O Parlamento de Galicia recibe en Asturias o Pupitre de Honra

20181126_181450O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, recolleu esta tarde en Vegadeo (Asturias) o Pupitre de Honra concedido ao Parlamento de Galicia como recoñecemento ao apoio brindado pola Cámara galega ao Foro Comunicación y Escuela, que celebra o seu décimo aniversario.

O presidente do Parlamento de Galicia felicitou aos promotores desta iniciativa educativa da que destacou, ademais, a súa aposta polos hábitos de vida saudables. Amosouse encantado con este recoñecemento, que relacionou coa aposta do Parlamento de Galicia por abrirse á sociedade, tanto para potenciar as visitas ao Pazo do Hórreo, como para divulgar e animar a utilizar as diferentes posibilidades de participación cidadá na actividade parlamentaria.

Santalices resaltou o acerto que supoñen as diferentes iniciativas de cooperación impulsadas por asturianos e galegos, e puxo como exemplo o traballo dos presidentes das dúas comunidades en materia de financiamento autonómico, dispersión poboacional ou demografía.

O acto contou tamén en coa asistencia, entre outras autoridades, do presidente da Xunta Xeral (Parlamento) do Principado de Asturias, Pedro Sanjurjo; e do delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

Anuncios