Archivos Mensuales: enero 2019

Declaración Institucional sobre o Día de Conmemoración Anual das Vítimas do Holocausto

O 1 de novembro de 2005, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirmou que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros doutras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos.

E tamén decidiu designar o 27 de xaneiro como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos e galegas.

O Holocausto é o resultado dun programa de persecución, encarceramento e exterminio levado a cabo polo nazismo que asasinou a máis de seis millóns de persoas. Tivo a súa orixe no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en1939 e tras a instauración dun réxime fascista.

En particular, este Parlamento quere lembrar os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano. Segundo algunhas fontes historiográficas, preto de 200 deles eran orixinarios de Galicia e morreron alí ou foron liberados pero nunca puideron regresar porque a ditadura franquista, que lles retirara previamente a nacionalidade, lles negou o dereito a regresaren ao seu país de orixe.

Por todo isto, o Parlamento de Galicia fai súa a declaración da Asemblea Xeral das Nacións Unidas na que rexeitou toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar.

O Parlamento de Galicia constata, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie aldraxantes para a conciencia humana.

O Parlamento de Galicia, un ano máis e de acordo coa letra e co espírito da Declaración do 1 de novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama a Xunta a traballar arreo contra os posible brotes de racismo, xenofobia, antisemitismo e outras discriminacións baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e os cidadáns e as súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida asentar entre nós nin en ningún lugar do mundo.

Anuncios

Executivas de Galicia

dsc_0002O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, mantivo esta tarde, no seu despacho da Cámara, unha reunión co equipo directivo de Executivas de Galicia, encabezado pola presidenta da organización, Carla Reyes.

No transcurso do encontro, Santalices Vieira interesouse polas diferentes actividades que organiza Executivas de Galicia e felicitou ás súas integrantes polo labor que desenvolven para outorgar maior visibilidade ao traballo das mulleres, especialmente nos ámbitos onde a presencia feminina é aínda minoritaria.

A delegación de Executivas de Galicia presentou ao presidente do Parlamento o proxecto “Referentes Galegas”, un directorio que están a elaborar para dar a coñecer o papel de mulleres profesionais e potenciar a súa presenza pública.