Archivo de la categoría: Parlamento

Declaración Institucional sobre o Día de Conmemoración Anual das Vítimas do Holocausto

O 1 de novembro de 2005, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirmou que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros doutras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos.

E tamén decidiu designar o 27 de xaneiro como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos e galegas.

O Holocausto é o resultado dun programa de persecución, encarceramento e exterminio levado a cabo polo nazismo que asasinou a máis de seis millóns de persoas. Tivo a súa orixe no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en1939 e tras a instauración dun réxime fascista.

En particular, este Parlamento quere lembrar os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano. Segundo algunhas fontes historiográficas, preto de 200 deles eran orixinarios de Galicia e morreron alí ou foron liberados pero nunca puideron regresar porque a ditadura franquista, que lles retirara previamente a nacionalidade, lles negou o dereito a regresaren ao seu país de orixe.

Por todo isto, o Parlamento de Galicia fai súa a declaración da Asemblea Xeral das Nacións Unidas na que rexeitou toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar.

O Parlamento de Galicia constata, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie aldraxantes para a conciencia humana.

O Parlamento de Galicia, un ano máis e de acordo coa letra e co espírito da Declaración do 1 de novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama a Xunta a traballar arreo contra os posible brotes de racismo, xenofobia, antisemitismo e outras discriminacións baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e os cidadáns e as súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida asentar entre nós nin en ningún lugar do mundo.

Anuncios

Executivas de Galicia

dsc_0002O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, mantivo esta tarde, no seu despacho da Cámara, unha reunión co equipo directivo de Executivas de Galicia, encabezado pola presidenta da organización, Carla Reyes.

No transcurso do encontro, Santalices Vieira interesouse polas diferentes actividades que organiza Executivas de Galicia e felicitou ás súas integrantes polo labor que desenvolven para outorgar maior visibilidade ao traballo das mulleres, especialmente nos ámbitos onde a presencia feminina é aínda minoritaria.

A delegación de Executivas de Galicia presentou ao presidente do Parlamento o proxecto “Referentes Galegas”, un directorio que están a elaborar para dar a coñecer o papel de mulleres profesionais e potenciar a súa presenza pública.

Clausura da xornada Da Constitución Española de 1978 ao estatuto de Autonomía de Galicia

2X5A9645O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, afirmou este mediodía  que “hoxe, o igual que no pasado recente, Galicia está a demostrar con feitos que conceptos como autonomía, como autogoberno, como identidade diferenciada, son e deben ser absolutamente compatibles con outros igual de imprescindibles como lealdade institucional, respecto ao marco constitucional, xestión responsable, credibilidade ou solvencia económico-financeira”.

Santalices facía esta reflexión antes de dar paso ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na acto de clausura da xornada Da Constitución española de 1978 ao Estatuto de Autonomía de Galicia, celebrada ao longo da mañá no Pazo do Hórreo no marco da conmemoración do 40 aniversario da vixente Carta Magna.

Para  Santalices, nas catro décadas transcorridas desde a aprobación da Constitución  “as luces impóñense sobre as sombras” e “Galicia converteuse, por méritos propios, en guía e exemplo para moitos”.

A xuízo do presidente da Cámara lexislativa, “como nacionalidade histórica, dona dunha historia, unha lingua e unha cultura de seu, Galicia séntese orgullosa, ao tempo, de ser e actuar como parte indisoluble do conxunto de nacionalidades e rexións que conforman España; participa activamente na integración europea, nun continente co que mantén unha relación secular fraguada arredor do Camiño de Santiago; e cultiva e alenta os seus vínculos fraternais con Iberoamérica”.

Santalices Vieira agradeceu a participación dos diferentes ponentes que participaron nesta xornada e destacou especialmente o papel xogado no seu momento polos artífices dos Pactos do Hostal “que volveron situar o proxecto de Estatuto de Galicia na senda do autogoberno  pleno, constitucional e responsable”, superando así os intentos de converter daquela a Galicia  nunha “comunidade de segunda”.

A xornada celebrada hoxe –un 21 de decembro, data na que en 1980 se aprobou en referendo o vixente Estatuto de Autonomía de Galicia- dá continuidade á do pasado 3 decembro, que se centrou na Análise dos 40 anos da Constitución española desde a perspectiva de Galicia.

A actividade comezou cunha conferencia do historiador e catedrático de historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Justo Beramendi González, que falou sobre 38 anos do referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia. Contexto histórico. Foi presentado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco.

Acto seguido tivo lugar unha mesa redonda, moderada por Ramón Villares Paz, catedrático de historia contemporánea da USC e ex-presidente do Consello da Cultura Galega, titulada Da Constitución do 78 aos pactos do Hostal, na que participaron José Luís Barreiro Rivas (AP), José Rivas Fontán (UCD), Francisco Vázquez Vázquez (PSdeG-PSOE), Luis Sobrado Fernández (PG) e Carlos Barros Guimeráns (PCG).

A derradeira mesa redonda da xornada analizou O Estatuto de Autonomía de Galicia: balance e perspectiva, e contou coa intervención dos portavoces do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga; do Grupo Parlamentario de En Marea, Luis Villares Naveira; e do  Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy Fraga. Foi moderada pola xornalista Carmen Lourido. Foron convidados os catros grupos parlamentarios representados na Cámara.

VI Premio Internacional APECSA 2018 de divulgación do Camiño de Santiago, concedido ao Parlamento pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago

2X5A9473O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, recolleu este mediodía o VI Premio Internacional APECSA 2018 de divulgación do Camiño de Santiago, outorgado ao Parlamento de Galicia pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago pola contribución do Lexislativo á celebración do Xacobeo 93, acontecemento que marcou un punto de inflexión na revalorización das diferentes vías de peregrinación e como factor de dinamización económica social e cultural.

No acto, celebrado no compostelán Museo das Peregrinacións, o presidente do Parlamento quixo compartir o recoñecemento con “todos os que desde diferentes responsabilidades contribuíron a engrandecer os camiños de Santiago e a súa meta”. Destacou, nesta tarefa, o papel protagonista dos xornalistas e estudosos do Camiño de Santiago, “sen os que resultaría imposible ter acadado a enorme difusión deste fenómeno”.

Apuntou Santalices que “igual que fixeran con anterioridade os pais da Constitución e todos os que fixeron posible a exitosa transición política española, os grupos políticos representados na Cámara galega deron exemplo de  diálogo e de concordia, de man tendida e de amplitude de miras para facer do Plan Xacobeo un asunto de país que transcendía os intereses particulares ou partidistas”, razón pola que fixo extensivo o premio ás deputadas e deputados que integraban a Cámara en 1991.

“Daquela –agregou-, o Parlamento de Galicia asumiu e enriqueceu coas súas achegas un plan que era froito do traballo de moitas persoas, entre as que quero destacar dous nomes: Xerardo Fernández Albor, fundador do Intergrupo do Parlamento Europeo sobre o Camiño de Santiago e promotor incansable da realidade xacobea; e Manuel Fraga que, desde a Presidencia da Xunta, foi quen de converter o Xacobeo  no que hoxe é, un acontecemento de dimensión universal”.

Apuntou o presidente da Cámara que este premio supón tamén “un acicate de cara aos retos que a institución parlamentaria ten ante si”. Retos como o de seguir achegando a institución á cidadanía para “que nos vexan como solucionadores de problemas, e lugar de ollarnos como parte do problema”; como a necesidade de acadar acordos; ou como a posibilidade de que a totalidade da Cámara poda apoiar o Xacobeo 2021, “un proxecto que a cidadanía xa ten interiorizado como necesario e como propio”.

Para Santalices, o vindeiro Xacobeo abre un abano de posibilidades como “fonte de riqueza, de emprego, de creatividade, de cultura e de proxección exterior dunha dimensión nunca antes coñecida, malia as exitosas experiencias do noso pasado recente”.

A Fundación Juan Soñador visita o Parlamento de Galicia coincidindo co Día Internacional do Migrante

2X5A8445Integrantes da Fundación Juan Soñador efectuaron esta mañá unha visita institucional ao Parlamento coincidindo co Día Internacional do Migrante, que se celebra cada 18 de decembro logo da decisión adoptada pola ONU no ano 2000.

Foron recibidos polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, que estivo acompañado pola secretaria xeral de igualdade da Xunta, Susana López Abella. Durante o encontro, representantes da Fundación Juan Soñador entregaron a Santalices un exemplar dun conto enmarcado no Proxecto Malaikas, impulsado por esta organización para superar o illamento das mulleres migrantes e apoiar o seu empoderamento.

O presidente do Parlamento agradeceu a visita desta delegación á Cámara lexislativa galega, “casa de todos e base da democracia”, ao tempo que recordou que Galicia se caracteriza pola súa “cultura de acollida”, derivada do pasado emigrante da Comunidade, e tamén do traballo impulsado desde as diferentes institucións, como o Goberno galego. “Creo que podemos afirmar con moito orgullo que somos un pobo acolledor”, sinalou. Santalices Vieira efectuou tamén un alegato contra a violencia machista.

Rematado e encontro co presidente do Parlamento, a delegación efectuou unha visita guiada á sede da Cámara galega, no transcurso da cal seguiron o desenvolvemento do Pleno desde a tribuna de invitados do hemiciclo.

A Fundación Juan Soñador é unha entidade sen ánimo de lucro da Familia Salesiana do noroeste de España que traballa no ámbito da prevención, educación e promoción social integral de persoas en situación de risco de exclusión social.

Entregados no Parlamento os XXV Premios de publicidade en galego

2X5A8191O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez,  e o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, entregaron está mañá, na Cámara galega, os XXV Premios de Publicidade en galego convocados conxuntamente polas tres entidades.

Na categoría de televisión, o premio deste ano recaeu no anuncio “Tarxeta PassVigo”, encargado por Viguesa de Transportes-VITRASA  á axencia Ecovigo Publicidad, S.L.

As campañas de dinamización comercial 2017 impulsadas pola Asociación Compostela Monumental, da axencia Fancylooks, resultaron gañadoras na categoría de radio.

A disolución do Consello Asesor da Radio Televisión Española en Galicia –órgano que puxo en marcha os galardóns que hoxe se entregaron- animou á Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador a asumir directamente a convocatoria dos Premios de Publicidade en Galego, “desde o convencemento de que o galego é un idioma acaído para a realización de campañas publicitarias de éxito”, en palabras de Santalices.

Santalices subliñou tamén a capacidade das empresas galardoadas para facer chegar as súas mensaxes a un elevado volume de destinatarios.

A entrega dos Premios de Publicidade en Galego tivo lugar na Sala Carballo Calero da Biblioteca do Parlamento, “símbolo de galeguidade”, en palabras de Santalices, que agregou que malia tratarse dun acto  sinxelo, este leva aparellada unha profunda carga simbólica.

UNICEF entrega ao presidente do Parlamento o informe sobre “A Infancia en Galicia 2018”

DSC_0011A presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, entregou ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, o informe “A Infancia en Galicia 2018”.

O documento achega abundante información sobre a situación da infancia na Comunidade Autónoma e será trasladado aos grupos parlamentarios que integran a Cámara. O informe foi elaborado por un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado polas profesoras María del Mar Lorenzo e Mª del Carmen Cambeiro, da Facultade de Ciencias da Educación.

UNICEF Comité Galicia e os tres grupos parlamentarios representados daquela na Cámara asinaron, en abril de 2011, o Pacto Galego pola Infancia, orientado a mellorar o cumprimento da Convención sobre os Dereitos do Neno.