Archivos Mensuales: julio 2016

Presentación do libro “Discursos Parlamentarios de Emilio Pérez Touriño”

O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de presentación do libro que recompila os discursos parlamentarios de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta, un acto no que o titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou as boas maneiras no exercicio da política.

Santalices Vieira chamou a atención sobre a importancia de “respectar as regras de xogo democrático, de cumprir e facer cumprir as leis –o Regulamento do Parlamento tamén é unha lei-, de debater sen sobrepasar determinadas liñas vermellas, sen necesidade de violentar as institucións nin faltarlle ao respecto a ninguén”. Neste punto, o presidente do Parlamento puxo en valor a “política da moderación, as boas maneiras, o respecto persoal ao opoñente e o xogo limpo”.

Dos discursos recompilados neste volume, o presidente do Parlamento apuntou que “poñen de manifesto as liñas mestras do pensamento político” de Emilio Pérez Touriño, mais tamén do seu “proxecto de país e mesmo do acordo programático que permitiu a configuración do seu Goberno. Podemos concordar ou non con algúns deses plantexamentos, pero o certo é que foron formulados na procura dun futuro mellor para todas e todos”.

Recordou Santalices que durante a lexislatura na que Pérez Touriño exerceu a Presidencia da Xunta, el era e exercía como deputado e como portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular. “Exercemos a oposición con dureza, pero con lealdade ás institucións e creo que sen faltar nunca ao respecto  de ninguén, sen necesidade de utilizar insultos”. Fronte a esa actitude, recoñeceu a reciprocidade do Goberno que presidía Pérez Touriño. “Eran implacables en defensa da súa xestión, pero respectuosos cos que estábamos a articular  unha alternativa”, afirmou Santalices.

Ao igual que os anteriores volumes desta colección, ademais de publicarse en papel, o libro tamén é accesible a través da web do Parlamento de Galicia.

Despois do presidente do Parlamento, tomaron a palabra o autor do prólogo do libro, o xornalista Fernando Salgado; o protagonista do volume, Emilio Pérez Touriño; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Presentación do Manual AELPA do parlamentario

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recoñeceu e agradeceu hoxe o labor que desenvolven os letrados parlamentarios, prestando a apoio e asesoramento xurídico aos deputados e deputadas.

Santalices Vieira facía estas reflexións durante a presentación, esta mañá, en Santiago, do Manual AELPA do parlamentario, unha publicación coordinada polo letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento, e que conta coa participación de 34 autores, todos letrados e letradas dos 17 parlamentos autonómicos españois. A publicación está promovida pola Asociación Española de Letrados de Parlamento (AELPA) e configúrase como unha guía didáctica que, desde o rigor, explica o funcionamento das cámaras lexislativas.

O presidente do Lexislativo galego destacou o interese xesta obra, que, ao seu xuíxo pode resultar de especial utilidade para deputados e xornalistas, pero tamén para calquera persoa interesada no dereito parlamentario.

Considerou especialmente positivo que neste libro particicipen letrados dos 17 parlamentos autonómicos, feito que, ao seu entender, propicia unha maior coordinación entre as distintas cámaras.

Santalices Vieira puxo en valor o rigor dos contidos do libro, rigor que, ao seu xuízo, caracteriza o traballo cotiá  dos letrados parlamentarios.

O presidente da Cámara galega agradeceu tamén a colaboración dos servizos xurídicos para avanzar en materia de participación, convertendo á Cámara galega en pioneira nesta materia ao articular fórmulas para que, por exemplo, os cidadáns podan propoñer preguntas ao Goberno ou asinar proposicions non de lei de iniciativa popular.

Recordou, do mesmo xeito, que o Parlamento de Galicia é a Cámara que máis traballa de España, ao tempo que se atopa entre os máis eficientes do Estado.

Manual Parlamentario

Presentación dos libros “Manuel Fraga Iribarne, Discursos Parlamentarios”

A sede do Lexislativo galego acolleu  este mediodía a presentación dos catro volumes que recompilan os discursos parlamentarios de Manuel Fraga como presidente da Xunta no período comprendido entre 1990 e 2005.

Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira,  amosouse convencido da “vixencia” que siguen mantendo na actualidade algunhas das propostas e reflexións políticas formuladas no seu momento por Manuel Fraga e recompiladas nos volumes presentados hoxe. Puxo como exemplo a proposta para avanzar no protagonismo do Senado como Cámara de representación territorial e tamén a “plena compatibilidade da nosa condición de galegos, españois e europeos”.

 Neste punto, Santalices quixo poñer de manifesto “o moito que debemos a Europa, non só como berce de valores democráticos, da tolerancia, do respecto e das liberdades que sustentan as sociedades occidentais, senón tamén as achegas recibidas en épocas máis recentes –tamén diso nos dan conta estes libros- como consecuencia da adhesión de España á entón denominada Comunidade Económica Europea”.

Sobre as catro lexislaturas durante as que Manuel Fraga exerceu a Presidencia da Xunta, Santalices concluíu que houbo un antes un despois, para mellor” e “así o considera a maioría do pobo galego”.

Respecto aos libros, o presidente do Parlamento apuntou que constitúen “unha excelente fonte documental” para indagar na evolución de Galicia no período comprendido entre 1990 e 2005. O lector atopará nestes volumes “infinidade de datos que nos achegan unha radiografía da situación real de Galicia en cada momento, pero tamen citas eruditas e referencias históricas propias de quen, como Fraga, posuía unha cultura enciclopédica que lle permitía citar con soltura a autores clásicos da cultura universal, pero tamén aos pais do galeguismo, cos que se sentía plenamente identificado e nos que buscou permanente inspiración”.

O titular do Lexislativo galego explicou que a coa publicación da colección de discursos parlamentarios dos presidentes de Galicia, o Parlamento “está a facer xustiza”. Ao seu xuízo, “por riba das lóxicas, lexítimas e mesmo desexables diferenzas ideolóxicas e partidistas propias dos sistemas democráticos, cada unha das persoas que tiveron a honra de presidir o Goberno de Galicia deron o mellor de si para contribuír ao engrandecemento deste pobo”.

O presidente do Parlamento aproveitou o acto para recoñecer “a dignidade coa que todos os expresidentes de Galicia teñen actuado unha vez cederon a responsabilidade a quen os sucedeu”. Todos -dixo- “deron exemplo de lealdade institucional, actitude que os honra e fai merecedores do recoñecemento xeral”.

A presentación dos libros celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e, contou tamén coa intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e do xornalista Bieito Rubido, autor dos prólogos.

Misa en lembranza de Rosalía de Castro

Como cada 25 de xullo, tivo lugar a Misa en lembranza  á nosa escritora máis ilustre,  Rosalía de Castro, da que este 2016 cúmprense o 125.º aniversario do traslado dos seus restos mortais a San Domingos de Bonaval.

Posteriormente, procedeuse a ofrenda floral diante do sartego da poetisa no Panteón de galegos Ilustres.

Ofrenda ao Apóstolo Santiago, 25 de xullo de 2016

“Os que temos responsabilidades políticas en Galicia, en España e en Europa debemos seguir prestando atención, con máis intensidade se cabe, ás persoas e ás súas necesidades; estar máis presentes na rúa para poñernos no lugar dos que viven marxinados. Tamén así fariamos fronte ao euroescepticismo que tanto nos ocupa e preocupa. Porque unha Europa máis social será máis Europa e máis querida por todos”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que hoxe exerceu como delegado rexio na presentación da Ofrenda Nacional ao Apóstolo na Catedral de Santiago.

Na Ofrenda, instaurada por Felipe IV en 1643, o presidente do Parlamento de Galicia sinalou que “lonxe de eludir responsabilidades, quero comezar recoñecendo os erros cometidos e pedindo desculpas por eles”. “Sirva esta invocación –agregou– para renovar o mellor das nosas tradicións e compartir contigo, señor Santiago, preocupacións, anhelos e esperanzas, pero plenamente consciente de que é á sociedade e aos responsables públicos a quen nos corresponde afrontar os problemas cotiáns”.

Vixencia do Camiño de Santiago

Apuntou a plena vixencia do Camiño de Santiago, “memoria histórica dunha Europa que se segue construíndo día a día, pese a puntuais altibaixos”,  e que mantén intacta a súa “capacidade inspiradora para este vello continente, esta Europa ás veces orfa e, á vez, necesitada de referentes aglutinadores”.

O delegado rexio recordou a todas as persoas que padecen “inxustizas, persecución e tiranías limitadoras dos dereitos humanos” e alzou a súa voz fronte ás “situación crudelísima do terrorismo e das guerras, a maioría libradas entre irmáns, producindo danos, mortes, desolación e forzadas migracións”. Lembrou neste punto as frecuentes denuncias do Papa Francisco, “cuxo liderado moral traspasa crenzas e fronteiras”.

Vítimas da crise

“No noso país merecen especial atención as persoas maiores, que nos deron a súa vida e construíron para nós un futuro mellor que o seu presente; as mulleres maltratadas, vítimas do medo e do silencio; os que perderon o seu traballo e a súa vivenda castigados por unha situación económica devastadora; os mozos e mozas que dedican anos de esforzo  a unha formación que non sempre se traduce nunha inserción laboral acorde coas súas expectativas; e os emigrantes, especialmente os de idade avanzada ou os que residen en países con maiores dificultades que as nosas”, agregou Santalices.

O delegado rexio tamén encomendou ao Apóstolo Santiago “a todos os enfermos, para que poidamos seguir atendendo as súas necesidades, dúbidas e peticións, pois é cando a enfermidade se acerca á nosa vida cando máis indefensos e vulnerables nos sentimos”. Fixo unha mención especial aos enfermos mentais e ás súas familias, “en ocasións, damnificados da incomprensión”; e tamén ás persoas que padecen algún tipo de discapacidade.

Referiuse, do mesmo xeito, aos profesionais sanitarios, “os meus compañeiros, que exercen o seu traballo con responsabilidade, dedicación e vocación, nun dos sectores máis sensibles da sociedade, convertendo o noso sistema sanitario en referencia de calidade e atención”; e tamén ao persoal docente e do resto dos servizos públicos, “sempre merecedor de respecto e recoñecemento por un labor esencial”; e a “todas as persoas que velan pola nosa seguridade e benestar”.

O oferente pediu “acerto para os que lexislamos e para  os que asumen a responsabilidade de gobernar” para facelo “na mellor concordia e sabedoría, procurando o ben común, mellorando as deficientes situacións políticas e sociais. E todo iso desde unha honradez e moralidade intachables”.

Procurar o entendemento

Na súa condición de presidente do Parlamento de Galicia, Santalices Vieira reivindicou “a política con maiúsculas, pero tamén rexeitar con contundencia calquera comportamento indebido. Reclamo a política feita polas persoas e para as persoas; a política que procure o entendemento e se afaste de calquera tentación excluínte ou totalitaria”.

Tivo tamén presente o oferente o Rei Felipe VI e a súa familia, para os que invocou a protección do Apóstolo, ao tempo que fixo votos por un “reinado fecundo, no que a prosperidade chegue a todos os fogares”.

Tres anos despois do accidente ferroviario de Angrois, o delegado rexio recordou as vítimas e as súas familias, e deixou testemuño de agradecemento para todas as persoas que participaron, daquela, no dispositivo de emerxencia e asistencial.

A lingua galega, un tesouro

Coincidindo co primeiro centenario do creación das Irmandades da Fala, “na que participaron moitos galeguistas cristiáns”, Santalices Vieira fixo votos para “que a Igrexa Galega –clero e laicos–, en comuñón coa Igrexa universal, manteña a acentúe a súa sensibilidade respecto ao idioma e a cultura que nos  identifican como pobo”.

Nunha intervención bilingüe, “orgulloso da miña terra e das súas xentes”, Santalices definiu a lingua galega como un “tesouro”, “un sentimento que forma parte de todos os galegos e galegas”.  “É a lingua dun pobo forxado  con madeira, pedra e ferro, pero tamén con versos, lenzos e ciceis”, dixo.

O delegado rexio homenaxeou a “Galicia plural, aberta, espiritual, fermosa e agarimosa; a Galicia universal”. Admitiu, para rematar a Ofrenda ao Apóstolo, que “é moito o que pido e pouco o que somos quen de ofrecer. Pero, con boa vontade, e túa axuda, todo é posible”.

Presentación do libro “Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores”,

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, asitiu esta tarde en Ponta Delgada (Illa de San Miguel, Azores) á presentación do libro “Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores”, editado polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Luso-Americana para o Desenvolvemento.

 Esta pubicación do Consello da Cultura Galega da a coñecer os  vínculos entre Galicia e os Azores en aspectoscomúns, como as experiencias migratorias aos Estados Unidos: desde a integración dos emPresentación libro Emigración e Exilio1, 21-07-2016igrantes nas sociedades de acollida, as súas relacións co mundo do exilio, ata a aparición e consolidación de novos medios de comunicación na diáspora, sen esquecer o papel das comunidades emigrantes na diplomacia cultural. Tamén asistiron á presentación do libro dous coordinadores da publicación, Alberto Pena e Mário Mesquita, así como Michael Baum, administrador da FLAD.

Esta actividade enmárcase nos actos conmemorativos do 40 aniversario da Asemblea Lexislativa dos

Azores, que convidou ao Parlamento de Galicia a sumarse á celebración coa exposicion “54 páxinas das noas letras”, inaugurada onte en Horta, onde tamén se presentaron dúas publicacions editadas pola Cámara galega, a Xunta e a Real Academia Galega: un facsímil da edición políglota de “Zara”, que inclúe unha traducción galega efectuada por Curros Enríquez;  e o  volume “Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas”, obra do profesor Xesús Alonso Montero e da profesora Beatriz García Turnes

Santalices Vieira fixo votos para que esta experiencia auspiciada polo Parlamento de Galicia e pola Asemblea Lexislativa dos Azores, no marco do 40 aniversario da súa autonomía, unida ás xa impulsadas polo Consello da Cultura Galega, contribúa a “superar o esquecemento e a distancia”.

Ao seu xuízo, “os recursos que poden servir de base para facer agromar esas relacións nos máis diversos eidos –o cultural, o económico, o académico ou o institucional- existen en abundancia; de nós –do conxunto da sociedade- dependerá, por tanto, o éxito ou o fracaso desta aposta”.

O presidente do Parlamento de Galicia reivindica o valor da lusofonía para galegos e portugueses.

Despois de moitas décadas vivindo de costas, “Galicia e  Portugal enterraron para sempre os recelos mutuos e apostan, nun camiño sen retorno, pola cooperación como territorios irmáns que son”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na inauguración da exposición “54 páxinas das nosas letras” aberta ao público desde esta tarde na sede da Asemblea Lexislativa dos Azores, no marco da conmemoración do 40 aniversario das institucións de autogoberno deste arquipélago luso.

Recordou Santalices Vieira que en marzo de 2014, o Parlamento de Galicia aprobou unha lei, de iniciativa popular, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía. “Unha lei –afirmou- para sacar proveito dun feito real: as linguas galega e portuguesa son intercomprensibles, e iso outórganos vantaxes competitivas que podemos e debemos poñer en valor nun momento no que o portugués e o español disputan protagonismo ao inglés en amplas áreas xeográficas”.

Por esta razón, explicou o presidente do Parlamento, “os galegos somos en sentímonos privilexiados” porque as dúas linguas oficiais permiten a comunicación co mundo da lusofonía, cos seus 250 millóns de lusofalantes; e cos arredor de 500 millóns de persoas que falan castelán.

A mostra ”54 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, xurdiu para divulgar a obra dos escritores homenaxeados en cada unha das edicións do Día das Letras Galegas. Trasladouse aos Azores respondendo a unha invitación da Asemblea Lexislativa do Arquipélago no marco do seu 40 aniversario.

Santalices Vieira fixo referencia a esta conmemoración sinalando que tanto Galicia como os Azores  exercen unha capacidade de autogoberno “plenamente consolidada”. “Tanto Azores como Galicia poden gabarse dos resultados do seu autogoberno”, dixo.

Apuntou tamén o presidente do Parlamento que malia os paralelismos históricos de galegos e azorianos –territorios atlánticos, elevada actividade agrícola e pesqueira, emigración e lingua- e que o arquipélago era parada obrigada para algunhas rutas marítimas entre Galicia e América, “os nosos dous pobos viviron case de costas”, unha dinámica coa que se pretende rachar.

Previamente, na sede da Asemblea lexislativa dos Azores presentáronse dous volumes coeditados polo Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega. Trátase da Ediçao polyglota impresa en Lisboa en 1894 do poema de Antero  “Zara”, na que, ao carón doutras 47, aparece  a tradución ao galego realizada por Curros Enríquez, reproducido a partir dun orixinal facilitado pola Fundación Manuel Curros Enríquez, de Celanova;  e do opúsculo titulado Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas, integrado por cadanseu traballo do profesor Alonso Montero e da profesora García Turnes.

O presidente do Parlamento de Galicia xustificou a edición destas dúas obras no feito de que “moito antes de que as autoridades políticas descubriran o potencial da cooperación transfronteiriza, os homes de letras dos dous países xa se coñecían, trataban e mantiñan intercambios enriquecedores paras nosas culturas”.

Por iso, cando se recibiu a invitación da Asemblea dos Azores “tivemos claro que deberíamos reivindicar o protagonismo de persoas como Antero de Quental e Teófilo Braga, dous escritores portugueses oriúndos desas illas e que mantiveron vínculos coa intelectualidade galega do seu tempo.

Santalices Vieira concluíu a súa intervención reivindicando a “vocación europeísta dos nosos pobos”. Ao seu xuízo, “Portugal e España, Azores e Galicia, estamos en débeda con Europa por todo o que nos ten axudado”.

 “Os nosos pobos –agregou- teñen dado un salto de xigante logo da adhesión europea e non me doen prendas en recoñecer ese logro que me gustaría preservar e potenciar para poder legalo ás xeracións que nos sucedan. Como toda obra humana, o proxecto europeo precisa dunha posta ao día que ninguén discute. Pero fagámolo entre todos, para mellorar, xamais para retroceder a aquela Europa fragmentada polas fronteiras físicas e mentais que todos lembramos”.

Esta iniciativa de cooperación cultural entre o Parlamento de Galicia e a Asemblea Lexislativa dos Azores acaba de ser recoñecida coa primeira edición do premio convocado pola CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas) para impulsar o desenvolvemento de proxectos conxuntos entre as 74 cámaras rexionais que integran esta organización. O premio recoñece a orixinalidade dun proxexto pioneiro no ámbito europeo.

“Recibimos este premio compartido con orgullo e como un estímulo para seguir avanzando nesta liña, a da cooperación, o entendemento e a concordia entre os pobos”, afirmou Santalices Vieira en presenza da súa homóloga dos Azores.

Minuto de silencio do Parlamento de Galicia en repulsa contra o atentado de Niza

minuto de silencio en repulsa contra o atentado de Niza.

O Parlamento de Galicia gardou este mediodía un minuto de silencio en repulsa contra o atentado de Niza e en memoria das vítimas. Participaron neste acto o presidente da Cámara, deputados e deputadas, persoal da institución, do Valedor do Pobo e do Consello de Contas de Galicia.

O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, expresou esta mañá a súa solidariedade co pobo francés e fixo votos para “que o Estado de Dereito prevaleza por encima de todo”. Tamén en sinal de dó, as bandeiras ondean a media hasta no Parlamento de Galicia.

O Consello de Contas entrega ao Parlamento de Galicia a Memoria e os Informes correspondentes ao Plan de Traballo de 2016

O conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López, entregoulle hoxe ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira,  a memoria de actividades e os informes de fiscalización correspondentes ao seu Plan de Traballo.

Tamén lle entregou o proxecto do novo Regulamento de Réxime Interior do Consello de Contas para a súa tramitación e aprobación pola Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas do Parlamento de Galicia. Este proxecto elaborouse para adaptar o Regulamento anterior á Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Os informes de fiscalización de carácter xeral corresponden ao exercicio 2014 (contas xerais da Administración, do Sergas, da Administración instrumental, ou das entidades locais), e os informes específicos refírense a distintos exercicios anteriores.

 A documentación achegada inclúe os seguintes documentos e informes:

 Documentos

  • Memoria anual de actividades do Consello de Contas de Galicia correspondente ao exercicio 2015
  • Contas anuais da institución referentes ao exercicio 2015
  • Informe sobre as contas rendidas en 2015 correspondentes ao exercicio 2014

 Informes de fiscalización sobre o sector público de Galicia

  • Declaración definitiva sobre o exame e comprobación da Conta Xeral da Comunidade Autónoma e Conta xeral da Administración da Comunidade Autónoma, ex.2014
  • Informe de fiscalización do Plan Ágora. Agora Re-comercia, ex.2010-2013
  • Informe de fiscalización do Programa de Ordenación das producións forestais, ex. 2013
  • Informe de fiscalización de Subvencións e Axudas da Administración da Comunidade Autónoma (Fondos Propios), ex. 2012-2013.
  • Informe de Fiscalización de Encomendas de Xestión, ex. 2013
  • Informe de Fiscalización da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde, ex. 2014.
  • Informe de fiscalización sobre os Obxectivos da Área do Sergas formulados no documento Orzamentario, ex. 2011-2013.
  • Informe de Fiscalización dos Fondos europeos, ex. 2014
  • Informe de Fiscalización dos Fondos de compensación interterritorial, ex 2013
  • Informe Económico Financeiro das Entidades Instrumentais Autonómicas, ex. 2014
  • Informe de fiscalización das resolucións e acordos contrarios aos reparos formulados polas intervencións locais. Concellos entre 25.000 e 100.000 habitantes, ex.2013
  • Informe de fiscalización sobre o Plan de pago a provedores das entidades locais de Galicia, ex.2013
  • Informe de Fiscalización da Conta Xeral das Entidades Locais, ex. 2014.
  • Informe de Fiscalización da Xestión recadatoria de tributos, prezos públicos e outros delegados polos concellos na Deputación de A Coruña, ex. 2012
  • Informe de Fiscalización da Xestión recadatoria de tributos, prezos públicos e outros delegados polos concellos na Deputación de Lugo, ex. 2012
  • Informe de Fiscalización da Xestión recadatoria de tributos, prezos públicos e outros delegados polos concellos na Deputación de Pontevedra, ex. 2012
  • Informe de Fiscalización da Xestión recadatoria de tributos, prezos públicos e outros delegados polos concellos na Deputación de Ourense, ex. 2012
  • Informe de Fiscalización do Concello de Viveiro, ex. 2011

 Os informes de fiscalización aprobados polo Pleno do Consello de Contas de Galicia durante o ano 2016, atópanse dispoñibles a texto completo na sede web da Institución www.ccontasgalicia.es

Firma convenio, Parlamento de Galicia, CRTVG e Asociación Exparlamentarios

  • O presidente do Parlamento de Galicia, o director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia e o presidente da Asociación de Exparlamentarios/as asinaron un convenio de colaboración para articular esta iniciativa de divulgación.

A Televisión de Galicia producirá e emitirá  un total de sete programas divulgativos especiais para dar a coñecer a historia do Parlamento de Galicia, tomando como base as testemuñas dos exparlamentarios/as da Cámara e as anécdotas da vida parlamentaria relatadas polos seus protagonistas.

Cada un destes programas terá unha duración de 30 minutos e o seu contido será plural, reflectindo a composición da Cámara autonómica  ao longo da historia.

Esta iniciativa está recollida nun convenio de colaboración asinado esta mañá polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; o presidente da Asociación de Exparlamentarios/as do Parlamento de Galicia, Jesús María Fernández Rosende; e o director xeral  da Corporación Radio e Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo.

A Asociación de Exparlamentarios/as do Parlamento de Galicia colaborará coa Corporación Radio e Televisión de Galicia prestando asesoramento  para a elaboración dos programas previstos.

Tomando como base o contido dos programas elaborados e emitidos, o Parlamento de Galicia elaborará e publicará un libro de anécdotas parlamentarias.

Esta iniciativa ponse en marcha cando están a piques de cumprirse os 35 anos da constitución do Parlamento de Galicia (a sesión constitutiva da primeira lexislatura celebrouse o 19 de decembro de 1981).