Xornada de enfermidades raras: Ciliopatías comúns e ultrarraras

DSC_2070O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá a Xornada de enfermidades raras: Ciliopatías comúns e ultrarraras, que se desenvolve no Edificio Politécnico do Campus de Ourense baixo o título A ciencia da man do paciente.

Santalices Vieira subliñou a importancia  de “axilizar o diagnóstico” das persoas afectadas por unha enfermidade rara, ao tempo que se amosou esperanzado en que as diferentes liñas de investigación nas que se traballa actualmente “podan ofrecer resultados alentadores”.

O presidente do Parlamento agradeceu o labor de concienciación que desenvolven as diferentes organizacións que traballan no ámbito das enfermidades raras e instounos a non caer no desánimo ante a ausencia de resultados inmediatos. “Quero insistir na necesidade de non perder a esperanza e animalos a seguir chamando a atención da sociedade en xeral, e dos poderes públicos en particular”, afirmou.

Santalices agradeceu a invitación a participar nesta xornada, intervención que enmarcou no esforzo do Parlamento por “estar presente no día a día das galegas e galegos, porque estamos convencidos de que a nosa tarefa pode e debe resultar máis útil canto mellor coñezamos as diferentes realidades da nosa sociedade.

Anuncios