Archivo de la categoría: Sin categoría

O presidente do Parlamento rende homenaxe a Domingo Fontán

Foto de grupo ponentes e parte dos asistentesO presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, clausurou este mediodía en Porta do Conde (Portas) a xornada divulgativa “Domingo Fontán e a evolución da cartografía”, organizada pola Cámara galega coa colaboración do Concello de Portas e  Asociación Domingo Fontán coincidindo co 200 aniversario do comezo dos traballos de elaboración da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa científico do país.

Na súa intervención o presidente do Parlamento afirmou que esta xornada pretende render homenaxe e enxalzar a personalidade e o traballo de Domingo Fontán, un “cintífico pioneiro” en moitos ámbitos; inxustamente tratado no seu tempo e esquecido despois da súa morte, malia que o seu principal traballo –a denominada Carta Xeométrica de Galicia– que comezou a elaborar en 1817- fose unha iniciativa absolutamente novidosa e que seguiu sendo útil ata ben entrado o século XX.

A xornada enmárcase nun acordo do pasado mes de abril no que a Cámara  instaba a difundir a vida e obra de Fontán ao cumprirse o segundo centenario  do inicio da Carta Xeométrica.  Celebrouse na localidade natal do científico homenaxeado porque, segundo explicou Santalices, o Parlamento debe saír do Pazo do Hórreo, “estar entre a xente, non ser herméticos, e así o estamos facendo”.

O titular do Parlamento destacou a personalidade polífacética de Fontán, un “adiantado ao seu tempo, tamén en materia pedagóxica”. Fontán, posuidor de coñecementos enciclopédicos, foi un dos primeiros catedráticos da Universidade de Santiago que deixou de empregar o latín nas súas clases na procura dun maior rendemento académico dos seus discípulos.

O presidente do Parlamento animou a superar a “lenda negra” que incide nas “dsgrazas” e feitos positivos, e frea o recoñecemento que merecen personalidades como Domingo Fontán.

Galicia ocupou tamén boa parte do quefacer de Fontán como deputado a Cortes en tres etapas diferentes.

O presidente do Parlamento adiantou que  a Cámara galega ten intención de recompilar nun libro electrónico as intervencións dos expertos que participaron na xornada celebrada hoxe en Porta do Conde coa intención de preservar e divulgar o contido das mesmas.

“Domingo Fontán, aproximación á súa figura” foi o título da primeira mesa redonda desta xornada e contou participación  da vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Margarita Barral; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, María Elena Vázquez; e o catedrático de Lingua e Literatura do IES As Lagoas de Ourense, Alfonso Vázquez Monxardín.  Foi moderada polo alcalde de Portas, Víctor Estévez.

A segunda das mesas redondas do programa versou sobre “Cartografía en Galicia, onte e hoxe. De percorrer Galicia a pé a comezos do século XIX á cartografía por satélite”. Estivo moderada pola vicepresidenta da Asociación Domingo Fontán, Mª Rebeca López; e contou coa participación da directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Francisco Ramón Durán; e o experto en cartografía, doutor en Xeografía e profesor da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Gonzalo Méndez.

Na clausura da xornada participaron a presidenta da Asociación Domingo Fontán, Concha Méndez; o alcalde de Portas, Víctor Estévez; e o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi o encargado de pechar a actividade.

Anuncios

Un novo premio recoñece hoxe a ilimitada creatividade das e dos artistas galegos. Un pracer felicitar a Ángela de la Cruz polo Premio Nacional de Artes Plásticas 2017. Parabéns!

Neste día de inmensa tristura, quero trasladar o meu pesar ás familias das persoas que perderon a vida por mor dos incendios que asolan Galicia. Agradecemento inmenso a cantos traballan sen descanso para combater esta lacra e desexo de que os incendiarios sexan postos a disposición da xustiza.

Cúmprense 20 anos do secuestro e posterior asasinato de Miguel Ángel Blanco. Neste aniversario, quero  render homenaxe a Miguel Ángel e a todas as vítimas da barbarie terrorista.