O Parlamento de Galicia acolle un acto institucional conmemorativo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade

“É a partir da Constitución do 78 cando toma impulso definitivo o que hoxe coñecemos como o Estado de benestar, ao tempo que se foi articulando un sistema de dereitos e garantías legais que protexe as persoas con discapacidade, sexa esta de tipo físico ou intelectual”. Así o manifestou esta mañá o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, nun acto institucional organizado na Cámara galega co gallo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade  que se celebra cada 3 de decembro.

Santalices afirmou que a elección do Pazo do Hórreo como escenario para este acto conmemorativo afianza o papel do Parlamento, “a casa de todas as galegas e galegos, e de maneira especial das persoas máis necesitadas do amparo, do apoio e do alento das institucións públicas”.

Admitiu o presidente do Parlamento que o sistema de protección das persoas con discapacidade debe seguir avanzando de cara a superar os atrancos que aínda persisten.

“A predisposición do Parlamento de Galicia en materia de discapacidade  é absoluta”, afirmou Santalices Vieira antes de recordar a existencia dunha comisión non permanente de discapacidade, as medidas da administración parlamentaria en materia de integración de persoas con discapacidade; ou os acordos para canalizar a interlocución do Parlamento coas diferentes organizacións que traballan no ámbito da discapacidade.

O presidente do Parlamento anunciou tamén a próxima convocatoria dunha bolsa de formación orientada a persoas con discapacidade física, así como a elaboración dos proxectos técnicos orientados á supresión de barreiras arquitectónicas e a mellora da accesibilidade do edificio que alberga o Lexislativo galego.

Referiuse tamén ás diferentes  posibilidades de participación cidadá habilitadas polo Parlamento de Galicia e recordou que a última delas, a posta en servizo dunha sede electrónica, converte ao Parlamento de Galicia no primeiro de España en ofrecer un servizos destas características.

No acto tomaron tamén a palabra a conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García, e o presidente do Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia), Iker Sertucha.DSC_0035

 

Anuncios