Homenaxe “Carlos Casares e as institucións galegas” no Liceo de Ourense

20171130_210852O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices vieira, clausurou esta tarde no Liceo de Ourense un acto institucional de homenaxe a Carlos Casares, organizado pola Cámara autonómica para poñer en valor o compromiso do escritor e ex deputado coas institucións galegas.

Santalices explicou que se ben ao longo deste ano foron numerosos os actos organizados para enxalzar a figura e a obra de Casares na súa condición de autor homenaxeado pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas, “restaba unha convocatoria como a de hoxe, orientada a reivindicar outra das facianas, o seu compromiso coas institucións”.

A xuízo de Santalices Vieira, Carlos Casares “foi un patriota galego, convencido de que para asegurar o seu futuro, Galicia precisaba dunha estrutura institucional sólida, moderna e homologable coas dos países máis avanzados en termos democráticos”.

Recordou Santalices que Carlos Casares formou parte da primeira lexislatura do Parlamento de Galicia como deputado independente nas filas do PSdeG-PSOE e que como tal “empuxou sen desmaio para reforzar e consolidar as institucións de autogoberno de Galicia”. Anunciou que en datas próximas, a Cámara presentará un libro sobre a actividade parlamentaria de Casares Mouriño.

O titular do lexislativo galego apuntou que o compromiso de Carlos Casares coas institucións se completou desde a Presidencia do Consello da Cultura Galega, “que exercía coa ilimitada entrega de sempre cando o destino lle arrebatou prematuramente a súa vida; arrebatouno a unha sociedade que necesitaba e agardaba seguir contando co seu servizo para a causa de Galicia”.

En opinión de Santalices, a de Casares é unha “figura inabarcable, que fixo moito, e todo o fixo ben, fose como escritor, como editor, como docente, como académico ou como xestor cultural”. “Toda a súa traxectoria vital –apuntou- está impregnada dunha infinita paixón por Galicia”.

A homenaxe contou tamén coas intervencións de Xabier Casares Mouriño, presidente da Fundación Carlos Casares e do Liceo de Ourense; Håkan Olof Casares Berg, fillo do homenaxeado; Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega; José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación Provincial de Ourense; Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e Xesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense.

A celebración desde acto en Ourense, “berce e referencia vital” para Casares, enmárcase na estratexia do Parlamento de Galicia para abrirse á sociedade.