O alcalde de Ramirás e o presidente da Asociación Rebulir presentan diferentes iniciativas culturais ao presidente do Parlamento de Galicia

DSC_0011O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta tarde no seu despacho da Cámara ao alcalde de Ramirás, Juan Carlos Rodríguez Matías, e ao presidente da Asociación Cultural Rebulir, Alexandre Sotelino Losada, que lle presentaron diferentes iniciativas que están a desenvolver no ámbito da preservación e difusión da cultura galega.

Entre outros proxectos, explicaron ao presidente do Parlamento iniciativas como o XIII Festival Internacional Rebulir de Baile e Música Tradicional e o Premio Rebulir da Cultura Galega, que se celebrará en decembro de 2018.

O presidente do Parlamento aceptou o ofrecemento dos organizadores para ostentar a Presidencia de Honra do xurado do Premio Rebulir da Cultura Galega, que se fallará o vindeiro mes de setembro.

O Premio Rebulir da Cultura Galega naceu no ano 2012 como recoñecemento a persoas e colectivos  que contribúan á difusión e posta en valor da cutlura galega nas súas diferentes manifestación. A entrega do Premio ten lugar cada ano na gala central do Festival Internacional Rebulir. O galardón consta de tres categorías: Música galega, Patrimonio oral inmaterial e Premio homenaxe.

Santalices felicitou ao alcalde de Ramirás e ao presidente da Asociación Cultural Rebulir polo VIII Premio Xabier Prado Lameiro da Cultura Galega, organizado pola Coral de Ruada e entregado a esta entidade o pasado venres como recoñecemento ao seu labor a prol da cultura tradicional. A celebración da reunión plenaria anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos impediu ao titular do Parlamento de Galicia asistir á entrega do galardón.