Insignia de Ouro 2018 de ASOMEGA

20181129_214134O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta noite en Madrid a Insignia de Ouro 2018 da Asociación de Médicos Gallegos (ASOMEGA), un acto no que destacou que a asunción das transferencias sanitarias marcou un punto de inflexión na mellora asistencial e puxo en valor a excelente capacitación dos facultativos  galegos.

A xuízo de Santalices, pódese falar de “un antes e un despois” da transferencia do antigo Insalud a Galicia, efectiva a partir do 1 de xaneiro de 1991, un punto de inflexión que marcou o inicio dunha constante mellora da oferta e a calidade asistencial que o Sergas presta na Comunidade Autónoma.

A transferencia permitiu que “foramos capaces de definir as nosas propias necesidades sanitarias, tendo en conta as peculiaridades da poboación”. Recordou o presidente do Parlamento, que coa asunción das competencias en materia de asistencia sanitaria, Galicia asumiu o reto de organizar e xestionar os seus propios recursos sanitarios, un desafío superado con éxito, convertendo ao sistema sanitario galego nunha referencia.

Como exemplo das novidades introducidas, Santalices citou a historia clínica electrónica (Ianus), a receita electrónica, o teléfono 061 de urxencias sanitarias, e as novas infraestruturas sanitarias postas en servizo, tanto no ámbito hospitalario (entre as que citou o Hospital Público Alvaro Cunqueiro de Vigo, a maior obra destas características acometida en España nos últimos anos e unha das maiores de Europa), como no da atención primaria, coa construción e mellora dunha extensa rede de centros de saúde, especialmente no ámbito rural.

O presidente do Parlamento apuntou que “sempre é bo acudir á fonte limpa na asistencia sanitaria, e os médicos de ASOMEGA son unha das nosas fontes limpas, porque son facultativos de referencia”.

Santalices Vieira confesouse emocionado e ilusionado por este recoñecemento, na medida en que é outorgado por médicos galegos que exercen en postos estratéxicos de centros de referencia e fixo extensiva a distinción a todas as compañeiras e compañeiros cos que compartiu responsabilidades profesionais no Sergas e tamén aos seus colaboradores directos nos diferentes destinos.

Ao igual que no exercicio da medicina, Santalices recordou que tamén no Parlamento é necesario contar coa opinión dos mellores expertos en cada materia de cara a elaborar lexislación de calidade.

A Lei de racionalización do gasto na prestación farmacéutica, que implantou o catálogo priorizado de fármacos que estendeu o uso de xenéricos; a Lei de garantías de prestacións sanitarias, que regula cuestións como o dereito a dispoñer dunha  segunda opinión médica ou a manifestar as instrucións previas; ou a Lei de  dereitos  e  garantías  da  dignidade  das  persoas  enfermas terminais, que regula os coidados sanitarios ao final da vida, son exemplos de normas elaboradas polo Parlamento de Galicia contando coa opinión de expertos, e tamén dando resposta ao sentir da cidadanía.

Para Santalices, unha das claves de que algunha destas normas teña sido tomada como referencia noutros puntos de España reside na sensibilidade amosada polas deputadas e deputados do Parlamento de Galicia respecto aos criterios que lles foron trasladados previamente polos profesionais sanitarios e polas persoas usuarias do sistema.

Anuncios