Confederación de Empresarios de Pontevedra

DSC_0049O presidente da Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, presentou este mediodía ao titular do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, diferentes iniciativas que está a impulsar esa organización no ámbito do desenvolvemento de infraestruturas e da competitividade empresarial.

Na entrevista, Jorge Cebreiros explicoulle a Santalices que a CEP vén de integrarse na Plataforma Atlántico Noroeste (PAN) e na Alianza Noroeste, integradas por organización empresariais e entidades de Galicia, Asturias e Castela e León que reclaman a conexión destes territorios co corredor atlántico ferroviario de mercadorías e outras infraestruturas que garantan o desenvolvemento económico. A entrevista foi solicitada polo presidente da CEP e enmárcase na rolda de contactos deste organización con diferentes administracións e organismos públicos.