Premio Losada Diéguez 2016

13442187_1040814042666617_7458377845498686661_n

Miguel Ángel Santalices Vieira, participou, en Boborás (Ourense), no acto de entrega do Premio Antón Losada Diéguez 2016, que nesta edición recaeu nas obras Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, na modalidade de creación literaria; e en Vicente Risco. Mestre de Mestres, de Xosé Fernández Fernández, galardoado na modalidade de ensaio.
A xuizo de Santalices, os dous autores “son partícipes do rexurdimento da cultura galega”  na actualidade, ao tempo que os felicitou pola concesión do galardón que nesta edición cobra un “significado especial” na medida en que honra a memoria de Antón Losada Diéguez, un dos impulsores das Irmandades da Fala das que en 2016 se celebra o centenario da súa fundación.
En opinión do presidente do Parlamento de Galicia, Losada Diéguez e cantos participaron nas Irmandades da Fala primeiro, e en Nós e no Seminario de Estudos Galegos, despois, “abriron novas canles de estudo, investigación e difusión da cultura e a realidade galega nas súas diversas manifestacións”. Por iso, “a Galicia actual é o que é, en boa parte, grazas ao camiño aberto por eles”.
En opinión do presidente do Parlamento, “o bilingüismo da Galicia actual,  elevada capacidade de autogoberno que exerce a Comunidade Autónoma e o rexurdimento que protagonizan as diferentes manifestacións culturais –arte, literatura, creación audiovisual,…-  non son máis ca o resultado da sementeira impulsada por aqueles pioneiros  de hai un século, que gañaron a pulso o recoñecemento colectivo do noso pobo”.
De Ledicia Costas, a escritora galardoada nesta edición do Premio Losada Diéguez, Santalices destacou a “súa sólida carreira literaria” a pesar da súa xuventude”, poñendo tamén de relevo o crecente protagonismo feminino na literatura galega contemporánea. Ao tempo, valorou o “enfoque novedoso” sobre Vicente Risco da obra de Xosé Fernández Fernández, premiada na modalidade de ensaio.
Anuncios