Archivo por meses: May 2017

Visita oficial ao Parlamento de Galicia do presidente da Cámara de Representantes da República Oriental de Uruguai, D. José Carlos Mahía.

DSC_0005O presidente da Cámara de Representantes da República Oriental do Uruguai, José Carlos Mahía, visitou esta mañá o Parlamento de Galicia, onde foi recibido polo titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, que estivo acompañado polos restantes integrantes da Mesa.

Durante a entrevista, celebrada no despacho do presidente do Parlamento de Galicia, Mahía e Santalices falaron do funcionamento dos lexislativos uruguaio e galego e da situación da colonia galega residente na República Oriental. O presidente da Cámara de Representantes do Uruguai asinou no libro de honra do Parlamento de Galicia.

O presidente do Parlamento de Galicia explicou ao presidente da Cámara de Representantes de Uruguai os recentes cambios normativos aprobados en Galicia para facilitar a participación cidadá na vida parlamentaria e os avances en materia de transparencia. Falaron tamén da posibilidade de extablecer algún tipo de acordo de colaboración, no futuro, entre a Cámara de Representantes de Uruguai e o Parlamento de Galicia.

A visita da delegación uruguaia ao Parlamento de Galicia rematou cun percorrido pola sede do Lexislativo galego.

Posteriormente, Santalices Vieira acompañou á delegación uruguaia na recepción ofrecida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no Pazo de Raxoi.DSC_0035

IX FORO COMUNICACIÓN E ESCOLA

DSC_0038.JPGPreto de medio centenar de alumnas e alumnos do IES  Elisa y Luis Villamil de Vegadeo (Asturias), visitaron hoxe o Parlamento de Galicia no marco do IX Foro Comunicación e Escola organizado por ese centro e que está a desenvolver un proxecto titulado “A Reserva da Biosfera  Río Eo, Oscos e Terras de Burón: punto de encontro entre Asturias e Galicia”. O grupo foi recibido polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, nun acto ao que tamén acudiron os alcaldes  de Vegadeo, Taramundi, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos, San Martín de Oscos e San Tirso de Abres, e pola tenente de alcalde de Castropol, municipios que foman parte desta reserva da biosfera.

No encontro, o presidente do Parlamento de Galicia recordou os tradicionais vínculos de boa veciñanza que ao longo da historia cultivaron e cultivan galegos e asturianos e felicitouse pola iniciativa que hoxe levou á Cámara autonómica a esta delegación de Asturias. “Sigamos intensificando os contactos entre estas dúas terras que teñen tanto en común, que se queren e se respectan”, enfatizou.

Nesta liña, e no marco deste mesmo programa educativo, alumnado dos  IES Enrique Muruais de A Pontenova e do IES Fontem Albei, de A Fonsagrada, visitará o vindeiro 31 de maio a sede da Xunta Xeral do Principado de Asturias, onde serán recibidos polo seu presidente, acompañados polos alcaldes dos concellos galegos integrados na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Xa a mediados de xuño, alumnado das dúas comunidades participará nunha xornada de convivencia en Castropol, á que xa confirmaron a súa asistencia os presidentes dos lexislativos galego e asturiano.

Santalices Vieira sinalou a importancia da formación académica, pero tamén valorou o acerto que supoñen iniciativas como este Foro Comunicación e Escola, na medida en que proporcionan aos seus participantes vivencias, ferramentas e habilidades que complementan a ensinanza regrada, contribuíndo así á formación integral da persoa.

Entrega do libro “Himno galego: Unha historia parlamentar (inconclusa)” de Pilar García Negro

DSC_0013A ex-deputada e profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro entregou este mediodía ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, o libro “Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa)”, do que é autora.

O acto de entrega, celebrado no despacho do presidente do Parlamento, contou tamén coa asistencia dos portavoces parlamentarios do PPdeG, Pedro Puy; de En Marea, Luis Villares; e do BNG, Ana Pontón. En representación do PSdeG-PSOE asistiu a vicesecretaria da Mesa, Concepción Burgo. O presidente da Fundación Galiza Sempre, Francisco Jorquera, tamén participou no encontro.

 

Inauguración na Cámara autonómica dunha xornada sobre “A incidencia da Adhesión á Unión Europea”

DSC_0006O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, efectuou hoxe un chamamento a superar os recelos que rodean actualmente á Unión Europea para recuperar a confianza no proxecto europeo, “beneficioso en termos xerais” no ámbito estatal e no autonómico.

Santalices Vieira inaugurou esta mañá na Cámara galega unha xornada sobre “A incidencia da Adhesión á Unión Europea”, na que a escasas datas da celebración do Día de Europa, se dan cita representantes de institucións e entidades europeas e das universidades, o conselleiro de Facenda da Xunta, ademais de contar cunha mesa redonda na que participarán os portavoces das catros forzas políticas representadas no Parlamento de Galicia.

O presidente do Lexislativo autonómico apuntou que con esta xornada europea se busca “poñer en valor a nosa irrenunciable vocación europeísta”, ademais de confrontar, desde unha visión plural, as diferentes lecturas que suscita arestora o proceso de construción europea.

Tendo en conta a proximidade dos parlamentos rexionais ao territorio e o seu contacto cos problemas da xente, Santalices reivindicou a capacidade destas cámaras  para “articular un relato ilusionante e coherente, capaz de contribuír a recuperar o compromiso cidadá con Europa sen obviar, por iso, a crítica construtiva nin as propostas de mellora, sen dúbida necesarias”.

Santalices afirmou que “recuperar a ilusión e o compromiso con Europa é hoxe un dos nosos obxectivos”, lembrando que a integración europea foi unha arela longamente agardada pola sociedade española, “pero só comezou a albiscarse como posible unha vez iniciada a transición cara a democracia”.

Recoñeceu o presidente da Cámara galega as serias dificultades ás que Europa se enfronta arestora, orfa de líderes e sobrada de demagoxia, como a que desembocou no Brexit, e  mesmo de exabruptos, como o que todos recordamos do presidente do Eurogrupo, do que aínda seguimos agardando unha resposta”.

Logo de admitir a razón de ser de algunhas críticas dirixidas ás institucións comunitarias, Santalices apelou tamén á responsabilidade individual da cidadanía respecto ao futuro de Europa. Puxo como exemplo, a segunda volta das eleccións presidencias francesas do próximo domingo, nas que “o veredicto das urnas condicionará, en gran medida, o camiño a seguir: unha Europa unida e que traballe para ser máis forte, ou o retroceso. Naturalmente son dos que desexa que a primeira opción tome corpo ao peche dos colexios electorais”.

Insistiu tamén o presidente do Parlamento en que, desde a entrada en vigor dos tratados europeos, o vello continente “gozou dunha etapa de estabilidade, prosperidade, democracia e liberdade nunca antes coñecidas”. Apuntou, nesta liña, que “UE é sinónimo de democracia e de liberdade, e actúa tamén como potente vacina fronte a calquera tentación totalitaria ou regresiva, aínda que esta se presente disfrazada”.

A xornada que hoxe acolle o Parlamento de Galicia enmárcase nos actos conmemorativos do 35 aniversario da Cámara galega e foi organizada nas datas previas ao Día de Europa (9 de maio). Coincide co 40 aniversario do ingreso de España no Consello de Europa e co 60 anos do Tratado de Roma. Será clausurada polo vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo. DSC_0021

O Parlamento de Galicia patrocina un ciclo de foros organizado polo Museo do Pobo Galego no seu 40 aniversario

DSC_0015O Parlamento de Galicia apoiará ao Museo do Pobo Galego na celebración do 40 aniversario desta institución museística patrocinando a celebración dun ciclo de 9 foros que baixo o título O noso pobo. De hoxe noutros corenta anos, se celebrará entre maio e decembro deste ano.

O compromiso quedou plasmado nun convenio de colaboración asinado entre o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o presidente do Padroado Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, no transcurso dunha visita dos integrantes da Mesa da Cámara galega á sede do Museo.

Durante o acto, o presidente do Lexislativo galego chamou a atención sobre a singularidade e o valor desta institución museística, posta en marcha en 1977, e  sinalou que non resulta frecuente contar con institucións análogas ao Museo do Pobo Galego, co que, na súa opinión, Galicia “ten unha débeda” polo labor que desenvolve no eido da preservación e divulgación da identidade cultural e a historia da Comunidade.

Santalices recordou que Ramón Piñeiro definía o Museo do Pobo Galego como o “fogar” da “personalidade cultural do pobo galego” e enfatizou a necesidade dunha institución coma esta  para ollar o pasado, logo do cambio vivido por Galicia nas derradeiras décadas.

Santalices animou  a apoiar o labor e o espírito do Museo do Pobo Galego, facendo un recoñecemento expreso ao traballo de todo o equipo da institución, comezando polo profesor Beramendi.

O ciclo programado no marco co convenio de colaboración entre o Parlamento de Galicia eo Museo do Pobo Galego estará integrado polos seguintes foros:

  • O Estatuto dos Dezaseis, xérmolo do noso futuro
  • Autogoberno para outros corenta anos
  • O pobo galego e as súas perpectivas demográficas: dimensión e distribución
  • Agro e mar en Galicia contra 2057
  • Unha nova economía para a Galicia do poervir na industria e nos servizos
  • Medio e natureza na Galicia ce mañá
  • O futuro da Sociedade do Benestar nunha Galicia avellentada
  • Educación e formación dos novos galegos
  • Identidade contra 2057