O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a primeira das dúas xornadas organizadas para conmemorar o 40 aniversario da Constitución

20181203_santalices_05O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, apuntou este mediodía que durante a transición á democracia “españois situados nas antípodas ideolóxicas deron exemplo de xenerosidade, de renuncia e de tolerancia para dar paso á etapa de maior estabilidade e prosperidade de toda a nosa historia”.

Santalices Vieira facía esta reflexión no acto de clausura da  xornada de Análise dos 40 anos da Constitución española desde a perspectiva de Galicia, a primeira dunha serie de dúas actividades que terá continuidade o próximo 21 de decembro.

A celebración destas xornadas conmemorativas do 40 aniversario da Constitución española “resultaba obrigada para o Parlamento de Galicia e para a sociedade galega no seu conxunto”.

Ao seu xuízo, a Constitución do 78 “ofrece un balance razoablemente satisfactorio, sen que iso implique deixar de recoñecer erros e debilidades que todas e todos temos a obriga de corrixir”.

Recordou o presidente do Parlamento de Galicia que “o noso Estatuto de Autonomía, as elevadas cotas de autogoberno que Galicia xestiona hoxe, a posta en valor dos nosos sinais de identidade, o Estado do benestar, o crecemento exponencial da clase media nestes 40 anos –malia as dificultades que aínda persisten-, mesmo a nosa plena e exitosa integración en Europa, son consecuencia directa do pacto constitucional que, se cadra polo proverbial pesimismo que levamos nos nosos xenes, non sempre valoramos na súa auténtica dimensión”.

Para Santalices, ao convidar a diferentes xornalistas a esta xornada “quixemos facer memoria dos cambios operados pola sociedade española e  galega, e tamén reivindicar solemnemente o valor inmenso dos xornalistas e dos medios de comunicación”. Considerou que “sen xornalismo non hai democracia, unha afirmación dificilmente rebatible, que cobra unha especial dimensión nestes tempos convulsos nos que as noticias falsas contribúen a distorsionar a realidade”.

O presidente do Parlamento valorou tamén a participación de catedráticos e profesores das universidades galegas, avalados polo “traballo e a investigación rigorosa desenvolvidos ano tras ano”

Agradeceu Santalices a participación de tres dos portavoces parlamentarios da Cámara galega, “protagonistas destacados e insubstituíbles nun debate que debe sumar criterios xurídicos e políticos”.

A xornada de hoxe comezou cunha conferencia na que a xornalista Pilar Cernuda falou sobre 40 anos da Constitución. Perpectiva galega na prensa de Madrid. Celebrouse, de seguido, unha mesa redonda titulada Galicia e os 40 anos da Constitución. Aqueles primeiros anos desde a prensa galega, moderada por Javier García Sánchez, coa participación dos tamén xornalistas José Manuel Rivas Troitiño, Encina Ramos e Aurea Sánchez.

A mesa redonda sobre A Constitución de 1978 vista desde as universidades galegas foi moderada polo catedrático de Dereito Constitucional e primeiro reitor da Universidade da Coruña, José Antonio Portero Molina, coa participación de Roberto Blanco Valdés (Universidade de Santiago), Ana María Aba Catoira (Universidade da Coruña) e José Agustín González-Ares Fernández, (Universidade de Vigo).

A derradeira mesa redonda desta xornada versou sobre A Constitución de 1978: pasado, presente e futuro, e contou coa participación da viceportavoz  do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Patricia Vilán Lorenzo; do Grupo Parlamentario de En Marea, Luis Villares; e do  Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Pedro Puy Fraga. Estivo moderada polo xornalista Jesús Fontenla.

A clausura da xornada correu a cargo do vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, e do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.

A de hoxe foi a primeira dunha serie de dúas xornadas. A seguinte celebrarase o próximo 21 de decembro baixo o título Da Constitución española de 1978 ao estatuto de Autonomía de Galicia.

Anuncios