I Torneo Parlamentario, un certame de oratoria organizado polo Club de Debate Compostela no que participan equipos de Galicia, Barcelona, Salamanca e Madrid

O Parlamento de Galicia acolle durante as xornadas de hoxe e mañá a celebración do I Torneo Nacional de Debate Parlamentario Compostela, un certame de oratoria organizado polo Club de Debate Compostela no que participan equipos de Galicia, Barcelona, Salamanca e Madrid,

IMG_8754A actividade foi inaugurada esta mañá polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que deu a benvida aos participantes  e enmarcou a celebración do certame no Pazo do Hórreo na estratexia de apertura da Cámara á sociedade, “para que a cidadanía nos coñeza mellor e saiba o que aquí facemos”.

Como exemplos desa política de apertura, Santalices referiuse ás medidas encamiñadas a facilitar a participación cidadá na actividade parlamentaria; a potenciación das visitas guiadas; o programa Coñece as túas institucións que permitirá a alumnado de Primaria e ESO visitar as sedes do Parlamento e da Xunta; as charlas divulgativas para alumnado de ESO e Bacharelato, que neste curso se ampliaron tamén á universidade; ou a relación co mundo da cultura.

O presidente da Cámara explicou que a apertura da institución implica tamén unha maior presenza social do Parlamento e dos seus integrantes alí onde sexan requiridos.

Santalices Vieira felicitouse polo crecente interese que suscita actualmente a oratoria “despois dun certo decaemento” e animou á mocidade a cultivar estas habilidades, polas súas repercusións positivas nos ámbitos persoal e laboral,

Insistiu en que a oratoria debe tratar de convencer ao adversario, “nunca ferilo”.

O acto inaugural contou tamén coa participación de representantes dos grupos parlamentarios Popular, dos Socialistas de Galicia e do BNG.

Anuncios