Ofrenda da Translación dos Restos do Apóstolo

IMG_5148Santalices anima a “coidar e a impulsar” os avances sociais e o estado de benestar xurdido ao amparo da Constitución española que celebra o seu 40 aniversario

  • O presidente do Parlamento de Galicia exerceu como delegado rexio na tradicional Ofrenda da Translación presentada na Catedral de Santiago de Compostela
  • Enxalza a honestidade, a concordia, a busca de espazos de encontro e ou o ilimitado acatamento da lei que caracterizaron aos ponentes constitucionais e a transición democrática e apunta que “todas ou case todas as crises presentes ou recentes terían sido menos intensas se tales principios non tivesen sido relativizados ou, en ocasións, directamente ignorados”
  • Chama a atención sobre a “ameaza perigosa” das pseudociencias que “poñen en risco avances que custou décadas materializar”
  • Anima a seguir o exemplo dos Camiños de Santiago como ámbito de “interculturalidade e relación harmoniosa” para superar “o odio e a incomprensión que envelenan tantos espazos de convivencia”

 

Santiago, 30 de decembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, exerceu hoxe como delegado rexio na Ofrenda da Translación que cada 30 de decembro se celebra na Catedral de Santiago de Compostela.

Na súa invocación, Santalices Vieira fixo memoria das catro décadas transcorridas desde a aprobación da vixente Constitución española que trouxo consigo avances sociais e un estado de benestar “que estamos obrigados a coidar e a impulsar na medida das nosas diferentes posibilidades”.

Santalices desexou que “a prudencia e o acerto” acompañen ao Rei Felipe VI “ao servizo de España e do ben común, sempre no marco da vixente Carta Magna”.

Referíndose ao aniversario da Constitución, o presidente do Parlamento de Galicia  falou de “catro décadas de luces, apenas empañadas por algunhas sombras”.

Superar problemas históricos

Nun discurso bilingüe, o oferente recordou que “a Constitución do 78 resolveu boa parte dos problemas históricos que aquela España viña arrastrando, aínda que persistan outros como as dificultades económicas relacionadas coa última crise, o distanciamento fronte ás institucións e, sobre todo, o desafío secesionista, un quebrantamento democrático que sitúa ao noso país ante o maior reto das últimas décadas”.

Apelou o delegado rexio a cualidades como a honestidade, a solidariedade, a concordia, a empatía, a busca de espazos de encontro ou o ilimitado acatamento á lei, que caracterizaron o comportamento dos ponentes constitucionais e das persoas artífices da transición á democracia. “Todas ou case todas as crises presentes ou recentes terían sido menos intensas se tales principios non tivesen sido relativizados ou, en ocasións, directamente ignorados”, dixo.

A xuízo do presidente do Parlamento de Galicia, “España cambiou moito, e para mellor, nestas catro décadas”.  Produciuse un cambio de paradigma migratorio, convertendo ao país  nun “destino cobizado pola inmigración”.  Animou a ollar a inmigración como un fenómeno beneficioso no actual escenario de intensa crise demográfica, “pero inmigración ordenada –puntualizou-, que busque a integración e respecte a integridade territorial, o ordenamento xurídico e os dereitos e liberdades dos territorios de acollida”.

O delegado rexio recordou que os avances sociais van parellos a “novidades científicas antano inimaxinables”. Referiuse á anunciada creación de seres humanos modificados xeneticamente, ”rexeitada de plano pola comunidade científica que, afortunadamente, se rexe por sólidos principios éticos, que deben tutelar calquera innovación neste e outros campos fronteirizos”.

A ameaza das pseudociencias

Destacou  que avances científicos como os rexistrados no ámbito da inmunoloxía e a inmunoterapia “ofrecen á humanidade un vasto campo de aplicacións e teñen salvado, grazas ás vacinas, millóns de vidas en todo o mundo”.  Por iso, e fronte a esta realidade, “as pseudociencias supoñen unha ameaza perigosa para a saúde pública e poñen en risco avances que custou décadas materializar”.

Recordou neste sentido, o papel da galega Isabel Zendal, primeira enfermeira da historia en misión internacional e figura clave para o éxito da Expedición Filantrópica da Vacina que a comezos do século XIX estendeu a vacina contra a varíola en América e a mesmo a introduciu en Asia.

O exemplo do Camiño de Santiago

“Que o exemplo dos Camiños de Santiago, como espazos de interculturalidade e de relación harmoniosa entre persoas de diferentes sensibilidades, axude o mundo actual a atopar puntos de encontro, superar a indiferenza coa que ollamos o sufrimento do terceiro mundo e que o odio e a incomprensión que envelenan tantos espazos de convivencia abran paso a novos escenarios de diálogo, acercamento e mestizaxe, na procura do proveito mutuo”, afirmou o oferente.

Na invocación, Santalices lamentou a lacra da violencia no ámbito familiar e contra as mulleres, ao tempo que fixo referencia a outras dificultades como o desemprego, a desilusión ou os problemas  económicos. Avogou por edificar unha sociedade “máis solidaria e honesta, sempre predisposta na defensa da dignidade das persoas”.

Para a mocidade, o delegado rexio reclamou “as oportunidades económicas e profesionais que merece  para desenvolver o seu proxecto vital desde o que sentar as bases dun mundo mellor”.

O presidente do Parlamento lembrou tamén ás “persoas enfermas, as que padecen o azoute das adiccións ou as que atravesan transos amargos nas súas vidas”. Lembrou, “con especial afecto”, ás familias dos mariñeiros dos barcos afundidos recentemente fronte á  costa galega.  Desexou “que nunca falte unha man amiga, unha palabra de ánimo nin un sorriso agarimoso”.

Para o vindeiro Xacobeo 2021, o oferente fixo votos para que os traballos preparatorios deste acontecemento “conduzan a unha celebración proveitosa na que, como sucedeu ao longo da historia, todas as inquedanzas –relixiosas e laicas, culturais ou de simple lecer- teñan acubillo, desde a seguridade de que a peregrinación enriquece a todos no máis profundo do seu ser”.

Santalices Vieira rematou a súa invocación cun extracto do final do discurso Alba de Gloria, pronunciado por Castelao en Buenos Aires o 25 de xullo de 1948: “Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”.

IMG_5321

Anuncios