Archivos Mensuales: enero 2018

Unha delegación do Parlamento de Galicia visita a Exposición sobre o Pergamiño Vindel

20180131_123212Unha delegación do Parlamento de Galicia encabezada polo presidente da Cámara coa participación da secretaria da Mesa, portavoces parlamentarios e deputadas e deputados da Comisión 4ª, Educación e Cultura, visitaron hoxe a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, instalada no Museo do Mar de Vigo. Estiveron acompañados polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Durante a visita, o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, explicou que o desprazamento se enmarca na súa aposta por abrir o Parlamento a cidadanía. “Se abrimos o Parlamento á cidadanía, nós non podemos estar ausentes en acontecementos coma este, onde se está falando das nosas raíces e da nosa esencia cultural”, afirmou.

Santalices Vieira resaltou que o  esforzo conxunto da Xunta de Galicia e da Universidade de Vigo  fixo posible trasladar o Pergamiño Vindel a Galicia. “Agradezo moito o esforzo que se fixo para traer o Pergamiño a Vigo. Sei que foi unha loita importante. Agora estamos noutros tempos. Nos anos 70 non foi posible ir á poxa, pero ao mellor, se daquela estiveramos como agora, o pergamiño non se movía de aquí”, agregou o presidente do Parlamento de Galicia.

Insistiu Santalices en resaltar o “esforzo e traballo conxunto” desenvolvido pola Xunta de Galicia e pola Universidade de Vigo para poder amosar o Pergamiño Vindel en Galicia, unha tarefa “en beneficio de algo tan importante para Galicia como é que a xente poda ver a súa orixe e as súas raíces”.

Anuncios

Xantar-coloquio organizado polo Club Financeiro da Coruña

20180129_santalices_financiero_009O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou hoxe, como convidado, nun xantar-coloquio organizado polo Club Financeiro da Coruña, onde explicou o funcionamento do Lexislativo galego e animou aos seus interlocutores a coñecer e a utilizar as diferentes ferramentas de participación cidadá habilitadas pola Cámara.

Apuntou, como exemplo, que o Parlamento de Galicia é unha das Cámaras que ofrece maiores facilidades para a presentación de proposicións de lei de iniciativa popular. Arestora, logo da reforma normativa acometida en 2015, abonda con que estas proposicións de lei conten co respaldo de 10.000 sinaturas, mentres que anteriormente se requirían 15.000 rúbricas.

Ao longo da súa historia, o Parlamento de Galicia leva aprobadas un total de  7 leis de iniciativa popular. A última delas foi a Lei 7/2017, de 14 de decembro, de medidas de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica.

A nova lei Lei de iniciativa lexislativa popular  e participación cidadá introduciu novas modalidades de participación no Parlamento, como as proposicións non de lei de iniciativa popular, que precisan do respaldo de 2.500 sinaturas. Desde 2015 rexistráronse no Parlamento de Galicia 7 proposicións non de lei de iniciativa popular, aínda que non todas foron asumidas e aprobadas. Das aprobadas, destacan a PNL de iniciativa popular sobre redución do tipo impositivo do IVE dos cueiros e, máis recentemente, unha PNL que demanda que a Filosofía sexa materia troncal no Bacharelato. As dúas foron aprobadas por unanimidade.

O Parlamento de Galicia tamén facilita que a cidadanía poda efectuar, a través da web, propostas ou suxestións referidas aos diferentes proxectos lexislativos en fase de tramitación; abre a porta á participación popular no control ao Goberno, mediante propostas de preguntas que posteriormente poderá asumir un grupo parlamentario; e canaliza o exercicio do dereito de petición ante o Parlamento por parte de calquera cidadán ou cidadá.

No encontro de hoxe cos socios do Club Financiero Atlántico, o presidente do Parlamento de Galicia reiterou a vocación de apertura da institución ao conxunto da sociedade, apertura que, ao seu xuízo debe canalizarse mediante unha maior presenza da cidadanía no propio Pazo do Hórreo, e tamén a través de iniciativas como a de hoxe, co desprazamento de representantes da Cámara alí onde se lles convida para dar a coñecer o seu labor e tomar nota das suxestións que lles podan efectuar.

Neste sentido, Santalices Vieira considerou esencial o papel do empresariado e convidounos a achegarse ao Parlamento, tanto para coñecer mellor o traballo da institución, como na procura de solucións que podan contribuír ao crecemento da economía galega.

“O mecanismo está aí e nós imos seguir tratando de implantalo. Abrir o Parlamento significa estar onde está a sociedade e que a xente poda formular as súas propostas”, afirmou o presidente da Cámara en declaración aos xornalistas unha vez rematado o encontro.

Santalices apuntou que no coloquio xurdiu tamén unha proposta que el defende desde hai tempo e que propón incorporar o termalismo terapéutico á carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde.

No coloquio, o titular do Parlamento de Galicia foi presentado polo presidente do Club Financiero Atlántico, Mariano Gómez-Ulla

O alcalde de Ramirás e o presidente da Asociación Rebulir presentan diferentes iniciativas culturais ao presidente do Parlamento de Galicia

DSC_0011O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta tarde no seu despacho da Cámara ao alcalde de Ramirás, Juan Carlos Rodríguez Matías, e ao presidente da Asociación Cultural Rebulir, Alexandre Sotelino Losada, que lle presentaron diferentes iniciativas que están a desenvolver no ámbito da preservación e difusión da cultura galega.

Entre outros proxectos, explicaron ao presidente do Parlamento iniciativas como o XIII Festival Internacional Rebulir de Baile e Música Tradicional e o Premio Rebulir da Cultura Galega, que se celebrará en decembro de 2018.

O presidente do Parlamento aceptou o ofrecemento dos organizadores para ostentar a Presidencia de Honra do xurado do Premio Rebulir da Cultura Galega, que se fallará o vindeiro mes de setembro.

O Premio Rebulir da Cultura Galega naceu no ano 2012 como recoñecemento a persoas e colectivos  que contribúan á difusión e posta en valor da cutlura galega nas súas diferentes manifestación. A entrega do Premio ten lugar cada ano na gala central do Festival Internacional Rebulir. O galardón consta de tres categorías: Música galega, Patrimonio oral inmaterial e Premio homenaxe.

Santalices felicitou ao alcalde de Ramirás e ao presidente da Asociación Cultural Rebulir polo VIII Premio Xabier Prado Lameiro da Cultura Galega, organizado pola Coral de Ruada e entregado a esta entidade o pasado venres como recoñecemento ao seu labor a prol da cultura tradicional. A celebración da reunión plenaria anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos impediu ao titular do Parlamento de Galicia asistir á entrega do galardón.

COPREPA, Conferencia Anual de Presidentes de Parlamentos Autonómicos.

20180119_110000A declaración institucional feita pública esta mañá en Tenerife, ao remate da Asemblea Anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA) avoga  por afrontar “con serenidade e determinación unnha reflexión sobre o noso marco territorial, recollido no actual modelo constitucional; así como dar resposta a un novo sistema de financiamento autonómico” que atenda as necesidades de todas as cidadáns e cidadás. Aposta tamén por “avanzar no desenvolvemento dunha democracia representativa máis participativa e respectuosa co Estado de Dereito”.

Esta foi a base das emendas formulada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices que, na liña de intervencións anteriores, fixo fincapé na necesidade de recuperar o espírito da transición, sustentado sobre valores como o consenso, o diálogo, a xenerosidade e a concordia.

Á marxe da declaración institucional, os once presidentes e presidentas de parlamentos autonómicos que participaron no Plenario de COPREPA acordaron intensificar as iniciativas encamiñadas a achegar a institución parlamentaria e os valores democráticos á xuventude e, neste sentido, avanzaron a intención de coordinar a organización dun certame de debate escolar nas diferentes Cámaras que celebrará a súa fase final no Senado.

O presidente do Parlamento de Galicia explicou aos seus homólogos   as diferentes medidas que a Cámara galega está a desenvolver con éxito  no ámbito da infancia e a xuventude, como acredita a crecente demanda de actividades deste tipo por parte dos destinatarios das mesmas.

Acordouse, ademais, intensificar a colaboración entre os lexislativos autonómicos para avanzar e coordinar medidas no ámbito da transparencia.

A reunión de hoxe serviu tamén para traspasar formalmente a Presidencia da COPREPA á presidenta do Parlamento de Canarias, Carolina Darias, que anunciou a intención de elaborar, coa participación de todas as presidentes e presidentes, un documento dirixido a reclamar un maior protagonismo das rexións no futuro de Europa. Esta demanda será reforzada a través da participación dos diferentes parlamentos na Conferencia de 20180119_133731Asembleas Rexionais Europeas (CALRE).

Santalices invoca os valores da transición e anima a recuperar desde o Parlamento o “espírito e a paixón pola democracia que rebulía nas rúas hai 40 anos”. Fórum europa. Tribuna Galicia.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá en Santiago, no foro organizado por Nueva Economía Fórum, onde pronunciou a conferencia titulada “O Parlamento de Galicia, unha historia de éxito catro décadas despois das primeiras Eleccións democráticas (1977)”, onde foi presentado polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Comezou a súa intervención recordando o exercicio de “diálogo, xenerosidade e concordia, e as múltiples cesións que uns e outros fixeron, desde os máis aloxados posicionamentos ideolóxicos, para implantar e asentar (en España) unha democracia  perfectamente  equiparable coa dos países máis avanzados”. “E coa democracia –afirmou- decontado botou a andar a mellor experiencia de liberdade, estabilidade, prosperidade e progreso da historia de España”.

Esta “transición modélica” é o resultado, segundo Santalices, de factores como a “grandeza de todas as persoas que padeceron en carne propia a devastación da Guerra Civil ou a represión do franquismo. Uns e outros foron quen de pasar páxina na procura dun futuro de liberdade para todos”. Recordou tamén o  “sacrificio” dos españois que soportaron as estreiteces daquel momento, a implicación das forzas políticas e sociais e  o “liderado” do rei Juan Carlos I, do mesmo xeito que “hoxe exerce esas funcións constitucionais con afouteza e acerto o rei Felipe VI”.

Neste contexto, transcorridas catro décadas desde a celebración das primeiras eleccións democráticas celebradas en España despois da ditadura, o presidente do Lexislativo autonómico apuntou que “a inmensa maioría das galegas e galegos aprecian e valoran o noso autogoberno, porque mellorou a súa calidade de vida e achega as solucións máis acaídas en cada momento”. Ao seu xuízo, “o feito de que o autogoberno fose exercido con `sentidiño´ , fuxindo de conflitos innecesarios, incrementou a aceptación desta fórmula consagrada pola Constitución e o Estatuto”.

Trinta e seis anos despois da súa constitución, o Parlamento de Galicia “goza de boa saúde”, leva aprobadas máis de 400 leis  e “tense convertido na Cámara autonómica máis activa de España, e tamén na máis eficiente”. Sinalou, como exemplo, que o custe por deputado do Parlamento Vasco duplica o de Galicia. Apuntou que, con datos de 2017, hai unha decena de Comunidades nas que o custe por deputado é superior ao de Galicia, incluídas todas as históricas.

Agregou que a Cámara galega é a que máis facilidades outorga para a participación cidadá e mesmo conta cunha figura única, as proposicións non de lei de iniciativa cidadá, da que carecen os restantes parlamentos.

Tendo en conta que a sensibilización e a visibilización da realidade das persoas con discapacidade resulta fundamental para superar prexuízos sociais e gañar integración, Santalices Vieira anunciou que a oferta de emprego público do Parlamento para este ano reserva unha praza específica para persoas con discapacidade, reserva que tamén se contemplará na próxima convocatoria de bolsas de formación. A oferta de emprego aposta, ademais, pola promoción interna.

“O Parlamento constitúe unha caixa de resonancia susceptible de xerar un efecto multiplicador na sociedade”, afirmou Santalices, referíndose á necesidade de que a institución amose unha especial sensibilidade respecto ás entidades e colectivos que traballan no ámbito social, a promoción dos hábitos de vida saudable ou o universo creativo galego, sexa literario, plástico ou de outro tipo.

“A permanente actualización, na procura dunha maior eficacia e eficiencia, é un reto diario fronte ao que no é admisible baixar a garda, sexa no Parlamento, na Administración, na empresa privada ou na vida cotiá de cada un de nós”, apuntou o titular da Cámara.

Recordou, nesta liña, que o pasado verán se puxo en marcha unha versión avanzada da aplicación audiovisual do Parlamento e que hoxe entra en servizo unha actualización da web institucional, “máis accesible e intuitiva e, sobre todo, con maiores facilidades para a participación cidadá”, que seguirá  mellorándose periodicamente.

Xunto a retos como a dixitalización, a transparencia e a participación, Santalices referiuse á necesidade de mellorar a calidade do traballo parlamentario. “O importante é aprobar boas leis, que resulten útiles para a cidadanía, reforcen a seguridade xurídica, respondan a necesidades reais e faciliten a vida cotiá das persoas, en lugar de crear problemas ou dificultades innecesarias”, dixo.

Para acadar ese obxectivo, o presidente do Parlamento recomendou que deputadas e deputados manteñan un “contacto fluído coa cidadanía e cos distintos actores sociais da Comunidade”. Puntualizou que “somos deputadas e  deputados as vinte e catro horas do día, os sete días da semana” e lembrou que a súa experiencia lle indica que “as mellores emendas, as iniciativas máis orixinais, xorden do contacto coa xente, non do traballo burocrático, tamén necesario, nunca exclusivo”.

Na súa aposta por superar a distancia que ás veces separa as institucións das persoas, o conferenciante amosouse partidario de reforzar as iniciativas encamiñadas a dar a coñecer o Parlamento. Citou, como exemplo, as visitas de escolares –que se potenciarán a través dun convenio recentemente asinado coa Consellaría de Educación e que permitirá organizar e financiar a realización de visitas guiadas ás sedes do Lexislativo e o Executivo nunha mesma xornada-, os plenos para a infancia e a mocidade, ou o programa de charlas divulgativas para alumnado de ESO e Bacharelato, que neste curso se amplían tamén ás universidades.

Para complementar o actual programa de visitas guiadas ao Parlamento, aberto a todas as persoas que o soliciten con antelación, o presidente da Cámara anunciou a próxima posta en marcha dunha iniciativa de “portas abertas” un día á semana, no que calquera persoa que o desexe poderá visitar o pazo do Hórreo sen anotarse previamente e en quendas diarias fixas.

Miguel Ángel Santalices afirmou que que “debemos ir a onde se nos convida. Pero digo máis. Hai que tomar a iniciativa e xestionar tamén encontros que leven o Parlamento á rúa e nos faciliten unha visión máis ampla de realidade”. “Ese contacto –apuntou- debe ser fluído e permanente con todos os colectivos e sectores sociais, porque o Parlamento a todos representa e todos deben sentirse representados na institución”.

Entre outras medidas a curto e medio prazo, anunciou a edición dun volume recompilatorio dos perfís biográficos de todos os deputados deputadas do Parlamento de Galicia desde a súa primeira lexislatura, a emisión dunha serie de programas divulgativos na TVG e un volume  sobre anécdotas parlamentarias.

No ámbito das estruturas físicas, adiantou que se atopa en preparación o Plan director do edificio que alberga o Parlamento para adaptalo a novos requirimentos como a mellora da accesibilidade.

Nesa estratexia de apertura do Parlamento, o presidente da institución recordou tamén diferentes exemplos de actividades de carácter académico e divulgativo, celebradas dentro e fóra do Pazo do Hórreo en datas recentes, “unha programación cultural propia, plural e aberta, como o país ao que representamos”.

“Aspiramos e precisamos que o Parlamento recupere o crédito social para recuperar tamén o espírito e a paixón pola democracia que rebulía nas rúas hai agora corenta anos, cando, logo da longa noite de pedra, tivemos ocasión de exercer de novo a máis importante liturxia de calquera sociedade libre: a posibilidade de expresarse nas urnas e con absoluta liberdade para definir o noso futuro”.

O presidente do Parlamento de Galicia considerou que “unha democracia avanzada e un Estado de dereito como o é España ou calquera outro país do noso entorno, non pode nin debe frouxear no acatamento ás normas establecidas” na medida en que “iso leva ao abismo e provoca unha quebra social”.

Santalices advertiu que a aritmética parlamentaria “non pode substituír a democracia nin o Estado de dereito. A suma de escanos, lexítima para conformar maiorías parlamentarias, non pode nin debe confundirse con maioría sociais ficticias na procura de obxectivos ilícitos”.20180115_santalices_08