Archivos Mensuales: mayo 2018

XXVIII Congreso da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, defendeu hoxe unha actitude aberta fronte ás novas formas de xestionar e organizar o traballo, e recomendou que calquera reforma que se emprenda teña en conta os intereses dos traballadores e salvagarde os dereitos laborais.

20180531_santalices_11O titular do Lexislativo galego compartiu esta reflexións na inauguración do XXVIII Congreso da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que desde esta mañá se celebra na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela baixo o lema Descentralización produtiva: novas formas de traballo e organización empresarial.

Santalices Vieira reivindicou o espírito de apertura do Parlamento de Galicia co obxectivo de incrementar a confianza da sociedade nas institucións.

Apostou por unha maior presenza e relación da Cámara coa Universidade na procura de  ideas e achegas que melloren a calidade do traballo de deputadas e deputados. Puxo como exemplo o portal  xurídico Lex.gal, desenvolvido por proposta do Parlamento de Galicia coa colaboración da Xunta e da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, que ofrece, de balde,  unha base de lexislación galega consolidada.

O presidente do Parlamento subliñou tamén a importancia de ter en conta a opinión dos expertos, e a do conxunto da cidadanía, á hora de elaborar as leis na Cámara. Puxo como exemplo a súa experiencia durante a tramitación da Lei de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, á que incorporou emendas suxeridas por cidadáns coñecedores da realidade sobre a que se estaba lexislando.

Anuncios

Parlamento de Galicia e Afundación colaborarán na promoción e intercambio das súas coleccións de arte

IMG_9859O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o presidente da Fundación Galicia Obra Social, Afundación, Miguel Ángel Escotet Álvarez, asinaron hoxe un protocolo no que as dúas entidades se comprometen a colaborar na promoción das súas respectivas coleccións de arte a través de iniciativas como a organización de exposicións, o intercambio de pezas ou a realización de estudos que redunden na difusión da arte e a cultura galegas, entre outras.

A colección de arte do Parlamento está integrada por un total de 236 obras de 84 autores diferentes. Trátase dunha das coleccións máis valiosas e variadas de arte galega contemporánea, integrada fundamentalmente, por pintura e escultura, que a Cámara aspira a seguir divulgando dentro da súa aposta pola apertura da institución, pero tamén como contribución á promoción  da cultura galega.

O patrimonio artístico e cultural de Afundación conforma unha das coleccións corporativas máis importantes de España. Este fondo artístico está integrado por 5.561 obras de 2.249 autores diferentes, desde o século XIX, e con orixe tanto dentro como fóra de Galicia. Foi declarada BIC en 2015.

Logo da reunión celebrada no seu despacho, o presidente do Parlamento acompañou ao presidente de Afundación nunha visita a algunas das obras da colección de arte da Cámara galega.

II Congreso Internacional de Drones

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou esta tarde que “nun entorno tan cambiante como o actual, Galicia ofrece unha solidez e unha estabilidade institucional pouco frecuentes –desde logo única en España-  e unha acreditada seguridade xurídica que contribúen a  incrementar a nosa credibilidade no mundo dos negocios”.DSC_6753

Santalices Vieira efectuou estas consideracións na inauguración do II Congreso Internacional de Drones, que se celebra en Ourense.

Para o presidente do Parlamento, este congreso, organizado polo Colexio Oficial de Graduados Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións e pola Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación, é o resultado dunha “aposta sólida, mantida no tempo, dos profesionais do sector, das institucións e da sociedade no seu conxunto a prol dun sector, o dos vehículos aéreos non tripulados, que conta con enorme potencial de futuro”.

Santalices recordou que Galicia “tivo o certo de apostar” polos drones desde a Universidade, coa impartición do Grao de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo en Ourense; desde a Administración, a través do polo aeronáutico de Rozas; e tamén cun protagonismo destacado das empresas privadas.

Unha unidade móbil de doazón de sangue visita o Parlamento de Galicia

20180522_santalices_03Unha unidade móbil da Axencia  de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) visitou esta mañá o Parlamento de Galicia para recoller doazóns de sangue, campaña que se repite, polo menos, dúas veces ao ano para incentivar este xesto solidario.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e maila directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López García, saudaron aos doadores e doadoras que acudiron ata a unidade móbil desprazada ao Pazo do Hórreo.

A campaña de recollida de doazóns de sangue que efectúa a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue en empresas e organismos públicos representa o 9% de todas as doazóns recollidas anualmente en Galicia.

Na última campaña de doazón desenvolvida no Parlamento de Galicia, no mes de decembro do pasado ano, doaron sangue 23 persoas.

O presidente do Parlamento agradeceu a participación de todas as persoas que hoxe doaron sangue na Cámara galega e insistiu na necesidade de manter e incrementar este xesto altruísta que salva vidas.

Visita institucional ao Consello da Cultura Galega

20180507_parlamento_01

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado pola vicepresidenta segunda e a vicesecretaria da Mesa da Cámara, efectuou este mediodía unha visita institucional ao Consello da Cultura Galega, onde expresou o seu recoñecemento polo “traballo encomiable” que esta institucion vén desenvolvendo na defensa e promoción da cultura galega ao longo dos seus 35 anos de historia.

O presidente da Cámara Lexislativa agradeceu tamén o espírito de “colaboración institucional” que o Parlamento de Galicia atopou sempre no Consello da Cultura Galega, especialmente no ámbito da promoción cultural e os vínculos coa lusofonía.

A visita do presidente e integrantes da Mesa do Parlamento ao Consello da Cultura Galega enmárcase na aposta de apertura do Parlamento impulsada por Santalices Vieira desde a Presidencia do Lexislativo. A de hoxe súmase ás visitas xa efectuadas a institucións como o Valedor do Pobo, o Consello de Contas ou o Museo do Pobo Galego.