O viceministro polaco de Emprendemento e Tecnoloxía interésase polo funcionamento do Parlamento de Galicia

DSC_0037O viceministro polaco de Emprendemento e Tecnoloxía, Macin Michal Ociepa, visitou esta mañá o Parlamento de Galicia, onde foi recibido e mantivo unha entrevista co titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.

A visita responde ao interese do viceministro por coñecer o funcionamento da Cámara galega, no marco dunha viaxe a Galicia.

Santalices Vieira explicoulle a historia, o funcionamento e a composición do Parlamento de Galicia. Detívose especialmente nos mecanismos de participación cidadá habilitados polo Parlamento de Galicia, boa parte dos cales se poden facer efectivos a través da sede electrónica habilitada a finais do pasado ano pola Administración parlamentaria, converténdose así no primeiro lexislativo autonómico en dispor cun servizo destas características. O ministerio polaco de Emprendemento e Tecnoloxía é o competente en materia de dixitalización.

O viceministro acudiu acompañado pola embaixadora da República de Polonia en España. Marzenna Adamczyk, e polo cónsul honorario de Polonia en Galicia, Juan M. Vieites Baptista de Sousa.

O alto funcionario polaco foi convidado a asinar no libro de honra do Parlamento de Galicia e coñeceu o edificio acompañado polo presidente do Parlamento.