A Real Academia Galega de Belas Artes colaborará na divulgación da colección artística do Parlamento de Galicia

DSC_0013O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o responsable da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración orientado á difusión, estudo, investigación e conservación da colección de arte da Cámara galega e do propio edificio que a alberga.

O Parlamento de Galicia conta cunha valiosa e variada colección de arte galega contemporánea, integrada por máis de 300 obras pictóricas e escultóricas, fundamentalmente, tanto propiedade da Cámara como en depósito.

O convenio asinado por Santalices Vieira e Quintana Martelo non comporta obrigas económicas e busca incrementar o coñecemento da colección de arte da Cámara por parte da sociedade, así como o seu estudo e investigación desde a óptica da museoloxía.

A Real Academia Galega de Belas Artes, asociada ao Instituto de España, é unha corporación oficial que actúa como institución consultiva, informativa e asesora dos organismos públicos e privados que teñan ao seu cargo a defensa, a conservación e a restauración do tesouro artístico e monumental de Galicia, fomenta a investigación e a práctica das artes, e vela, desde as súas posibilidades, pola conservación, valoración e difusión da riqueza monumental e artística.

Anuncios