O presidente do Parlamento recibe a unha delegación de Vilanova de Arousa e da localidade alemana de Cuxhaven, irmandadas desde hai 15 anos

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta mañá a unha delegación do concello de Vilanova de Arousa e do municipio alemán de Cuxhaven, irmandados desde hai 15 anos como consecuencia da emigración que tivo como destino esa cidade da Baixa Saxonia décadas atrás.

A delegación que visitou o Parlamento de Galicia estivo integrada polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida; e a concelleira de Xuventude, Nuria Morgade Pouso.  Entre os visitantes alemáns figuraban o subsecretario de Fomento e Transportes do Goberno Federal e concelleiro de Cuxhaven, Enak Ferlemann; o alcalde de Cuxhaven, Albrecht Hartel, e outros cinco concelleiros pertencentes a todos os partidos que forman parte da corporación.

Durante o encontro, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, valorou este tipo de iniciativas de irmandamento e destacou o acerto de orientalas, como está a facer o Concello de Vilanova de Arousa, en beneficio da promoción exterior da comarca. Rematada a reunión co presidente da Cámara, os integrantes da delegación efectuaron unha visita guiada á sede do Parlamento de Galicia.