VI Premio Internacional APECSA 2018 de divulgación do Camiño de Santiago, concedido ao Parlamento pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago

2X5A9473O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, recolleu este mediodía o VI Premio Internacional APECSA 2018 de divulgación do Camiño de Santiago, outorgado ao Parlamento de Galicia pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago pola contribución do Lexislativo á celebración do Xacobeo 93, acontecemento que marcou un punto de inflexión na revalorización das diferentes vías de peregrinación e como factor de dinamización económica social e cultural.

No acto, celebrado no compostelán Museo das Peregrinacións, o presidente do Parlamento quixo compartir o recoñecemento con “todos os que desde diferentes responsabilidades contribuíron a engrandecer os camiños de Santiago e a súa meta”. Destacou, nesta tarefa, o papel protagonista dos xornalistas e estudosos do Camiño de Santiago, “sen os que resultaría imposible ter acadado a enorme difusión deste fenómeno”.

Apuntou Santalices que “igual que fixeran con anterioridade os pais da Constitución e todos os que fixeron posible a exitosa transición política española, os grupos políticos representados na Cámara galega deron exemplo de  diálogo e de concordia, de man tendida e de amplitude de miras para facer do Plan Xacobeo un asunto de país que transcendía os intereses particulares ou partidistas”, razón pola que fixo extensivo o premio ás deputadas e deputados que integraban a Cámara en 1991.

“Daquela –agregou-, o Parlamento de Galicia asumiu e enriqueceu coas súas achegas un plan que era froito do traballo de moitas persoas, entre as que quero destacar dous nomes: Xerardo Fernández Albor, fundador do Intergrupo do Parlamento Europeo sobre o Camiño de Santiago e promotor incansable da realidade xacobea; e Manuel Fraga que, desde a Presidencia da Xunta, foi quen de converter o Xacobeo  no que hoxe é, un acontecemento de dimensión universal”.

Apuntou o presidente da Cámara que este premio supón tamén “un acicate de cara aos retos que a institución parlamentaria ten ante si”. Retos como o de seguir achegando a institución á cidadanía para “que nos vexan como solucionadores de problemas, e lugar de ollarnos como parte do problema”; como a necesidade de acadar acordos; ou como a posibilidade de que a totalidade da Cámara poda apoiar o Xacobeo 2021, “un proxecto que a cidadanía xa ten interiorizado como necesario e como propio”.

Para Santalices, o vindeiro Xacobeo abre un abano de posibilidades como “fonte de riqueza, de emprego, de creatividade, de cultura e de proxección exterior dunha dimensión nunca antes coñecida, malia as exitosas experiencias do noso pasado recente”.

Anuncios