O Parlamento acolleu este mediodía a presentación dun libro que glosa a historia do Consello de Contas de Galicia no seu primeiro cuarto de século de vida

“A sociedade reclama, e con razón, transparencia, apertura e rendición de contas por parte das institucións públicas e os responsables da súa xestión”. A reflexión foi efectuada este mediodía polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, na presentación do libro 25 aniversario do Consello de Contas de Galicia, presentado no Pazo do Hórreo.

DSC_0004O titular do Lexislativo galego considerou que os autores do vixente Estatuto Galego “foron auténticos visionarios, adiantados ao seu tempo que tiveron clara a necesidade de dotar á Comunidade Autónoma dun órgano de control externo”, o actual Consello de Contas.

Transcorrido máis de un cuarto de século desde a súa posta en marcha, e logo da última reforma normativa, o Consello de Contas “foi reforzado nas súas competencias e tamén –feito non menos importante- na súa autonomía”, autonomía que sempre formou parte dos “alicerces” do Consello, como acreditan, en opinión de Santalices, os sucesivos informes emitidos por este órgano fiscalizador.

A xuízo do presidente do Parlamento, o reforzamento da autonomía e da independencia do Consello de Contas serviu tamén para emitir unha “mensaxe de confianza” á sociedade, no sentido de que “os recursos públicos, recursos de todos, non só deben ser xestionados con eficacia e con eficiencia, senón que están sometidos a unha fiscalización rigorosa, blindada fronte a calquera hipotética interferencia”.

Lembrou Santalices que o reforzamento das competencias do Consello de Contas en materia de prevención da corrupción se efectuou tendo en conta a “experiencia e bo facer do persoal da institución, sen incorrer en incrementos orzamentarios dificilmente asumibles”.

O presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López, e pola  coordinadora do libro e conselleira do Consello de Contas, María Begoña Villaverde Gómez.

Anuncios