de Galicia  e para a Asamblea dos Azores, é unha honra recoller este galardón, que recoñe unha iniciativa encamiñada a ensalzar o patrimonio cultural europeo”.
Ao tempo, a CALRE galardoou as diferentes iniciativas que, desde hai tempo, vén desenvolvendo o Parlamento de Galicia  para achegar a institución e o parlamentarismo democrático aos máis novos, tamén desde o ámbito europeo.
“Agora que o modelo europeo é cuestionado desde algúns sectores, as cámaras lexislativas rexionais, como as aquí representadas, temos a obriga de pechar filas en torno ao proxecto de integración e benestar que a Unión Europa supón para todos os nosos cidadáns,”, afirmou Santalices Vieira. E agregou que “concienciar aos máis novos resulta indispensable para asegurar a viabilidade, a medio e longo prazo, da Europa de oportunidades que todos queremos”.
Canda o Parlamento de Galicia, foron galardoados tamén as cámaras de Valonia (Bélxica) e de Friuli Venezia-Guilia (Italia) dentro dunha convocatoria aberta aos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas.

Reunión anual de parlamentos rexionais europeos que se celebra en Varese (Italia)

santalices-na-calre-varese-24-11-2016-3O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participa,  en Varese (Italia), na reunión plenaria anual da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas, (CALRE), da que é vicepresidente.
Os traballos arrincaron coa celebración dunha xuntanza do Comité Permanente da organización, na que se ultimaron as propostas que serán abordadas polo Plenario, como a configuración dos diferentes grupos de traballo para o vindeiro exercicio. A proposta, que se sometará á consideración de todos os participantes na Asemblea Xeral, plantexa manter os seis grupos de traballo que viñan funcionando ata o de agora: sobre Subsidiariedade, Política de cohesión, Democracia interactiva, Inmigración, políticas sociais e dereitos humanos, Igualdade de xénero e Normativa e avaliación política.
No Comité Permanente, o presidente do Parlamento de Galicia propuxo a creación dun grupo de traballo, denominado Foro estatutario, que sería coordinado pola propia Cámara galega e estaría orientado a impulsar o desenvolvemento de proxectos europeos por parte dos parlamentos rexionais integrados nesta organización; tamén avaliaría posibles fórmulas para facer posible que as cámaras lexislativas de rexións como Gales podan continuar participando na CALRE unha vez que se faga efectivo o Brexit. O Comité Permamente da CALRE tamén apoiou a creación de outros dous grupos de traballo: o promovido pola Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA) sobre Envellevemento e despoboación; e outro, impulsado pola cámara lexislativa da rexión italizana de Abruzzo, sobre prevención de riscos naturais.
O Plenario da CALRE que se desenvolve durante esta tarde e a xornada de mañá venres, aprobará unha declaración institucional que será presentada polo presidente do Parlamento de Galicia, na súa condición de vicepresidente da organización. Durante a tarde de hoxe, debatéronse as emendas formuladas polos diferentes parlamentos á proposta orixinal de declaración. Entre as emendas aceptadas polo Plenario atópase a formulada polo Parlamento de Galicia para que na programación financieira da UE posterior a 2020 non se penalice ás comunidades cumpridoras en materia de déficit público.
Tamén se elixirá unha nova Presidencia, e se entregará a primeira edición dos premios convocados pola CALRE para impulsar o desenvolvemento de proxectos de cooperación interrexional e de promoción do parlamentarismo por parte das diferentes cámaras lexislativas rexionais, entre outros asuntos que figuran na orde do día do Plenario.
A sesión de apertura do Plenario celebrouse esta tarde coas intervencións do ata o de agora presidnete da CALRE, Raffaele Cattaneo; e do presidente do Comité das Rexións, Markku Markkula.

Declaración institucional do Parlamento de Galicia con motivo do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller

O Parlamento de Galicia, con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero que se conmemora o día 25 de novembro, quere amosar o seu firme compromiso coa erradicación de calquera tipo de discriminación que permita que esta violencia persista na nosa sociedade.

A violencia machista debe converterse nun asunto de Estado, polo que previr e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres é un obxectivo prioritario e irrenunciable, de profundo calado social.

Se queremos acabar ca violencia machista debemos evitar os pasos que se inician baixo as referencias dunha cultura machista, especialmente entre a poboación máis moza. O  respecto, a liberdade e a igualdade son piares básicos que deben impregnar a nosa sociedade e, asemade, o noso marco normativo.

A Lei orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e a Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, obtiveron no seu día o consenso xeral de todas as forzas políticas.

Estas leis marcaron un antes e un despois na concepción do que é violencia machista, xa que ambas recoñecen que estamos ante o símbolo máis brutal da desigualdade existente na sociedade. Así as cousas, debemos avanzar cara a un marco lexislativo que recoñeza a violencia exercida contra as mulleres alén das relacións de parella visibilizando agresións normalizadas e naturalizadas socialmente.

Todas as medidas son insuficientes mentres unha muller viva baixo o medo e a falta de liberdade que iso supón e calquera balance será negativo mentres haxa unha soa muller asasinada por esta causa.

A actual situación de emerxencia que vivimos na nosa sociedade coa lacra da violencia machista precisa do firme compromiso de todos e todas, avanzando conxuntamente na mellora das estratexias a seguir. Poñeremos todos os medios na nosa man para mellorar a atención ás vítimas, dende a protección, a achega de alternativas e o acompañamento nas situacións de transición emancipadora.

Este ano 2016, o Parlamento galego aprobou a Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificándose, entre outros aspectos, o artigo 39 da lei, de xeito que a axuda periódica para as vítimas da violencia de xénero se configure como un procedemento cun prazo de solicitude aberto durante todo o ano.

Temos que seguir avanzando na completa erradicación da violencia que se exerce contra as mulleres a través da articulación de máis medidas, máis recursos e máis coordinación.

Manteñamos o espírito de unidade e de consenso e avancemos, xuntos e xuntas, da man de toda a sociedade, cara a un gran pacto que nos una para acabar coa violencia machista.

 Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2016.

declaracion-xenero-23_11_16_3

O Parlamento de Galicia acolleu a sesión solemne de apertura da X Lexislatura

O Parlamento de Galicia celebrou este mediodía a sesión solemne de apertura da X Lexislatura, un Pleno no que o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, marcou como obxectivos que “o respecto institucional e persoal, a capacidade de interlocución e a permanente disposición para entenderse co adversario” estean por riba de calquera outra consideración.

 Na declaración de apertura da X Lexislatura, Santalices Vieira valorou o “clima de sana confrontación dialéctica” rexistrado no Hemiciclo durante o recente debate de investidura, “unha normalidade institucional que reclamo solemnemente para toda a Lexislatura” que comeza. Apuntou, nesta liña, que “unha inmensa maioría de galegas e galegos piden con insistencia que o sosego, a cordura e a vocación de entendemento ocupen un crecente protagonismo na política autonómica”.

Santalices Vieira comezou a  súa intervención agradecendo a súa reelección como presidente da Cámara, “a maior honra á que puiden aspirar xamais”, e sinalou que a exercerá con “altura de miras e imparcialidade”.

 Nun momento no que a política e os políticos atravesan unha crise de credibilidade, desde o Parlamento “estamos obrigados a ofrecer o mellor de nós para superala e recuperar a confianza social”.

Recordou que con ese obxectivo, o Lexislativo galego deu xa pasos “importantes”, entre os que citou os esforzos de racionalización dos, que converteron este Parlamento nun dos máis eficientes do Estado e no máis eficiente das comunidades históricas. Apuntou tamén o feito de que o Parlamento de Galicia rematase a pasada Lexislatura como o “máis laborioso” de todos os autonómicos, “un feito que ha de servirnos de acicate para o mandato que comeza”.

Convidou Santalices ás deputadas e deputados a actuar de anfitrións e guías para as persoas que visiten a Cámara, ao tempo que os animou a “reforzar a presenza social do Parlamento”. Porque, “canto maior  sexa a presenza do Parlamento na Galicia real, mellor e de maior calidade será o labor que poidamos desenvolver de portas para dentro, nos nosos debates e iniciativas”.

Con todo, a xuízo do presidente do Parlamento, a clave do éxito do traballo de calquera deputada ou deputado  reside nunha “atinada combinación de presenza extramuros coa súa capacidade para trasladar ás institucións –sexa en forma de debate ou iniciativa- o resultado desa interlocución”.

O avance en materia de transparencia pon de manifesto, en opinión de Santalices, unha vontade real de responder ás esixencias da sociedade e “tampouco aquí pode haber marcha atrás porque a transparencia institucional é un camiño sen retorno”.

Ao tempo, as novas oportunidades de participación cidadá na actividade parlamentaria fixeron do galego un Parlamento “pioneiro” que puxo a disposición da sociedade ferramentas que “complementan e enriquecen unha tarefa tradicionalmente reservada ás deputadas e deputados”. Agregou que “nada impide afondar nesa dirección, e memo noutras aínda por explorar, porque a vontade existe”

Avanzou que, en colaboración con outras institucións da Comunidade, o Parlamento porá a disposición de todos os cidadáns, e na lingua propia, as normas galegas consolidadas. “Seremos, unha vez máis, pioneiros, cunha ferramenta novidosas respecto a outras comunidades bilingües”.

Logo de referirse ao momento determinante que atravesan tanto a política europea como a estatal, Santalices Vieira sinalou que, no ámbito autonómico, a Cámara galega está obrigada a aplicar e analizar as medidas de impulso democrático aprobadas na pasada lexislatura, sen perder de vista o afianzamento da recuperación económica iniciada e o impulso da cohesión territorial.

“Un traballo arduo, o que nos agarda –afirmou o presidente do Parlamento-, mais quen lles fala espera que poida desenvolverse desde unha óptica participativa e de proximidade, que aposte pola conciliación e non polo enfrontamento no que ás veces temos caído innecesariamente”.

Animou o presidente da Cámara aos integrantes do Hemiciclo a lexislar “con rigor e con imaxinación”, ao tempo que “agardo que a exemplaridade caracterice o comportamento das 75 persoas que temos a alta honra de representar o conxunto do pobo galego desde estes escaños”.

Para Santalices, “o Parlamento foi, é e será o centro da vida democrática; e a democracia só é viable na medida en que practiquemos a democracia parlamentaria. Falo dunha tarefa común que pode e debe discorrer sempre polas canles estatutarias e constitucionais”.

Recordou o titular do Lexislativo galego que a institución cumprirá 35 anos de vida no vindeiro mes de decembro e que, neste tempo, o autogoberno de Galicia “logrou asentarse, demostrando a súa razón de ser ata o punto de terse convertido nun piar insubstituíble para as galegas e galegos, que acreditan a súa eficacia real no día a día”.

 Recordando a Ramón Piñeiro, que defendía a idea de impregnar de galeguismo difuso todo o arco parlamentario,  Santalices animou aos actuais integrantes da Cámara a “non desmaiar na nobre tarefa de inzar de galeguismo todo canto fagamos como membros desta Cámara, e mesmo fóra dela”.

dsc_0062

Acto de Toma de Posesión do Presidente da Xunta de Galicia

20161112-226Hoxe tivo lugar no Parlamento Galego o acto de Toma de Posesión como presidente da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijóo, de conformidade co disposto no Real Decreto 423/2016 do 11 de novembro e nos artigo 152.1 da Constitución Española e 15.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Tivemos a honra de contar coa presenza, entre outras autoridades, do presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy Brey.

dsc_0077

 

O Parlamento de Galicia elixe presidente da Xunta a Alberto Núñez Feijóo

Pleno de investiduradsc_0032

 

O Pleno do Parlamento de Galicia elixiu esta tarde, por maioría absoluta de 41 votos, a Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia.
Coa votación e posterior proclamación do resultado por parte do presidente da Cámara, conclúe a sesión de investidura iniciada o pasado martes.
Unha vez proclamado o resultado, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, comunicará o resultado da elección á Súa Maxestade o Rei, para o seu nomeamento mediante Real Decreto que se publicará no Boletín Oficial do Estado,  conforme o disposto no artigo 18 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente. A comunicación a Súa Maxestade o Rei e ao presidente do Goberno efectuarase esta mesma tarde por correo electrónico, ao tempo que se enviará cadanseu documento orixinal que chegará a destino mañá a primeira hora.

Constitución das Comisións Parlamentarias e da Deputación Permanente

Constitución das comisións - Parlamento de GaliciaHoxe, tivo lugar a cosnstitución das Comisións Parlamentarias:

-Comisión do Regulamento,

-Comisión de Peticións,

-Comisión do Estaturo dos Deputados,

-Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Compañía da RTVG,

-Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións con Consello de Contas,

-Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior,

-Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos,

-Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos,

-Comisión 4ª, Educación e Cultura,

-Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego,

-Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo,

-Comisión 7ª, Agricultura, Alimentos, Gandería e Montes,

-Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo e

-Constitución da Deputación Permanente