Archivos Mensuales: enero 2017

O presidente do Parlamento recibe aos responsables da Asociación Isabel Zendal

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu hoxe á presidenta da Asociación Isabel Zendal, Pilar Farjas Abadía, que acudiu acompañada polo secretario da entidade, Fernando Fernández Barreiro, e polo vocal Antonio Lopez Mariño.

DSC_0044.JPGNa reunión, o presidente do Parlamento foi informado sobre os obxectivos da Asociación Isabel Zendal, que leva o nome da dunha galega considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional e figura clave na Expedición filantrópica da vacina que zarpou da Coruña en 1803 para inmunizar contra variola nos territorios españois de ultramar.

Anuncios

Minuto de silencio no Parlamento en sinal de repulsa contra a violencia de xénero

minuto-silencio-30_01_17_1O Parlamento de Galicia convocou este mediodía un minuto de silencio no exterior do edificio en sinal de repulsa contra a violencia de xénero e en memoria da muller asasinada onte no Carballiño.

Na concentración participaron deputadas e deputados, encabezados polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, persoal da institución e xornalistas acreditados.

Presentación, no Centro Galego de Barcelona, do Cancioneiro Antropolóxico de Quiroga, Ribas do Sil e Montañas do Lor, obra de Xosé Lois Foxo

santalices-centro-galego-barcelonaO presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou o “impagable labor de divulgación e recuperación do noso patrimonio inmaterial” que desenvolve Xosé Lois Foxo, autor, entre outras obras, do Cancioneiro Antropolóxico de Quiroga, Ribas do Sil e Montañas do Lor, presentado  no Centro Galego de Barcelona.

Trátase, en opinión de Santalices, dunha obra “verdadeiramente impresionante polo enorme traballo que implicou a súa elaboración e por toda a información que atesoura”.

O titular da Cámara autonómica considera que “Galicia precisaría moitas máis persoas coma el (Xosé Lois Foxo) para preservar do esquecemento, da súa desaparición definitiva, todo o patrimonio antropolóxico e cultural do noso pobo, moi especialmente o que reside na memoria dos nosos maiores. Con eles desaparecerá unha forma de vida pero, tamén, unha riqueza cultural irrecuperable”.

No mesmo acto, Santalices valorou a personalidade polifacética de Xosé Lois Foxo, da que destacou a súa condición de director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, “convertida xa, por méritos propios, nun dos principais sinais de identidade de Ourense e de Galicia”

No mesmo acto, o presidente do Parlamento de Galicia tivo palabras de recordo para o recentemente falecido Fernando Amarelo de Castro, exdeputado e durante anos responsable da Xunta para as Relacións coas Comunidades Galegas no Exterior. “Cónstame que tamén aquí en Barcelona deixou bos amigos e por iso quero facer presente a súa memoria esta tarde”, afirmou Santallices Vieira.

Inauguración en Vigo da II Xornada sobre “Aspectos prácticos da responsabilidade profesional sanitaria”

_lan7870“A sanidade é un dos asuntos máis presentes no traballo cotiá da Cámara autonómica”, segundo apuntou este mediodía en Vigo o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na inauguración da II Xornada sobre “Aspectos  prácticos da responsabilidade profesional sanitaria”.
Santalices, médico de formación, valorou a achega que supoñen estas xornadas tamén para  o traballo parlamentario, “por axudarnos a poñer o foco sobre cuestións técnicas que inflúen de maneira determinante na mellora da calidade das prestacións sanitarias e por contribuír, por tanto, a centrar o debate político nas cuestións que verdadeiramente importan”.
O presidente da Cámara recordou que o Lexislativo galego está a celebrar o seu 35 aniversario, efeméride que a institución aproveitou para poñer ao dispor do conxunto da sociedade toda a producción normativa emanada dela, a través do Portal Xurídico Galego Lex.gal, posto en marcha polo Parlamento  coa colaboración da Xunta e a Universidade de Santiago. “É unha ferramenta novidosa e realmente útil, que merece a pena coñecer”.
Na súa defensa do parlamentarismo democrático, Santalices Vieira referiuse á utilidade da Cámara lexislativa, “sempre ao carón da realidade das persoas e  permanentemente disposta a escoitar a todo aquel que queira trasladar alguna proposta ou inquedanza”.
Ante un auditorio conformado por persoal facultativo, o presidente do Parlamento puxo como exemplo de norma “útil e necesaria”, a Lei 5/2015, do 26 de xuño, de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas, que cubriu un baleiro legal e atendeu unha demanda dos profesionais e dos enfermos e as súas familias.
Destacou tamén Santalices a “aposta moi intensa” que está a desenvolver o Parlamento por_lan7931 abrirse á sociedade e, neste sentido, sinalou a vía da participación,  que permite á cidadanía implicarse activamente no traballo lexislativo mediante figuras como as proposicións de lei de inciativa popular, as proposicións non de lei de iniciativa popular, a participación popular no control ao Goberno ou a posibilidade de formular propostas ou comentarios en relación cos proxectos lexislativos en trámite a través da ferramenta denominada “Lexisla con Nós” da web parlamentaria.

Declaración institucional sobre o Día de conmemoración anual en memoria das vítimas do holocausto

declaracions-institucionais-25_01_17_2

O 1 de novembro de 2005, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirma que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros doutras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos. E tamén decidiu designar o 27 de xaneiro como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das víctimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos e galegas.

A Asemblea Xeral rexeitou, e este Parlamento faina súa, toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar.

O Parlamento de Galicia constata, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie aldraxantes para a conciencia humana.

O Parlamento de Galicia, un ano máis e de acordo coa letra e co espírito da Declaración do 1 de novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama o Goberno da Xunta a traballar arreo contra os posibles brotes de racismo, xenofobia e discriminacións baseados na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e os cidadáns e as súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida nin asentar entre nós nin en ningún lugar do mundo.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017

O comisario Xefe da Policía Nacional en Santiago efectúa unha visita protocolaria ao presidente do Parlamento

20170124_santalices_03O comisario xefe da Policía Nacional en Santiago de Compostela, Félix García, efectuou este mediodía unha visita protocolaria ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.

O presidente do Parlamento agradeceu o labor que desenvolven os diferentes corpos e forzas de seguridade, e de maneira particular a Policía Nacional. Santalices tamén lle desexou sorte ao comisario xefe de Santiago nun destino do que tomou posesión o pasado verán.

Conmemoración do 35 aniversario da Toma de Posesión de D. Gerardo Fernández Albor como presidente da Xunta de Galicia

O Parlamento de Galicia acolleu hoxe un acto institucional conmemorativo dos 35 anos de Autonomía  que se fixo coincidir co aniversario da toma de posesión de Gerardo Fernández Albor como primeiro presidente da Xunta autonómica para, deste xeito, poñer en valor o “papel determinante” da Cámara na estrutura institucional da Comunidade.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que a “precariedade de medios” coa que se constituíu o Lexislativo autonómico, o 19 de decembro de 1981, nunha “sede prestada”,  “víase sobradamente  compensada pola ilusión e o compromiso autonomista dos 71 deputados e deputadas que debutaban en Xelmírez”.

Para Santalices, “Galicia mantén unha débeda de gratitude” con aqueles deputados e deputadas, e tamén con todas as persoas que foron “artífices do proceso de edificación do autogoberno de Galicia e das súas institucións, fundamentais tamén para a consolidación da democracia parlamentaria”.

Con actos como o celebrado este mediodía no pazo do Hórreo, “buscamos tamén –segundo Santalices Vieira- se que fale dos que traballaron a prol da Galicia autonómica, poñer en valor a súa xesta, e que todas as galegas e galegos, especialmente os de menor idade, se interesen pola nosa historia máis recente e polas persoas que a protagonizaron”.

A xuízo do presidente do Parlamento, o traballo destas persoas, “das máis variadas ideoloxías”, “agromou e madurou ofrecendo como froito a Galicia actual: unas institucións autonómicas sólidas que hoxe permiten exercer a nosa capacidade de autogoberno en pé de igualdade coas restantes Comunidades Autónomas de España, que nos sitúan entre os territorios con maior autonomía política de todo vello continente e que, con frecuencia, son postas como exemplo de estabilidade, confianza e bo facer”.

Recordou Santalices a figura de Antonio Rosón, primeiro presidente da Cámara e primeira medalla a título póstumo do Parlamento de Galicia, como “un dos principais construtores da nosa autonomía” e “exemplo de moderación e bo facer no exercicio do papel moderador que lle tocou desempeñar nos inicios desta institución”.

De Gerardo Fernández Albor, que hai 35 anos tomaba posesión como presidente da Xunta, Santalices Viera recordou que “asumiu a tarefa de impulsar o autogoberno de Galicia practicamente desde a nada”. “E a pesar das limitacións de aquel tempo, mesmo da desconfianza ou da indiferenza que aquela empresa suscitaba, os resultados axiña comezaron a ser visibles, como tiven ocasión de comentar con Don Gerardo esta mesma semana”.

Para Santalices, “o galeguismo que inspirou o Goberno do presidente Albor obrou un cambio certamente admirable sobre a sociedade á que servía”, e puxo como exemplo a normalización da lingua galega, a adquisición do cuartel do Hórreo para convertelo en sede do Parlamento ou  a decisión de dotar á Xunta dunha sede administrativa propia, entre outros.

“Que o exemplo de amor a Galicia profesado por Don Gerardo e por todos os homes e mulleres que co seu traballo dotaron a esta terra de Parlamento e de Goberno de seu nos ilumine e sirva de guía, agora e sempre”, rematou o presidente da Cámara.

No acto celebrado este mediodía no Salón dos Reis do Parlamento tomaron a palabra un exdeputado de cada un dos grupos parlamentarios da primeira lexislatura da Cámara galega: Camilo Nogueira Román (Grupo Parlamentario Mixto), Xerardo Estévez Fernández (Grupo Parlamentario Socialistas de Galicia) Aurelio Domingo Miras Portugal (Grupo Parlamentario Centrista de Galicia – UCD) e Tomás Pérez Vidal (Grupo Parlamentario Alianza Popular de Galicia). Entre outras autoridades, asistiu a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor.

Durante o acto proxectouse un vídeo cunha mensaxe de Gerardo Fernández Albor. A intervención de peche correu a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.