A Fundación Juan Soñador visita o Parlamento de Galicia coincidindo co Día Internacional do Migrante

2X5A8445Integrantes da Fundación Juan Soñador efectuaron esta mañá unha visita institucional ao Parlamento coincidindo co Día Internacional do Migrante, que se celebra cada 18 de decembro logo da decisión adoptada pola ONU no ano 2000.

Foron recibidos polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, que estivo acompañado pola secretaria xeral de igualdade da Xunta, Susana López Abella. Durante o encontro, representantes da Fundación Juan Soñador entregaron a Santalices un exemplar dun conto enmarcado no Proxecto Malaikas, impulsado por esta organización para superar o illamento das mulleres migrantes e apoiar o seu empoderamento.

O presidente do Parlamento agradeceu a visita desta delegación á Cámara lexislativa galega, “casa de todos e base da democracia”, ao tempo que recordou que Galicia se caracteriza pola súa “cultura de acollida”, derivada do pasado emigrante da Comunidade, e tamén do traballo impulsado desde as diferentes institucións, como o Goberno galego. “Creo que podemos afirmar con moito orgullo que somos un pobo acolledor”, sinalou. Santalices Vieira efectuou tamén un alegato contra a violencia machista.

Rematado e encontro co presidente do Parlamento, a delegación efectuou unha visita guiada á sede da Cámara galega, no transcurso da cal seguiron o desenvolvemento do Pleno desde a tribuna de invitados do hemiciclo.

A Fundación Juan Soñador é unha entidade sen ánimo de lucro da Familia Salesiana do noroeste de España que traballa no ámbito da prevención, educación e promoción social integral de persoas en situación de risco de exclusión social.