Archivos Mensuales: noviembre 2017

O embaixador de Ecuador visita o Parlamento de Galicia

DSC_0030O embaixador do Ecuador en España, Cristóbal Roldán Cobo, efectuou hoxe unha visita institucional ao Parlamento de Galicia, onde se entrevistou co titular da institución, Miguel Ángel Santalices Vieira.

Durante a entrevista, Santalices Vieira interesouse pola realidade de Ecuador, fixo votos polo fortalecemento das relacións bilaterais e desexou ao diplomático ecuatoriano unha xestión exitosa á fronte da Embaixada do seu país en España.

O embaixador de Ecuador asinou no Libro de Ouro do Parlamento de Galicia e, xunto cos seus acompañantes, tivo ocasión de coñecer a sede da Cámara galega.

O diplomático acudiu acompañado por Christian Espinosa Andrade, conselleiro da Embaixada, e por Adriano Marques de Magallanes e Alejandro Marques de Magallanes, cónsul xeral e cónsul Ad-honorem de Ecuador en Vigo, respectivamente.

Ciclo de charlas divulgativas sobre o Parlamento para o estudantado universitario.

IMG-20171106-WA0001O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, animou hoxe en Ourense ao estudantado universitario a “coñecer e facer uso” das diferentes posibilidades de participación cidadá que ofrece a Cámara galega.

Santalices inaugurou esta mañá, na Facultade de Dereito do Campus de Ourense, o ciclo de charlas divulgativas sobre o Parlamento dirixidas ao estudantado universitario, logo da excelente acollida desta iniciativa entre o alumnado de ESO e Bacharelato. Estas charlas son impartidas por ex deputados/as da Cámara e xurdiron no ano 2011.

Logo dunha experiencia piloto o pasado mes de abril na Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, Parlamento e Asociación de ex deputados/as decidiron estender e ofertar esta actividade aos centros universitarios. Proximamente celebraranse novas charlas na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, e en Ciencias Xurídicas e Enxeñería de Telecomunicacións, no Campus de Vigo.

Na charla de hoxe, participaron tamén o ex presidente do Parlamento Tomás Pérez Vidal e os ex deputados Alberte Xullo Rodríguez Feixóo e Ismael Rego González.

Santalices Vieira explicou que o protagonismo dos exdeputados obedece a dúas razóns: á súa experiencia e á necesidade de tomar distancia respecto aos debates de actualidade e as disputas partidistas que con frecuencia se suceden no Parlamento. A pluralidade das charlas queda garantida coa participación de ex deputados/as que participaron na política activa a través de grupos parlamentarios diferentes.

Na súa intervención, o titular da Cámara explicou as diferentes posibilidades de participación cidadá que ofrece actualmente o Parlamento, e que inclúen figuras como as proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular (para as que se requiren 10.000 sinaturas, fronte ás 15.000 necesarias ata 2015); a participación popular na elaboración das leis (a cidadanía pode enviar propostas ou suxestións aos textos legais en tramitación); a participación popular no impulso da acción de goberno a través de proposicións non de lei (precisan o respaldo de 2.500 sinaturas); a participación popular no control ao Goberno (posibilidade de propoñer preguntas ao Executivo); ou o dereito de petición perante o Parlamento de Galicia.

Miguel Ángel Santalices explicou tamén que o portal xurídico galego lex.gal, impulsado polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Xunta e da Universidade de Santiago, ofrece, de balde, unha base de datos de lexislación galega consolidada.

O presidente do Lexislativo galego animou ao estudantado a coñecer o Parlamento de Galicia a través do programa de visitas guiadas que a Cámara pon a disposición de toda a cidadanía.

DSC_0057Unha delegación da Rada Suprema de Ucraína visitou esta mañá a sede do Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo titular da institución, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado pola secretaria da Mesa, Raquel Arias. A visita está organizada polo Consello de Europa e permitirá ás persoas que integran a delegación ucraína coñecer o funcionamento de diferentes institucións democráticas españolas.

Durante o encontro celebrado no despacho do presidente do Parlamento de Galicia, este explicoulles o funcionamento da Cámara galega e o Regulamento que rexe o traballo e os debates que se celebran na institución. Santalices fixo votos polo afianzamento das relacións entre España e Ucraína.

Forman parte da delegación ucraína, entre outras personalidades, Sergii Vlasenko, membro do Parlamento e xefe da Comisión de Creación do Estado, Política Rexional e Autonomía Local (xefe da delegación), Oleksii Goncharenko, membro do Parlamento de Ucraína e secretario del Comité;   Viacheslav Nehoda, primeiro viceministro de Desenvolvemento Rexional, Construción e Economía Municipal; e Kostiantyn Vashchenko, xefe da Axencia Nacional de Ucraína sobre a función pública.

Logo da reunión informativa, a delegación ucraína efectuou unha visita guiada ao Pazo do Hórreo, onde o presidente do Parlamento lles amosou as diferentes instalacións que acollen o traballo cotiá da Cámara.