Entregados no Parlamento os XXV Premios de publicidade en galego

2X5A8191O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez,  e o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, entregaron está mañá, na Cámara galega, os XXV Premios de Publicidade en galego convocados conxuntamente polas tres entidades.

Na categoría de televisión, o premio deste ano recaeu no anuncio “Tarxeta PassVigo”, encargado por Viguesa de Transportes-VITRASA  á axencia Ecovigo Publicidad, S.L.

As campañas de dinamización comercial 2017 impulsadas pola Asociación Compostela Monumental, da axencia Fancylooks, resultaron gañadoras na categoría de radio.

A disolución do Consello Asesor da Radio Televisión Española en Galicia –órgano que puxo en marcha os galardóns que hoxe se entregaron- animou á Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador a asumir directamente a convocatoria dos Premios de Publicidade en Galego, “desde o convencemento de que o galego é un idioma acaído para a realización de campañas publicitarias de éxito”, en palabras de Santalices.

Santalices subliñou tamén a capacidade das empresas galardoadas para facer chegar as súas mensaxes a un elevado volume de destinatarios.

A entrega dos Premios de Publicidade en Galego tivo lugar na Sala Carballo Calero da Biblioteca do Parlamento, “símbolo de galeguidade”, en palabras de Santalices, que agregou que malia tratarse dun acto  sinxelo, este leva aparellada unha profunda carga simbólica.

Anuncios