Archivos Mensuales: abril 2018

Unha delegación estadounidense que conmemora o Bosque de Colón visita o Parlamento de Galicia

Unha delegación estadounidense, encabezada polo profesor John Harmon McElroy, artífice da plantación do denominado Bosque de Colón, en Poio, visitou este mediodía o Parlamento de Galicia, un cuarto de século despois de aquela iniciativa concibida ao abeiro da conmemoración do 500 aniversario do descubrimento de DSC_00241304América.

A delegación foi recibida polo titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, que lles explicou a historia e o funcionamento do Parlamento e os acompañou durante un percorrido polo Pazo do Hórreo.

John Harmon McElroy, un xove profesor de Literatura que en 1968 chegou á Universidade de Salamanca como beneficiario dunha beca Fulbright para preparar unha edición comentada dun libro sobre Criostóbal Colón, visitou Galicia coa súa familia en 1969.

Naquela viaxe, o profesor observou que o clima de Galicia presentaba similitudes co do Norte de California, feito que o levou a plantexar, dúas décadas máis tarde, a idea de plantar 500 secuoias no sur da Comunidade, onde se recibiran as primeiras noticias do descubrimento e onde varias fontes que consultara durante as súas investigacións situaban a orixe de Cristóbal Colón.

Xa a finais de 1992, unha expedición de 24 escolares de 6 estados americanos, de entre 15 e 18 anos, plantaron as secuoias en Poio canda outros tantos mozos designados por ese concello pontevedrés e pola Comunidade de Montes de San Xoán de Poio, que cedeu o terreo no que hoxe se asenta o denominado Bosque de Colón.

O profesor McElroy ten declarado que o Bosque de Colón é a obra “da que máis orgulloso se sente” e agora, 25 anos despois, volve a Galicia para visitalo, acompañado pola súa familia e algúns dos estudantes que participaron na plantación  en decembro de 1992.

Anuncios

A valedora do Pobo entrega ao presidente do Parlamento o Informe Ordinario de 2017

A valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, entregou hoxe ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, o Informe Ordinario elaborado por esta institución e correspondente ao exercicio de 2017.DSC_0002

Comeza, deste xeito, a tramitación parlamentaria do Informe, que previsiblemente será cualificado pola Mesa da Cámara o próximo martes, continuará cunha comparecencia da valedora ante a Comisión de Peticións e rematará cunha comparacencia da valedora ante o Pleno do Parlamento de Galicia.

O Parlamento súmase a celebración do Día do Pobo Xitano e fai un chamamento a prol da integración

O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde un acto institucional enmarcado na conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se celebra o 8 de abril de cada ano para facer visible a realidade e os problemas da que é considerada a maior minoría étnica de Europa.

IMG_2945O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu a unha delegación da Fundación Secretariado Xitano. No transcurso do encontro proxectouse o vídeo Partir de Cero, unha iniciativa encamiñada a poñer de manifesto a discriminación e o rexeitamento que padecen xitanas e xitanos.

O presidente do Lexislativo galego expresou, facéndose eco do sentir dos 75 deputados e deputadas da Cámara, o “desexo da plena integración e do benestar do pobo xitano”.

Santalices Vieira felicitou á Fundación Secretariado Xitano polo traballo que está a desenvolver no ámbito da integración e amosouse convencido de que, malia os obstáculos aos que se enfrontan estas persoas, “non todas as portas están pechadas”, como se conclúe logo de ver o vídeo proxectado no acto.

Subliñou o titular do Lexislativo galego que “a mellor ferramenta para acadar a plena integración en todos os ámbitos pasa pola educación e pola formación”.

Por iso, Santalices instou ás familias xitanas a esforzarse por fidelizar e mellorar o rendemento académico dos máis novos porque “nin o abandono nin o fracaso escolar admiten desculpas”.

O presidente da Cámara animou tamén aos integrantes da comunidade xitana a enviar as súas propostas ao Parlamento. “Serán para nós un estímulo”, dixo.

O acto contou tamén coa intervención da directora territorial da Fundación Secretariado Xitano-Galicia, Eva Vera Ledo; e do director xeral de Inclusión da Consellería de Política Social da Xunta, Arturo Parrado Puente. Asistiron representantes dos grupos parlamentarios e do Valedor do Pobo.

Parlamento e Federación Down Galicia colaborarán na integración das persoas con dispacacidade intelectual

DSC_0019O Parlamento de Galicia e a Federación Down Galicia colaborarán na realización de actividades de asesoramento e apoio na integración laboral de persoas con discapacidade intelectual na Administración da Cámara galega.

Os presidentes do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto González, asinaron este mediodía un convenio de colaboración que se enmarca no compromiso do Lexislativo galego coa integración das persoas con Síndrome de Down en todos os planos, incluído o laboral.

Ao abeiro do documento de colaboración rubricado hoxe, Parlamento e Down Galicia poderán desenvolver no futuro actividades no ámbito da formación, como cursos específicos, apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva a un posto de traballo, seguimento da actividade laboral e realización de seminarios prácticos orientados ao intercambio de experiencias para o persoal que realiza funcións de referencia no ámbito laboral deste colectivo.

O Parlamento de Galicia convocou recentemente unha praza de uxier reservada para persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual. Ademais, unha das oito bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia, no actual exercicio de 2018, está reservada para persoas con discapacidade intelectual.

Comparto, por se a alguén pode interesar, a miña intervención no acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia a Aldeas Infantiles SOS Galicia, Cáritas Diocesanas de Galicia e COGAMI: https://goo.gl/73qrX8. Grazas a todas as entidades galardoadas polo labor que desenvolven a prol dos máis necesitados.

Acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia 2018

IMG_0883

O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de entrega das Medallas da Cámara que, nesta ocasión presentan un “marcado acento social” ao recoñecer o traballo das Cáritas Diocesanas de Galicia, Aldeas Infantiles SOS Galicia e a Confederación Galega de  Persoas con Discapacidade (COGAMI).

O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que a institución que preside  se esforza para  ser e actuar como o “espello no que se sentan fielmente reflectidos cada galega e cada galego” e considerou que a concesión destas Medallas “nos permite avanzar nese obxectivo, na medida en que unha inmensa maioría social se identifica co recoñecemento institucional que hoxe tributamos”.

Con todo, Santalices explicou que canda as tres entidades concretas galardoadas hoxe, “queremos recoñecer a todas as organizacións que, case sempre caladamente, ofrecen apoio e confortan a quen máis o precisa”.

O acto celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e contou coa asistencia de numerosas personalidades. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo pronunciou o discurso de clausura.

Centrándose no labor das entidades galardoadas, o presidente do Parlamento lembrou que aínda que a asistencia á infancia vulnerable está plenamente normalizada na actualidade, “non sempre foi así”. “Desde os seus inicios –afirmou-, Aldeas Infantiles ofreceu un modelo de acollemento e atención avanzado, inspirado no agarimo, a protección e o apoio ao que todo neno ou nena ten dereito e do que xamais debería verse privado”.

A xuízo de  Santalices, Aldeas Infantiles “supuxo un radical cambio de paradigma, deixando atrás o modelo dos vellos hospicios e apostando sen complexos pola tenrura e os estímulos positivos”.

Logo de referirse á intensa crise económica que “agrediu con dureza a persoas e familias”, o  presidente do Parlamento sinalou que “por fortuna, organizacións como Cáritas –pero Cáritas moi especialmente- chegaron e chegan alí onde os poderes públicos non alcanzan”. Por iso, agregou que “nunca agradeceremos abondo o esforzo de todo o equipo de Cáritas” e sinalou que, “con razón, Cáritas ten acadado o recoñecemento unánime da sociedade española e galega, agradecemento que o Parlamento de Galicia quere expresar a través desta Medalla”.

Santalices Vieira afirmou que aínda que “avanzamos pola senda da recuperación”, esta “non será completa nin debemos darnos por satisfeitos mentres os efectos positivos non se estendan a cantos o precisan, incluíndo colectivos e persoas que viven na marxinación ou na exclusión, como algunhas das que centran os desvelos das entidades hoxe recoñecidas”.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) resultou tamén distinguida no acto de hoxe xa que, en palabras do presidente da Cámara, “o acento social destas medallas non sería  tal sen ter en conta as entidades que operan no ámbito da discapacidade, unha realidade que a ninguén pode deixar indiferente”.

De COGAMI, Santalices destacou que, malia a súa relativamente curta historia, esta organización “ten demostrado con feitos o enorme potencial das persoas con discapacidade, persoas coma nós, mais con capacidades diferentes” e fixo un chamamento ao conxunto da sociedade para apoiar a inserción laboral deste colectivo.

“Do mesmo xeito que este Parlamento está dando pequenos pasos –acordes coas súas modestas posibilidades- para integrar as persoas con discapacidade, estou convencido de que a maioría das empresas e institucións poden facer o mesmo. Todos estamos obrigados a facer máis”, dixo o presidente da Cámara.

O presidente do Parlamento aproveitou a súa intervención para referirse  ás  obrigas de deputados e deputadas na súa condición de “lexítimos representantes” do pobo galego.

Recordou Santalices a “obriga de exemplaridade no noso actuar cotiá, no ámbito público e tamén no privado. A ética sempre por riba da política”.

“Obriga de procurarmos o entendemento, malia que ás veces partamos de posicións antagónicas”, subliñou o titular do Lexislativo galego antes de apuntar a necesidade de “respectar ao adversario político”, ao que “xamais” debe considerarse inimigo.

Apuntou tamén Santalices a obriga que deputadas e deputados teñen de profesar un “respecto escrupuloso ao marco normativo e institucional que entre todos fomos construíndo desde o diálogo ao longo destas catro décadas de democracia parlamentaria en España e en Galicia”.

“Obriga de respectarmos a separación de poderes, esencial para salvagardar a democracia; e obriga tamén de acatar as decisións xudiciais –todas as decisións xudiciais- con independencia do posicionamento persoal ou ideolóxico de cadaquén”, apuntou.

Recordou o presidente do Parlamento que a entrega das Medallas da Cámara se celebra coincidindo co aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía, o 6 de abril de 1981. “Culminada así –afirmou- a longa noite de pedra que nos privara de democracia e de autonomía; e comezabamos un camiño ilusionante no que, coas achegas de todas e todos, fomos edificando o noso autogoberno, galego, autónomo e leal co marco institucional español e europeo do que formamos parte indisoluble”.

Un proceso que é “consecuencia directa” da Constitución española de 1978, da que se derivan “40 anos de estabilidade e crecemento”.IMG_1343