IX FORO COMUNICACIÓN E ESCOLA

DSC_0038.JPGPreto de medio centenar de alumnas e alumnos do IES  Elisa y Luis Villamil de Vegadeo (Asturias), visitaron hoxe o Parlamento de Galicia no marco do IX Foro Comunicación e Escola organizado por ese centro e que está a desenvolver un proxecto titulado “A Reserva da Biosfera  Río Eo, Oscos e Terras de Burón: punto de encontro entre Asturias e Galicia”. O grupo foi recibido polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, nun acto ao que tamén acudiron os alcaldes  de Vegadeo, Taramundi, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos, San Martín de Oscos e San Tirso de Abres, e pola tenente de alcalde de Castropol, municipios que foman parte desta reserva da biosfera.

No encontro, o presidente do Parlamento de Galicia recordou os tradicionais vínculos de boa veciñanza que ao longo da historia cultivaron e cultivan galegos e asturianos e felicitouse pola iniciativa que hoxe levou á Cámara autonómica a esta delegación de Asturias. “Sigamos intensificando os contactos entre estas dúas terras que teñen tanto en común, que se queren e se respectan”, enfatizou.

Nesta liña, e no marco deste mesmo programa educativo, alumnado dos  IES Enrique Muruais de A Pontenova e do IES Fontem Albei, de A Fonsagrada, visitará o vindeiro 31 de maio a sede da Xunta Xeral do Principado de Asturias, onde serán recibidos polo seu presidente, acompañados polos alcaldes dos concellos galegos integrados na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Xa a mediados de xuño, alumnado das dúas comunidades participará nunha xornada de convivencia en Castropol, á que xa confirmaron a súa asistencia os presidentes dos lexislativos galego e asturiano.

Santalices Vieira sinalou a importancia da formación académica, pero tamén valorou o acerto que supoñen iniciativas como este Foro Comunicación e Escola, na medida en que proporcionan aos seus participantes vivencias, ferramentas e habilidades que complementan a ensinanza regrada, contribuíndo así á formación integral da persoa.

Anuncios